Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 17.01.2020 Actualizado 21:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

rede

Camilo Franco crea o folletín 2.0

Colga en Facebook a parodia política "Balada triste de moqueta"

FRAN P. LORENZO . SANTIAGO   | 05.05.2011 
A- A+

emerson díaz
Camilo Franco, onte na compostelá Casa das Crechas na presentación do ‘experimento’
FOTO: emerson díaz

Coas ineludíbeis doses paródicas que com­porta unha campaña elec­toral e coa desmitificadora ironía que é marca da ca­sa, o escritor e xornalista Camilo Franco abéirase agora ao folletín 2.0 e bo­ta man de Facebook, ese non lugar "que se consulta a diario, no que se colgan cousas que non lle impor­tan a ninguén, pero que todo o mundo le". E cal é a materia narrativa deste ex­perimento pioneiro? Pois o diario dun candidato mu­nicipal, un concelleiro de Festas e Cultura no que concorren -coma nun bu­cle de situacións vividas-, os personaxes, as historias e os espazos xa experimen­tados polo propio autor en anteriores campañas elec­torais.

Balada triste de moque­ta -tamén hai camisola- é o título desta fresca e des­prexuiciada incursión nun novo xeito de narrar, que acode ás redes sociais e ás posibilidades de interac­ción que oferta a virtua­lidade. "Decidín xuntar o revés da crónica política e o dereito do folletín", dicía onte Camilo Franco duran­te a presentación.

Farao a xeito de capítulos diarios nos que, até a conforma­ción dos gobernos muni­cipais, en xuño, Franco irá debullando tramas e re­tratos que se enlearán cos comentarios das lectoras e lectores, convencido de que na literatura, como na hos­telaría, "o cliente sempre ten a razón". Esa disposi­ción achouna o xornalista no lugar que acollerá, vir­tualmente, esta Balada tris­te de moqueta: a páxina web da Casa das Crechas, o pub compostelán que é en si mesmo un nó principial da ampla rede cultural da ca­pital de Galicia.

Visto que o twitter que­daba pequeno para contar o que quería contar -"non me daba o texto", chancea Camilo Franco-, Facebook, nunha páxina tuneada po­lo deseñador Rubén Prol, achegará o soporte primei­ro desta aventura narrati­va, que incorpora música nunha play-list, imaxes, xo­gos e hipervínculos varios.

Fiel na súa obra a un­ha "vocación de comedia" que considera desterrada da narrativa peninsular e con proverbiais ganas de contrariar, o novo proxec­to de Camilo Franco terá aínda unha outra vida. Se­rá a xeito de libro -"unha impresión baixo demanda e a prezo económico"- que verá a luz nunha gran fes­ta que se celebrará na Ca­sa das Crechas uns días despois da publicación da última entrega. Alí leranse os capítulos máis votados e escoitaranse os temas mu­sicais favoritos do público. Poida, ademais, que o pro­pio autor dea en cantar. Quen pase esa noite polas Crechas poderá mercar, ademais, a versión íntegra do folletín, na versión impresa ou dixital, cun deseño específico dese activo membro do cibermundo galego que é Rubén Prol.

CON RETRANCA

O primeiro capítulo, xa dispoñible

Mentres non lles dá chegado esa día aos nostálxicos do papel e dos formatos convencionais, o primeiro capítulo de Balada triste de moqueta fica xa, aberto ao mundo e cargado de retranca, no Facebook da Casa das Crechas: http://www.facebook.com/casadascrechas. Camilo Franco aspira a petar Facebook e lánzalle unha advertencia ao lector galego que hoxe preme xa no polegar de Gústame: "todo comentario vai ser utilizado na súa contra...". Ou no favor da novela, que vén ser o mesmo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS