Xoves 09.09.2010
| Actualizado 10.57
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Unha imaxe do espectáculo ‘Vinte e sete’ da compañía Losdedae |
Vigo non só lle está arrebatando o podio a Compostela no número de espazos alternativos senón tamén no de iniciativas culturais vinculadas coa danza. Precisamente hoxe a cidade olívica, dentro do seu programa de festas organizado pola Concellería de Cultura do concello de Vigo, celebra unha xornada dedicada á danza contemporánea con catro compañías, as viguesas Olga Cameselle e Anuska Alonso, os coruñeses de Entremáns e os madrileños da compañía Losdedae. Segundo explica a directora artística do evento, Cristina Cameselle, serán "cinco espectáculos en catro espazos diferentes para ver o que se está facendo en Galicia e fóra".
Hoxe ás 12:00 da mañá, a praza da Princesa acollerá o espectáculo "Memoria agochada 03" de Olga Cameselle, fundadora da compañía Dique danza. E, a continuación, Entremáns representarán a peza "Si quero". Esta compañía coruñesa, creada en 2006, repetirá pola tarde a partir das 19:30 horas, na única sesión infantil da xornada, presentando a obra "Que pasa aquí" no Parque do Castro.
Un pouco antes, ás 18:00 horas, inaugurarase a Vila Romana de Toralla -que data dos séculos IV e V- e que está na Finca Mirambell. Trátase da única vila de Galicia que está escavada integramente e que abrirá ao público mañá. Como parte do acto de inauguración, a bailarina viguesa Anuska Alonso presentará un "Solo de danza".
E finalmente, a compañía Losdedae, pechará esta xornada de danza a partir das 21:30 horas no Conservatorio Superior de Música, levando a escena o espectáculo "Vinte e sete". "É unha das mellores compañías de nivel europeo", destaca Cristina Cameselle. A peza que traen a Vigo os bailaríns madrileños comandados por Chevi Muraday é un percorrido audiovisual pola traxectoria da compañía a través de diferentes solos que foron creando dende que naceu no ano 1997.
Para a directora artística do evento, nos catro anos que leva traballando en Galicia, "está a medrar o interese pola danza, as escolas traballan máis abertas á experimentación, hai propostas cada vez máis interesantes... Estase xerando unha boa corrente coa danza, grazas, entre outros, ó Centro Coreográfico Galego, pero aínda hai moito que traballar", considera.
Cameselle lamenta que este ano desaparecese da programación de Compostela o festival "En Pé de Pedra". "Imaxino que o vindeiro ano se recuperará outra vez", apunta. Pero tamén valora o bo momento que se vive en Vigo en relación coa danza contemporánea. "Nós facemos un curso de danza e este ano apuntáronse 25 persoas, que encheron a nosa aula", indica.
A directora artística bota en falta "máis compañías de danza contemporánea" xa que en Vigo só funciona "Disque Danza" e o resto, son bailaríns que traballan de forma individual. "Necesítase ter unha formación e un espazo onde ensaiar, pero seguro que xorden máis grupos de danza", considera.