Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

O BRACEIRO DA CULTURA ·· o home de auria

O camiño da felicidade

Os últimos dous anos, Marcos Valcárcel foi obxecto de varias homenaxes e recoñecementos, como o Premio Otero Pedrayo e a Medalla Castelao

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO MARCOS VALCÁRCEL   | 06.12.2010 
A- A+

ANTONIO HERNÁNDEZ
Marcos Valcárcel con Díaz Pardo cando lle entregaron o Premio ‘Voz de Liberdade’. Ao fondo, González Tosar e Alonso Montero. Á dereita, Blanca Roig
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

Nos algo máis de dous anos que transcorreron entre os primeiros síntomas da enfermidade e o seu falacemento, Marcos Válcarcel foi obxecto de numerosas homenaxes. Nalgunhas delas, cando aínda non se lle agarrotara o tecido muscular da gorxa, aproveitou para deixar clara a súa orientación ideolóxica. Fíxoo, en plena crise polo polémico Decreto do Plurilingüísmo de Alberto Núñez Feijóo, durante a entrega do Premio Otero Pedrayo, que lle concederon as catro deputacións galegas no 2009: "Eu atrévome hoxe a dicir aquí que Otero Pedrayo está esperando aínda pola dereita galega. Ou dito doutro xeito que a dereita galega ten moito que aprender, ten moito que coñecer a través da obra de Otero Pedrayo. Para empezar esa apelación pola fala, esa necesidade de construción do país sobre o seu idioma sobre a súa cultura propia, esa harmonía social que o propio Otero ecomendaba como modelo de vida".

A primeira homenaxe que recibiu foi hai exactamente dous anos en Ourense, onde máis de trescentas persoas o agasallaron cun xantar onde Alfonso Vázquez-Monxardín actuou de mestre de cerimonia. Nese xantar, Alonso Montero reclamou para Valcárcel o título de Cronista da República das Letras Galegas. El contestou cunha máxima de vida: seguir o camiño que o leve á felicidade. Sentíase satisfeito do que fixera e, como subliñou Cristina Huete na súa crónica do evento, as súas palabras foron a apoloxía do deber cumprido cun mesmo e da conciencia serea.

En maio do 2009, cando xa andaba en cadeira de rodas, Valcárcel recibiu o premio Viz da liberdade que outorga o Pen Club de Galicia. Foi nun acto de corte institucional no Hostal dos reis Católicos, en Compostela, e nel participaron, ademais do presidente do PEN, Luís González Tosar, o profesor Alonso Montero, o escritor Bieito Iglesias, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela.

Pouco despois, en xuño, a Xunta entregoulle a Medalla Castelao por "toda unha vida dedicada á cultura, ao coñecemento e a súa transmisión cun talante aberto, dialogante, galeguista, cívico e, en definitiva, universal". En setembro, a Fundación Curros Enríquez fíxolle en Celanova un acto de recoñecemento público polo seu labor de historiador.

Libros que marcan unha vida

Como todos os nenos da miña época, a miña vida como lector empezou cos tebeos: "Hazañas Bélicas", "Zarpa de Acero", "Truenos" e "Jabatos". O meu preferido era "Crispín".

Ó mesmo tempo empecei a ler os libros de Mitoloxía e desde estes pasei ós clásicos gregos e latinos como A Ilíada, A Odisea, Virxilio, Sófocles, Aristófanes.

O volume que máis me marcou foi A Divina Comedia de Dante, porque me ofrecía unha ordenación do mundo material e espiritual. Devorei as poesías de Quevedo e o teatro de Shakespeare.

Con todo o entusiasmo romántico namoreime de Carlota no Werther de Goethe e pasei medo con Drácula, Frankestein, o Doutor Jekyll e Mr. Hyde, e cos relatos de Lovecraft.

Despois veu a novela negra, a ciencia ficción e a literatura de viaxes e aventura.

A miña xeración leu moita narrativa suramericana: Gabriel García Márquez, Julio Cortázar, José Donoso, Manuel Puig, Ernesto Sábato, Borges, Carpentier, etc.

Sempre tiven entre os meus favoritos a Mario Vargas Llosa e novelas como La ciudad y los perros e La fiesta del Chivo son obras mestras imprescindibles.

Tamén eu agasallei a unha moza, cando tiña 16 anos, cun exemplar de Los versos del capitán, de Pablo Neruda, na fermosa edición de Losada de Buenos Aires. A poesía non é de quen a escribe, senón de quen a necesita, dicía Mássimo Ruppola na película El cartero y Pablo Neruda.

Ata hai uns meses todas as noites ía para a cama cun libro de poesía nas mans. Os meus gustos son eclécticos: a lírica arábigo andaluza, os haikus xaponeses, os románticos ingleses e alemáns, Cavafis, Gioconda Belli, Walt Whitman, etc.

Nas letras españolas, nomes da Xeración do 27 e dos 50 como Alberti, García Lorca, Aleixandre, Cernuda, Gil de Biedma, os Goytisolo, Ángel González, Jose Ángel Valente, Antonio Gamoneda, Francisco Brines, José Hierro, etc. En catalán, Salvador Espriu, e Salvat-Papasseit. E os portugueses Antero de Quental, Fernando Pessoa, Florbela Espanca e Miguel Torga.

Hai milleiros de libros na miña biblioteca. Uns, ordenados por seccións como Literatura Norteamericana, desde Steinbeck ata Nabokov e Auster. Outros están colocados por certas afinidades, por exemplo os de Torrente Ballester e dona Emilia Pardo Bazán están ó carón de Julio Camba e de Fernández Flórez.

Centos deles poderían ser recomendados. Entre os que máis me impactaron están Crimen y castigo, de Dostoyevsky (gañei un concurso da Coca-Cola cunha entrevista ficticia co escritor ruso); as Cartas dos nenos da escola de Barbiana, que me descubriron o carácter de clase da escola tradicional; O caderno gris, de Josep Pla, ou Una pena en observación, de C.S. Lewis, unha fonda esculca sobre a dor ante a perda dun ser querido.

Na Literatura Galega descubrín os mestres do Rexurdimento ós catorce anos e despois as marabillas da nosa poesía trobadoresca. Para min son imprescindibles toda a xeración Nós, Blanco Amor, Cunqueiro, Avilés de Taramancos, Manuel Antonio, Pimentel, Antón Tovar, Celso E. Ferreiro, Manuel María , Luz Pozo, Novoneyra e Fiz Vergara Vilariño.

E libros como Un país de palabras e Deus sentado nun sillón azul, de Carlos Casares; Arraianos e Estirpe, de Méndez Ferrín; Os libros arden mal, de Manuel Rivas; e outros de Víctor Freixanes, Darío Xoán Cabana, Bieito Iglesias, Agustin Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Ramiro Fonte, Olga Novo, Rei Ballesteros, X. C. Caneiro, Luís González Tosar, Miro Villar, Modesto Fraga, Claudio Rodríguez Fer, Afonso Pexegueiro, Suso de Toro, Xosé Miranda, Miguel Anxo Fernán-Vello, María do Cebreiro, Anxo Angueira e poñamos xa un etc.

No andel do ensaio figuran autores de cabeceira como Eduardo Galeano, Octavio Paz, Umberto Eco, Norberto Bobbio, Kapuscinski, Rafael Argullol, e Carlos Gurméndez. Para os amantes da Historia, recomendo a Historia de Galicia, de Ramón Villares, o estudo sobre o BNG de Xosé R. Quintana e a autobiografía de Eric Hobswan. Xa non puiden ler Posguerra, do que teño moi boas referencias: ó seu autor, Tony Judt, enfermo de ELA e falecido hai uns días, vai dedicado este texto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS