Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Escritora e profesora

Belén Martín Lucas: "Rexeitar a aprendizaxe e a vivencia en galego é unha mutilación terrible"

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 27.06.2011 
A- A+

Belén Martín Lucas imparte clases na Universidade de Vigo dende 1993

Belén Martín chegou a Vigo para traballar na Universidade en 1993. "Vigo é a miña cidade por elección, na que máis cómoda me sinto", asegura esta profesora nada en Ciudad Rodrigo. A estadía como estudante en Canadá marcou a súa traxectoria vital. "Vinte anos depois decátome do privilexio que tiven ao compartir aulas con compañeiras e compañeiros que agora son figuras fundamentais das letras canadenses e intelectuais de referencia, coas que sigo colaborando nos meus proxectos académicos. Entre todas as miñas amizades canadenses, ocupa un lugar moi especial Erín Moure, "a miña xemelga" en Montreal", afirma. Na Universidade de Vigo imparte cursos de teorías e literaturas poscoloniais en inglés, tamén de literaturas diaspóricas e feministas. A súa investigación xira en torno á racialización e sexualización dos corpos, empregando principalmente textos de autoras diaspóricas en Canadá, mais tamén a teorización sobre a explotación simbólica do corpo feminino nos discursos nacionalistas.

Na actualidade dirixe un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación titulado Os mercados culturais na globalización: a produción, circulación e recepción da diferenza, no que participan investigadoras/es de dez universidades de Portugal, Reino Unido, Francia, Canadá e Australia, ademais de Vigo.

 

Belén, as túas pinceladas autobiográficas invítanme irremediabelmente a cavilar, sobre todo cando falas da túa identidade esparexida, axotada; dispersa, salientas entre aspas nas notas que eu che solicitei para o meu gozo nesta conversa que agora comezamos. Eu teño, Belén, unha certa inclinación polas persoas que coma ti se autorretratan así, como ti o fas, e entendo esa analoxía identitaria do eu, dunha maneira ben distinta á acepción formal do significando polisémico, é dicir, que a "identidade dispersa" non nos leva a un modus vivencial derramado, senón todo o contrario, porque na exposición desa proclividade existe unha reflexión implícita e polo tanto nada banal e lonxe da arroutada sen máis. E de tal observación que veño de facer, xorde a pregunta de como foi a túa aposta e incorporación á cultura nacional, galega, se me permites a expresión, para dende ela e cabo doutras linguas, nas que ti impartes aulas sobre distintas literaturas do inglés poscolonial, así como diaspóricas e feministas? A sociedade masculinizada, atávica e aínda tribal, contra a que moitas de vós e moitos de nós loitamos, creo eu que a chamada explotación simbólica do corpo fenimino, moi pouco ou nada ten que ver co discurso nacionalista e moito menos internacionalista, senón que é un problema que se dá na sociedade en xeral, pero non forzosamente inherente a fundamentos ideolóxicos, facendo fincapé en distinguilo ou discernilo do estrito relixioso, que ao meu ver non hai porque asocialo á ideoloxía, en atención a puros conceptos filolóxicos, e si a un corpus filosófico e sociolingüístico. A carnalidade e a posesión da muller polo home, en troques dunha harmonía recíproca e liberadora, está vixente e mesmo subxace en todas as relixións, xa sexan de aquí ou de acolá. Belén, despois desta miña non curta introdución, agradeceríache, como non, a túa reflexión, concordancia ou discordancia con esta proposta insubmisa, pero non abrupta, e se así for pido desculpas polas miñas posíbeis feblezas. Túa é xa a voz, a palabra, Belén...

Esta non curta introdución aborda un bo número de cuestións que requiren maior espazo para darlle unha resposta axeitada. En breve, diría en primeiro lugar que o "modus vivencial derramado" paréceme un modo moi certeiro (e nada frívolo) de describir o desbordamento identitario ao que me refería, unha maneira de apuntar que a identidade é un constructo por forza plural e fluído que reborda ás etiquetas, e sempre contextual. En canto ao equiparar tribalismo e sociedade masculinizada é enganoso, porque moitas sociedades tribais son moitísimo máis igualitarias que esta supostamente civilizada sociedade nosa, e, de feito, a colonización occidental impuxo costumes discriminatorios contras as mulleres en moitas sociedades que non tiñan tales. A interiorización de modelos occidentais de masculinidade e o seu deprezo das tarefas de coidado ("non produtivas") foi nefasta para numerosas culturas indíxenas das Américas nas que as funcións sociais das mulleres non se valoraban de maneira distinta ás dos homes. Sobre a utilización simbólica do corpo feminino nos discursos nacionalistas hai moitísimo traballo feito, non tes máis que pensar na expresión "terra nai", ou ver os concursos de Misses co nome do seu país sobre o corpo (versión actualizada de metonimias máis clásicas coma Hibernia, Marianne, ou a Bharat Mata en India). De isto á violación como crime de guerra hai unha liña directa na lóxica da dominación, a mesma que hai entre o desexo de posesión do que falas e o asasinato das mulleres que o rexeitan.

 

Os movementos emancipadores da muller -e por que non do home?- están no bo camiño pero aínda queda moito que tripar? Non pode haber emancipación das mulleres se non pensamos que tamén é unha emancipación dos homes que non queren este tipo de sociedade violenta e opresora. Vivimos nun momento de perigosa e imparable regresión apenas camuflada baixo o discurso dominante nos medios de comunicación e na cultura popular do posfeminismo, entendido como termo cronolóxico. A hostilidade contra as mulleres é feroz, e o proxecto de lei de familia do goberno de Feijoo é un clarísimo exemplo disto.

 

A Lei da paridade, por exemplo, no Estado español contribúe en gran medida a unha sociedade menos machista, ou é unha hipocrisía para perpetuar a submisión contra a que loitamos cóbado con cóbado, unha morea de seres humanos?

A Lei da paridade é unha triste necesidade fronte á hipocrisía de quen di que vivimos en igualdade; xa é triste que aínda precisamos dunha lei que permita o aceso das mulleres á representación política. Se nin sequera coa lei se consegue a paridade, que sería de nós sen ela? As mulleres sempre estiveron na política, a premisa feminista de que o persoal é político deixou ben claro isto, mais as estruturas da política institucional son tan patriarcais que nin sequera unha lei de paridade basta para derrubar os teitos de cristal. Quen pensa que non é necesaria esta lei ou viven asentadas/os no privilexio ou descoñecen a sociedade na que viven.

 

A escravitude é máis que unha pandemia no mundo. Trocado o fámulo/fámula en liberto/a, e vernizados ambos dous nunha superficialidade delirante, sometidos en distintos graos desa/desta liberdade condicionada ao capitalismo e a súa inicua globalización, que moitas "privilexiadas mentes" non acertan a distinguir no seu envurullo mental. Difícil é, xa que logo, o camiño da liberdade, se en principio non somos conscientes do noso escravismo, algo que a burguesía tan inútil como decadente, encárgase de perpetuar como o sutil bíblico de "medrade e multiplicádevos", outro mesmo distito xeito de escravitude que xa está antes e Marx e despois en Huxley, Orwell, etc. Non é Belén?

Falar do "noso escravismo" en relación coa burguesía capitalista é falar dun "escravismo" de luxo; estamos neste sistema porque non somos quen de imaxinar como saír del sen perder moitas das comodidades das que gozamos, porque a xustiza global pasa pola perda dos nosos privilexios. Non podo falar de escravismo en referencia a nós, que temos o privilexio da voz pública para expresar a nosa crítica e articular a nosa protesta, cando a escravitude real existe neste país, neste mesmo momento: escravas sexuais enganadas, raptadas, drogadas e forzadas a prostituírse, persoas inmigrantes sen documentación obrigadas a traballar e vivir en condicións espantosas, ou presas en institucións penais á espera de ser expulsadas. A violencia do capital non ten límites, e fronte a esa virtualización dos modos de produción que prometía a era da información vemos que o corpo humano segue a ser violentamente explotado.

 

A homosexualidade tanto masculina como femina; a heterosexualidade, cres ti que pode condicionar calquera arte en ambas as dúas direcións, sobre todo na literatura en xeral, e non tanto -digo eu- na música ou na pintura, onde a abstración pode acadar estadios de críptica sublimación maiores que -talvez- na literatura?

Cada parámetro da identidade participa na produción artística, porque a arte, sexa visual ou literaria, non se produce fóra dun contexto social. A especial relevancia ou non dun parámetro (a sexualidade, a clase, a etnia, ou a idade, por exemplo) dependerá tanto da importancia que unha persoa lle dea dentro da súa vida artística nun momento determinado ou nun texto/creación concreto, coma do contexto de recepción. A miúdo é a crítica quen focaliza a súa atención en aspectos que lle parecen relevantes, aínda que quizá na produción, no proceso creativo, non tiveron ese peso, ou non de xeito consciente.

 

O socialismo real é a solución para unha sociedade inxusta, embrutecida e desigual?

Como se podería definir o "socialismo real"...?. O neoliberalismo ultracapitalista é unha ideoloxía brutalmente inxusta baseada na desigualdade, mais non é o único elemento (aínda que sexa o dominante) na sociedade en que vivimos. A resistencia e, quizais máis interesante, a disidencia, tamén están aquí. Hai formas de colectividade baseadas no respecto que operan na nosa contorna dende a cooperación, o apoio mutuo (a solidariedade real), e o intercambio; non me refiro a idílicas comunas hippies afastadas do mundanal ruído, senón a agrupacións (formais ou non) que crean cooperativas de cultivo ecolóxico, que impiden desafiuzamentos, que okupan espazos privados para uso público, redes de mulleres con diversos obxectivos (tamén redes de homes, como os diversos colectivos de homes pola igualdade), mesmo formas de "familia" -outros tipos de afiliación- que cuestionan radicalmente o núcleo do capitalismo e o seu individualismo alienante. Comunitarismo real, preferiría eu.

 

A universidade transmite unha realidade tan próxima ao fracaso que pode chegar a se converter nunha GRAN MÁQUINA subministradora da turba, toldada e tristeira dos detritos que necesita o bandullo infame do capitalismo e os seus lacaios á matenta?

Fracaso ou éxito segundo quen? A universidade é unha peza fundamental no mantemento dos valores da sociedade para a que traballa, sexan estes capitalistas ou comunistas, é sempre un engrenaxe importante da maquinaria. Neste sentido, parece ser unha institución bastante exitosa: o discurso dominante agora é o da transferencia do coñecemento, dende premisas neoliberais esíxelle á universidade que retorne á sociedade o que esta lle financia, non? Acaso pide a sociedade que lles mandemos heroes antisistema? Pensar que a misión da universidade é a de formar mentes críticas paréceme unha inxenuidade de idealistas que non teñen en conta cuestións tan básicas e fundamentais como que o sistema educativo todo é un dos aparatos ideolóxicos do estado e que ningunha sociedade ten interese en educar na rebeldía. Unha das pancartas do 15-M que máis me gustan é a de "Penso, logo molesto". Na universidade temos que buscar, como na sociedade en xeral, as fisuras de disidencia, que as hai, moitas, pero sempre a contracorrente e resistindo a marea.

 

Revolución, pois, ou reforma, revisionismo...?

Revolución, sen dúbida. Nos milenios que levamos neste planeta non dimos coa fórmula social perfecta, aínda queda moito por experimentar.

 

Idioma galego: estado da cuestión. Feito desaparecer aquel Decreto de Normalización Lingüística, tan contestado como incumprido pola ignorancia pedestre, a situación que estamos a vivir non parece alá de moito afalago. Os disparates propostos son cada xeira maiores: Ao bilingüismo "cordial" ou "harmónico", despois do dislate "trilingüe", proponse, posibelmente dende unha obnubilación incomprensíbel, un "bilingüismo restitutito" ou "natural", termos ao que por respecto persoal ao seu principal mentor, non quixer eu retratalo de "pardao".

A semana pasada celebrábase con entusiasmo e alborozo nos medios estatais a boa saúde do español como idioma global presente en todo o mundo: "máis de 50 millóns de falantes", "o segundo idioma máis falado do planeta"... Esta é a lingua que está en perigo de desaparecer en Galicia se non se toman medidas drásticas e urxentes que reduzan o uso do galego no ensino??!! O nivel de interiorización da colonización en Galicia é brutal, só iso pode explicar que persoas que tanto valoran o coñecemento de idiomas impidan que as súas fillas e fillos coñezan ben a lingua da terra na que viven; lingua, por outra parte, que lles permitiría comunicarse con millóns de persoas fóra de Galicia. Cada lingua é un universo que podes habitar, unha nova consciencia dende a que interpretar a vida; rexeitar a aprendizaxe e vivencia nunha paréceme unha mutilación terrible e totalmente innecesaria.

 

Todos temos algo de loucos/loucas poetas, soños en vixilia que escribimos e gardamos nas gabetas da alma, en cuartillas de vento que ha ser leve brisa e memoria. Que hai en ti disto que digo, Belén?

As/os poetas non están loucas/os, na súa maior parte son as persoas máis lúcidas que temos. Eu son unha persoa prosaica e de acción, eses momentos creativos da vixilia nos que o cerebro non para de funcionar case sempre acaban na miña axenda.

 

Que desperta ou adormece en ti o teatro...?

Facemos teatro todo o día, interpretamos papeis e vestimos máscaras. O teatro expón coma un espello o carácter performativo das nosas propias vidas. Recomendo enormemente o poemario de Erín Moure "Teatriños" que invita á reflexión sobre esta cuestión.

 

Hai paisaxes e libros aos que sempre regresas?

Son profesora de literatura, así que por suposto hai textos aos que volvo unha e outra vez; cada lectura constrúe un novo texto e vas apreciando máis e máis niveis e intertextos que non descubriras na primeira incursión.

 

Tempo, felicidade, que retrato poderías facer?

O tempo é o ben máis escaso na miña vida: precisaría de catro ou cinco vidas simultáneas para facer todo o que me gustaría facer. A felicidade é un sentimento utópico que só se experimenta en instantes puntuais, nunca duradeiros. Pero si penso que as persoas cunha actitude positiva, cun carácter alegre, contan con estratexias máis axeitadas, como humor, para superar os momentos duros e desfrutan moito máis da vida.

 

Que música te leva, Belén; cal o ritmo, o son, a palabra...?

A miña familia é moi musical e na casa soa a música dende primeira hora da mañá até a noite, así que cando estou soa aprecio a música do silencio.

 

Non me digas que nunca escribiches un poema na túa vida...

Si, escribín, e mesmo me publicaron un... cando tiña oito ou nove anos. Mais non toda a poesía se escribe en verso, e non todos os versos son poesía.

 

O amor ten algunha definición posíbel?

Supoño que cada persoa terá unha definición do amor que será, como todas as definicións, revisable e expandible.

 

Un cambio cecais por ti inesperado. Democracia e monarquía, como é posíbel esta conxuga?

É imposible. Propoño a abolición da monarquía como a primeira medida urxente contra a crise económica: financiamos con fondos públicos que restan recursos ás persoas máis necesitadas a unha familia numerosa (e en constante expansión) que, apropiándome do slogan das indignadas/os, "que non, que non, que non nos representan": a monarquía é feudal, clasista, sexista, e, no caso español, incumpre ademais a desvinculación de Estado e Igrexa na exhibición reiterada do seu catolicismo.

 

Entre os teu presupostos está unha Galicia socialista, independente e solidaria?

Con moitas matizacións respecto de que entendemos por socialismo, como comentaba antes, si.

 

Só con leis burguesas pódese erradicar o machismo, a chamada violencia de xénero e outras innomeábeis infamias?

A discriminación de xénero prodúcese en todos os estratos sociais e en todos os sistemas políticos institucionais, capitalistas e comunistas. As clases traballadoras, as medias, burguesas e aristócratas comparten todas o seu machismo. Nunha democracia as leis, burguesas ou non, teñen que establecer e protexer os dereitos das cidadás. A Lei de igualdade actual podería garantir unha boa educación que contribúa notablemente á erradicación da ideoloxía machista, pero o seu incumprimento é a norma, non a excepción.

 

Cal é o medo e o prezo da nosa propia liberdade, Belén?

A liberdade a secas é un signo demasiado ambiguo: a liberdade para que ou de que? O fascismo "libera" o pobo do xugo comunista, o machismo "libera" as mulleres das cargas do traballo (remunerado) e dos perigos dos espazos públicos (de novo, en referencia á Lei de familia do PP galego que nos quere de volta na casa). Ao vivir en sociedade, a liberdade está limitada polo respecto, e se hai respecto verdadeiro, as liberdades individuais estarán garantidas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS