Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

cunqueiro

As gabanzas dun día

Raúl Dans: "Parece que gañar premios é o único xeito de publicar e de chegar ós escenarios"

MARÉ . SANTIAGO   | 19.10.2010 
A- A+

Raúl Dans con Roberto Varela, á dereita, no momento da entrega do premio

Algo pasa no mundo da escena galego para que sexa frecuente que os nosos dramaturgos se sintan ignorados. Onte, no seo da Feira Galega das Artes Escénicas, Raúl Dans recibiu, pola súa obra Chegamos despois a unha terra gris, o seu segundo premio Álvaro Cunqueiro, -no 1994 gañárao con Lugar-. E o primeiro que comentou a este xornal foi: "Cantos máis premios, mellor. Pero o ideal sería non ter que presentarse a concursos unha vez que a túa traxectoria está contrastada".

"Parece que tes que gañar premios para que se publiquen os teus libros, para ter espazo nos medios", engadiu. Pero non só iso: "Eu teño sorte porque a miña obra está publicada, pero só se chegou a estrear Lugar", salientou. E non é o único que sinala a dificultades para que os textos cheguen aos escenarios. O Premio Nacional de Teatro Rubén Ruibal afirmaba nunha recente entrevista con GH que "ás compañías de teatro profesional parecen non interesarlles os autores galegos. As nosas obras móntanas compañías de fóra ou de teatro afeccionado. Hai autores que teñen compañía propia, que está moi ben, e compañías que prefiren que calquera escriba o texto antes de contratar autor ou pagar dereitos de autor, xa que teñen as funcións vendidas por ser a compañía que é...".

O gañador do premio Rafael Dieste na súa XIV edición, Santiago Cortegoso, tamén recoñecía nunha entrevista con este xornal que é "complicado ser autor. Dependemos moito dos premios, que nos dan a visibilidade". Ás veces, mesmo textos recoñecidos con galardóns que inclúen nas bases o compromiso da estrea quedan nun caixón durante anos, e mesmo ata ten que intervir a xustiza.

Foi ocaso do Limpeza de Sangue de Ruibal, -premio Cunqueiro, precisamente,- ou, se cadra o máis famoso, As actas escuras de Roberto Vidal Bolaño, cunha demora tan longa que fixo pensar na censura. Pero onte foi día de entrega de premios, e todo foron loanzas. Xavier Lama recibiu o Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa, mentres que Xose Antón Neira Cruz e Ignacio Vilariño fixéronse cos premios Barriga Verde para adultos e infantil, respectivamente.

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, era todo gabanzas. A programación da XVIII Feira das Artes Escénicas proba na súa opinión que "o xenio creativo galego pode desafiar os tempos de crise coa súa inxección de talento e de bo facer".

O programa ó que se referiu contén para hoxe varias propostas. A primeira, Botazz! O swing do jazz, de Galitoon, na Sala Mozart do Auditorio, 10.30 horas. Despois, La casa del abuelo, da compañía andaluza La Rous, na ARTeria Noroeste-SGAE, ás 12.00 horas, e o showcase de danza Tulipanes, de DLoira , no mesmo lugar ás 13.05 horas.

Pola tarde, representaranse A filla de Woody Allen, da compañía de Santiago Cortegoso, (Aula de Cultura de Caixa Galicia, 16.30 horas) e Cásting, de Lagarta Lagarta (Sala Capitol, 18.00 horas).

A OBRA

Os "monstros que levamos dentro"

O xurado recoñeceu da obra de Raúl Dans a súa "singular xenealoxía das mulleres", a sobriedade do seu texto e o tratamento non oportunista dun tema de actualidade. O autor apuntou que se trata da "historia da destrución dun núcleo familiar, con catro xeracións de mulleres".

Os temas que aborda son moitos, e latexaban nas anteriores obras do dramaturgo: "o fracaso, o amor, a morte...", e a dualidade dos seres humanos, no sentido da dimensión do noso ser que todos preferimos agochar, "os monstros que levamos dentro".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS