Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

DOAzón

As horas contadas

A RAG recibe hoxe o legado póstumo do escritor coruñés Xohán Casal, que lle entregara o material ao seu amigo, o pintor Raimundo Patiño

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 06.04.2010 
A- A+

AXENCIAS
A sede da Real Academia Galega na coruñesa rúa Tabernas recibe hoxe a doazón do legado de Xohán Casal
FOTO: AXENCIAS

"Cando Raimundo abre a caixa de zapatos e aparecen os manuscritos de Xohán Casal, autor de O camiño de abaixo, decatámonos de que tamén unha caixa de zapatos de Segarra pode ser a arca de Noé. Un dos textos que contiña titulábase "Campo da Rata". Ese texto clandestino publicámolo nós nunha revista tan urderground, que agora é case imposíbel de atopar, e que faciamos ás ceibas en Madrid co nome de Loia." Así lembraba Manolo Rivas, no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, o legado póstumo do escritor coruñés Xohán Casal -da estirpe do editor galeguista asasinado no levantamento do 36, Ánxel Casal e fillo dun intelectual progresista- que lle entregou ao seu amigo, o pintor coruñés Raimundo Patiño, os seus derradeiros textos.

Para evitar que este material se perda, a viúva de Raimundo Patiño, María Vicenta Rábago, entregará hoxe á institución da Rúa Tabernas estes "papeis", entre os que se atopan relatos, poemas ou mesmo "unha novela inacabada", segundo apunta o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos. O acto, que se celebrará ás 19:00 horas na sede da Academia, contará, ademais, coas intervencións de Manuel Rivas, Antón Patiño e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG.

Nos anos cincuenta, Xohán Casal (1935-1960) creou, xunto a Raimundo Patiño e Antón Avilés de Taramancos, a Asociación de Artistas Ceibes da Coruña. A súa morte prematura cando aínda non cumprira os 25 anos, provocou que Casal deixase inédita a súa obra literaria, que viu a luz en 1970 coa edición, a cargo do seu amigo, o pintor Raimundo Patiño, e coa supervisión de Xosé Luís Méndez Ferrín, do libro de contos O camiño de abaixo, co que entronca coa renovación da "nova narrativa galega". Quince anos despois, Ediciós do Castro reeditou este volume, ao que incorporou tres narracións novas: Disquisicións dun señorito en materia de relixión, O neno e O traxe aldeán.

"Formación culta, dominio expresivo e talento"

Porén, parte do material que lle deixou a Raimundo nunca viu a luz. Segundo apunta Antón Patiño -curmán do pintor-, trátase de "textos manuscritos e mecanografados como apuntamentos, relatos, microrrelatos, esbozos, proxectos de novelas e traballos de formación". Son textos nos que se reflicte "a súa formación literaria culta, o seu dominio expresivo e un talento indubidable". E nos que o autor coruñés non abandona o seu desacougo existencial, marcado pola longa noite de pedra da posguerra e pola conciencia da súa morte prematura -nacera enfermo do corazón e coñecía a gravidade da súa doenza-.

A doazón á Academia prodúcese logo de que Manuel Rivas -que foi amigo e veciño de Xohán Casal- lembrou ao que cualificou como o "Kafka coruñés" no seu discurso de ingreso na institución, pero a familia de Raimundo Patiño "levabamos anos teimando nesta idea".

A entrega deste material á RAG, coincide, destaca Patiño, "co cincuenta cabodano da morte de Casal, data que tamén cadra co 25 cabodano da morte de Raimundo, curiosamente". Ambos mantiveron unha relación "moi intensa" case "transpersoal" -apunta Patiño- dende que se coñeceron na coruñesa Escola de Comercio. "Raimundo, que pasara moitos anos illado por mor dunha enfermidade ósea, era moi tímido de maneira que pasaba só todos os recreos. Nun deses momentos de lecer foi cando coñeceu a Xohán, ao que lle preguntaba: "Señor Patiño, é vostede amigo da choiva?".

Xa en Madrid, a súa amizade continúa afianzándose até a repentina morte de Xohán Casal en 1960. "De feito, apunta Antón Patiño, o libro de Raimundo, "Bandeiras neboentas", ten moito que ver con certo panteísmo que existe en ambos, influenciada polas ideas existencialistas de Karl Jaspers".

DIFICULTADES ECONÓMICAS

Ferrín: "Hai 28 traballadores na RAG con medo a perder o seu emprego"

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, valora positivamente que o PP -a través do deputado Ignacio López-Chaves- reclamase máis fondos públicos para a RAG. "Non temos nada en contra do Partido Popular -apunta Ferrín- que rexistrou xunto ao Bloque e ao PSOE iniciativas endereitadas a que a RAG recibise partidas orzamentarias do Goberno central". O presidente da Academia lembra que "ningún goberno anterior incluíu un renglón para que a RAG estivese nos orzamentos". Tampouco se quere precipitar a institución á hora de valorar as bases do Decreto do galego que, ao ver de Ferrín, "aínda non foi formulado na súa totalidade". Polo que si están preocupados na institución é polos problemas económicos que lles afectan este ano. "Hai 28 traballadores con medo a perder o seu emprego. Non podemos traballar nos proxectos. Estamos facendo un esforzo tremendo con este tipo de reclamacións, que están sendo apoiadas, pero que non teñen que facer vascos nin cataláns. É unha mostra do atraso de Galicia", conclúe.

O MATERIAL

"Antón Patiño: "Os textos son un berro existencial e desacougante"

O camiño de abaixo é un berro, arrepiante e telúrico, que Xohán Casal, un mozo "intelixente, preparado e culto", ao ver de Antón Patiño, ceibou en plena posguerra. Un berro ante a morte -xa que era consciente de que non lle quedaban moitos anos de vida-, a soidade e a loucura, ante o alleamento e ante Galicia. Nos textos que hoxe se depositarán na RAG, segundo explica Antón Patiño, respírase o "clima abafante polo contexto sociopolítico e polo mundo interior" no que vivía Xohán Casal que a finais dos anos cincuenta "decidiu cambiar o idioma co que escribía até daquela, o castelán, polo galego e a súa ruptura foi tan forte que mesmo chegou a queimar algúns dos textos en castelán".

Desa paixón vital naceron textos nos que, segundo Patiño, "dá igual que personaxe describa, todo ten recendo dramático, como se tivese as horas contadas, lanza un berro existencial e desacougante, un berro que é case como un lazo co que se abraza a si mesmo, que se vía nun escenario sen saída".

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS