Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

iniciativa

As escolas en galego, para o 2011

Será unha rede "popular", sen ánimo de lucro

MARÉ . SANTIAGO   | 25.08.2010 
A- A+

Catuxa Argibay
Pola esquerda, Fran Rei, Francisco López e Nuria Fernández, onte no acto celebrado en Couceiro
FOTO: Catuxa Argibay

Aínda que o seu desexo era comezar o vindeiro setembro, os primeiros centros da rede privada de escolas infantís en galego que promove Galiza co Galego estarán listos para o curso 2011-2012. Así o calculan os impulsores desta iniciativa, que onte realizaron unha presentación pública do proxecto na libraría Couceiro de Santiago. Francisco López e Nuria Fernández, membros da Comisión Promotora Galiza co Galego, tentaron ademais clarexar as dúbidas dos asistentes sobre cuestións como a opción polo carácter privado da rede, que xa xerou algunhas críticas.

"É algo que debatemos moito", comentou López. "Será unha rede popular, e que sexa popular é a garantía de independencia. Non é un proxecto con ánimo de lucro, non vai estar en mans dunha empresa. Non vai estar suxeita ao que decida o Goberno de quenda ou un mecenas. Tampouco representamos ningunha sigla política. É unha iniciativa popular, e o feito de ser 3.000 persoas, ou máis, garante a pluralidade", engadiu.

López repasou o proceso que levou á creación de Galiza co Galego, desde a formación dunha xestora que aglutinaba persoas que compartían a súa inquietude polo ensino en galego, ata a procura de apoios para conformar unha asociación que faga posible a creación da rede. A asociación conta xa con 1.931 sinaturas de adhesión, e conta con superar as 2.000 ao rematar agosto. A Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG, Nova Escola Galega, a CIG, STEG e a Unión de Cooperativas de Ensino xa manifestaron o seu interese no proxecto, tamén. Por outubro-novembro, anunciaron onte, celebrarase unha reunión para concretar a proposta.

Polo momento, indicaron que a idea non é construír escolas, senón apoiar iniciativas de ensino en galego xa existentes -de pais, nais, mestres...- que non conten con financiamento suficiente, ou impulsar, onde non existan, cooperativas de pais, docentes... interesados no proxecto. Aínda que tampouco descartan construír algunha escola. Como tampouco exclúen a posibilidade de solicitar subvencións, presentarse a concursos para xestionar escolas municipais... Ademais, cada socio porá 100 ou 200 euros, que servirán como garantía para que as escolas poidan manterse.

"As escolas financiaranse a si mesmas. Pagaranas os seus usuarios, aínda que tentaremos que os pais e nais teñan que pór o mínimo posible para que todas as familias poidan acceder. Os cartos dos socios serán a garantía de que as escolas se manteñan: se unha perde 3.000 euros un ano, que recupere eses cartos. Se unha gaña, eses cartos poderán ir para outra que perda...", explicou López. Deste xeito, cada escola funcionará con autonomía. "Cada centro será dos pais, nais, mestres que o creen", dixo. A función da rede será a dinamización, coordinación, avaliación, achega de metodoloxía, recursos...

DECLARACIÓNS

"Hai un ataque á lingua brutal"

López expresou o "optimismo" dos promotores do proxecto. Lembrou que "hai un ataque á lingua brutal por parte do goberno", que os rapaces "chegan á gardería e perden o galego" e que "queren eliminar o galego de infantil porque saben que manter o galego na infancia é garantía de futuro". Ademais, -salientou-, case o 65% dos pais optaron en infantil na polémica enquisa de Educación polo ensino en galego e castelán. "Polo que non é certo que os pais rexeiten o galego", dixo. Respecto disto, Fran Rei, da Mesa, lembrou o éxito, tamén en familias castelán-falantes urbanas, da liña de ensino infantil en galego, -paralela á de 50% polo menos en galego que establecía o decreto do bipartito-, instalada de xeito experimental nalgúns centros. López salientou tamén a legalidade do proxecto, e que non houbo oposición -que non agardan dos "mentores da propiedade privada"-, nin nos máis reticentes á normalización, como un representante do PP ou Gloria Lago, que "só puxeron o proxecto en corantena, a ver que pasaba".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS