Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

7/1/11

Breviario de pensamento clásico

Homenaxe a Pérez-Barreiro, o primeiro tradutor do chinés

MARÉ . SANRIAGO   | 04.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
Pérez-Barreiro recibiu no 1985 o Premio Nacional de Tradución
FOTO: AXENCIAS

Fernando Pérez-Barreiro Nolla, un dos homes que actualizou o campo da tradución en Galicia e referente na diáspora e da Cultura galega, recibirá o venres en Baiona unha homenaxe do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, no que el fora membro do Consello Asesor.

Posuidor dunha ampla traxectoria intelectual e profesional na BBC ou na Organización Internacional do Café, Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster, 2010) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1963, trasladouse a Inglaterra e desde entón reside en Londres.

No 2009, foi galardoado polo Consello da Xunta coa Medalla Castelao, que premia a obra humana, artística ou cultural. En 1972 publicou en Galaxia a tradución de Macbeth, a primeira realizada ao galego dunha obra de teatro de William Shakespeare.

Os seus coñecementos de chinés, adquiridos nos anos oitenta, permitíronlle publicar no 1982 en Xerais unha antoloxía de narrativa curta chinesa moderna, Flores e leña, primeiras versións directas do chinés que se fixeron ao galego.

Tamén traduciu Alicia no país das marabillas e Alicia ao outro lado do espello, de Lewis Carroll, canda a súa muller Teresa Barro. O primeiro deses títulos valeulle en 1985 o premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís..

Nos anos noventa impartiu cursos de tradución en universidades inglesas (Westminster e Thames Walley) e tamén en Granada e mais en Lisboa. En 2005 confeccionou un Breviario do pensamento clásico chinés co que obtivo o premio Plácido Castro de tradución, ano en que tamén recibiu o Pedrón de Honra.

Integrante e animador do Grupo de Traballo Galego de Londres, Pérez-Barreiro Nolla prestou especial atención á dinamización do mundo educativo, con iniciativas e reflexións orientadas a fomentar un espírito crítico e creativo.Tamén escribía con regularidade para publicacións galegas, como o desaparecido semanario A Nosa Terra, Tempos novos ou Tempo exterior.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e integrante da Comisión de acción exterior do Consello da Cultura Galega. En 2007 foi obxecto dunha homenaxe con motivo do Día Internacional da Tradución.

DATOS

Villares e Méndez Ferrín

Entre outras personalidades, teñen confirmada a súa presenza na homenaxe o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, ademais de diferentes personalidades do mundo da política e da cultura.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS