Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

LINGUA

Camiñar para atrás

A Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática amosa o seu "total" desacordo co anteproxecto do decreto do galego

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 19.03.2010 
A- A+

AXENCIAS
Manuel Díaz Regueiro –que tamén fai arte por ordenador– é o presidente de Agapema
FOTO: AXENCIAS

O desacordo da comunidade educativa co anteproxecto do decreto sobre o uso do galego no ensino que acaba de presentar a Xunta é patente. Ás críticas expresadas polos sindicatos CIG-Ensino, STEG, CCOO, FETE-UXT e ANPE; a Federación de Directores de Centros Públicos e a Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos de Centros Públicos, ademais de sindicatos estudantís como os Comités, súmase a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (Agapema), que representa 400 docentes desta materia. O previsión establecida polo decreto aprobado polo bipartito da impartición das matemáticas en galego foi, precisamente, un dos principais obxectos das protestas de Galicia Bilingüe, ás que se uniu a confederación de ANPA dos centros privados e concertados. O presidente de Agapema, Manuel Díaz Regueiro, exprésase con claridade ao respecto: a política do actual PP respecto do galego no ensino podería cualificarse, ao seu ver, de "neofranquista".

O pasado febreiro, Agapema manifestou cun documento aprobado na súa asamblea o seu rexeitamento ao borrador do decreto. Cal é a opinión da asociación sobre o anteproxecto que o Goberno acaba de presentar?

Totalmente en contra. Para os profesores de matemáticas supón a prohibición de dar a súa materia en galego. Antes podías dicir que se prohibía dar matemáticas en castelán pero, nin unha cousa, nin a outra. Ninguén entendería que aos profesores de matemáticas de Madrid lles prohibisen dar aulas en castelán. Isto é, en primeiro lugar, creo eu, ilegal. E en segundo lugar retrotráenos á situación do galego nas matemáticas dos anos 50. Eu din clases en galego no ano 72, aínda na época de Franco. O que está pasando é unha mostra do tipo de políticos que temos en Galicia.

Un dos aspectos nos que incidía o documento de Agapema era que uso vehicular da lingua galega na materia de matemáticas fora recibido positivamente pola maior parte do alumnado, tanto castelán como galego falante.

Iso é algo que non diciamos só nós. Creouse un problema que non había. É unha mostra do tipo de políticos que temos en Galicia... Que che prohíban dar as matemáticas en galego despois de ter que dalas en galego é irracional, como se os profesores fóramos uns autómatas que podemos estar sempre cambiando. Isto non é razonable, non ten razón de ser.

Outra das cuestións recollidas na declaración de febreiro do seu colectivo era a importancia da docencia en galego das matemáticas "para a ubicación da lingua galega nos ámbitos científicos e, daquela, para a súa promoción, para o seu prestixio social e, en definitiva, para o seu uso en liberdade". O novo anteproxecto asigna ao castelán as materias máis técnicas: matemáticas e física e química, aínda que os pais poden mudar isto se o deciden por maioría. Que lle parece isto?

Si, en principio os pais poden cambiar esa asignación, por grupos de materias. O que pasa é que escollen uns pais por todos, e polo catro anos seguintes. O que establece o anteproxecto é unha obrigatoriedade absurda, pois mudar unhas materias por outras é dar unha marxe de liberdade moi pequena, é moi pouco flexible. O do prestixio ás veces parece que é mellor nin dicilo, porque poden ver unha oportunidade para quitarllo ao galego...

Cal é a proposta de Agapema?

A cuestión é que exista unha flexibilidade para adaptarse segundo o sitio. O 50% podería servir como punto de partida global, e flexible segundo o contexto. Tendo en conta que o galego é a lingua ameazada: os medios están case todos en castelán, estamos na era da globalización... Non todos os profesores de matemáticas van querer dar a clase en galego. Pódense facer estudos, propostas, pero non é facer o que queira o Goberno. Ningún profesor tería que sentirse violentado, nin se quere dar matemáticas en galego nin se prefire facelo en castelán. O que vai pasar agora é que os alumnos van poder facer primaria e secundaria sen escoitar unha palabra de matemáticas en galego. Nós non puidemos presentar proposta ningunha porque en Política Linguïstica nin quixeron debater con nós.

Galicia Bilingüe si protestou porque o decreto do bipartito mandaba dar matemáticas en galego. Dicían que os fillos dos castelanfalantes non ían aprender igual, mesmo saíron nalgúns medios de comunicación pais dicindo que os seus fillos non entendían as explicacións en galego...

Iso podería pasar por exemplo co éuscaro e o castelán, pero o galego e o castelán non son linguas dispares, non hai moitas diferenzas entre elas. Nin a materia de matemáticas ten un vocabulario tan extenso como poden ter outras. Os profesores utilizamos materiais complementarios en castelán que collemos da rede, por exemplo. E hoxe hai xa materiais en galego, ás veces mellores que os que hai en castelán. Non hai razóns pedagóxicas para defender que as matemáticas teñan que darse en castelán nin en galego. Os alumnos non van aprender peor. Eu entendo que hai dificultades, nas cidades sobre todo hai xente nova que non sabe falar galego, máis inmigrantes... Pero ás veces entende mellor un colombiano que un galego que non quere entender. O de sometelo todo á escolla, á elección, non é factible. Porque se cadra o que quere o rapaz é non estudar matemáticas. Tamén é certo que hai un problema co ensino de matemáticas: os profesores temos que buscar o xeito de conectar cos alumnos, coas súas motivacións... pero iso non ten nada que ver coa lingua na que se impartan.

O anteproxecto supón un cambio non só respecto ao decreto do bipartito, senón en relación co decreto do 1995, do Goberno de Manuel Fraga, que non dicía en que idioma se debían impartir as matemáticas, senón que deixaba a decisión ao consello escolar... E hoxe nin todo o PP apoia o anteproxecto, nin o queren o BNG e o PSdeG...

Antes había unha flexibilidade. Se eras castelanfalante víase como normal que deses as matemáticas en castelán, ninguén che poñía problemas. O decreto do bipartito ás veces non se cumpría. Pero agora non hai flexibilidade.

Apoiarán a desobedencia á que chamou Queremos galego?

Habería que ver que queren os profesores, e daquela xa veriamos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS