Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

crónica dun tributo

Búmerang punk

Pereiro e a súa recua de músicos deron unha lección de frescura no escenario da Sala Nasa ·· Os clásicos da banda berráronse como antano entre bágoas, suor, e un chisco de sangue

MARGA TOJO . SANTIAGO   | 24.04.2010 
A- A+

Vicente Bouzas
Xosé Manuel Pereiro, aka Johnny Rotring, á esquerda, e Antón Díaz Papaqueixo dándoo todo no escenario
FOTO: Vicente Bouzas

Sostén Pereiro que "para montar un grupo só fai falla un cantante e unha panda de fillos de puta". E a Pereiro, o xoves, o guitarrista Pablo Iglesias case lle rompe un dente dunha pancada na boca, hai quen di que intencionada. Tranquilo e impasíbel como Bruce Lee, que diría Caetano Veloso, retomou o verso da canción que quedara pendurado na boca o actual decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, coñecido entre a vella garda noctámbula como Johnny Rotring.

Algún dos organizadores nos suxeriu ao chegar ao evento: "Deberían facernos unha reportaxe para o Vida Social Gallega de El Correo. Son as vodas de prata dos homenaxeados!". Foi no escenario da Sala Nasa de Santiago de Compostela e non en van se lle rendía tributo á extinta banda de culto galega Radio Océano, pais do Atlantismo e do punk galego, da que Rotring era vocalista. Corría no local a suor a mares e as carnes no escenario, como no respectábel, tendían a maioría ao infinito. Xente tan irrenconciliábel como Miguel Costas e Julián Hernández, primeiro e segundo vocalista de Siniestro Total, compartiron teito, que non alentos. Vimos subir a escena a un insólito ex director xeral da Xunta do bipartito e actual comentarista das portadas de GALICIA HOXE, contertulio mediático, e profesor da USC, Antón Losada, aclamado aos berros como patriota galego, e el en chandal, cun bonito chorro de voz, a unir palabras canda o insuperábel Pereiro -dúas horas e medio dándoo todo- no clásico Terra a Chá (que igual que Como o Vento soou en repetidas ocasións e con distintos protagonistas). Alguén nese estraño espazo no que se gastan horas con amigos cos que non se ten tempo para tomar cafés, que é o Facebook, comentaba onte: "Cada vez estou máis convencida de que Losada e Reixa SON A MESMA PERSOA!". E o losádico Resentido ironizaba con que "Radio Océano foran un grupo pioneiro porque cantaban en bilingüe", para maior gozo do público. E subiron ao escenario os Brabús Bocixa, Antón Papaqueixos e Fran Amil. E entre os máis novos, Leo i Arremecaghoná, García de Dios Ke Te Crew ou Martiño de The Homes, aka martin Wu, mentres Pereiro soltaba "espero que teñan permiso dos seus pais para estar aquí".

Ao final da noite, un tipo de Noia que botaba en primeira fila espetounos entusiasmado: "Perdoen, estes quen eran, que quero comprar o disco?!". Non hai mellor piropo para unha banda que levaba vinte e cinco anos gardada nos corazóns. E que xa nos facía falla, pois empezabamos a cheirar a alcanfor. (Descúlpanos, Rotring, que isto fede a nostalxia).

JULIÁN HERNÁNDEZ

"Puxemos a Galicia Bilingüe en mans dos avogados"

Non é a primeira vez que a organización contraria á normalización lingüística do galego, Galicia Bilingüe, fai caso omiso dos dereitos do autor. Xa tiveran problemas por coller imaxes de Animal Farm (exhibida en España co título Rebelión en la granja). E o último foi que escolleu como estandarte da súa páxina páxina web a arquicoñecida canción Miña terra galega de Siniestro Total, recorrido himno de saudades da terra, versión do a célebre versión do Sweet Home Alabama. "Está en mans dos nosos avogados", comentounos Julián Hernández, "non queremos facer máis declaracións porque supoño que o que quererán e sacar partido de calquera cousa que digamos publicamente, e non queremos contribuír á súa publicidade". Siniestro Total soubo do caso grazas a un dos coordinadores do famoso grupo de Facebook grupo de facebook "A mín tamén me educaron en galego e non saín mal de todo", tal como informaba onte Vieiros.

Tres tenros trebóns

Os Tres Trebóns, a nova banda de Xurxo Souto -canda a Antón-Papaqueixos e Fran "Papaqueixo" Amil- foron os reponsábeis de que Radio Océano se subise o xoves ao escenario da Nasa. A eles, e sobre todo, ao empeño incondicional do ex Diplomático, hai que lle brindar o espectáculo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS