Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 14.08.2018 Actualizado 19:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

catedrática de Filoloxía Galega

Camiño Noia: “Unha nación que teña conciencia propia non pode avanzar sen a súa lingua”

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 16.11.2009 
A- A+

Axencias
Camiño Noia elaborou a primeira memoria de licenciatura en lingua galega presentada na universidade española
FOTO: Axencias

Mª do Camiño Noia Campos está casada, ten dúas fillas e case dous netos. É catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, e imparte clases de Literatura Galega na Facultade de Filoloxía e Tradución. É autora da primeira memoria de licenciatura en lingua galega (1968) presentada na universidade española, traballo que está na base do libro A nova narrativa galega
(Galaxia. 1992).

Pasa ao ámbito da sociolingüística coa tese de doutoramento para investigar o comportamento de
dous grupos de escolares bilingües, en colexios dos arredores de Vigo.

Á parte destes primeiros traballos, dedicoulle especial atención á escrita de mulleres e á figura da muller na literatura, e dentro deste campo estudou a obra da escritora coruñesa Francisca Herrera Garrido (1869-1945), da que fixo unha edición da súa novela Néveda (Xerais, 1982) que tivo unha segunda edición en 1990, e unha Antoloxía da obra (Xunta de Galicia,1986).

Así mesmo, colaborou nos dicionarios de autoras hispanas Women Writers of Spain (Connecticut, USA, 1986) e Doubles Minorities of Spain: A Bio-Bibliographical Guide to Women Writers of Catalonia, Galicia and the Basque Country (New York: MLA, 1995), e fixo unha antoloxía de poesía galega Palabra de muller (Xerais, 1992).

Dirixiu durante tres anos a revista Viceversa. Revista Galega de Tradución creada en 1995. En colaboración con Xosé Mª Gómez Clemente e Pedro Benavente cordinou e participou na redacción do Diccionario de sinónimos da lingua galega
(Galaxia, 1997).

É membro do Consello de Redacción do Diccionario Histórico de la Traducción en España. Dirixiu un proxecto de investigación para a catalogación dos contos galegos de tradición oral, que deu como resultado o extenso traballo que está para saír do prelo co título de Catálogo tipolóxico do conto galego.

 

María, en que silencio podemos retratar a adversidade e a subversión da lingua. Quero dicir se a involución é unha "pausa" no tempo ou na minimalidade da adversidade. Nada se resiste, porén, a incompentencia lingüística subscita á insubmisión. Non sei como funcionarán as cousas a respecto do galego na UVIGO, pero supoño que non moito mellor que nas outras dúas outras universidades que completan a nación. Só as Facultades propias de si -entendémonos? Son quen de soportar estas adversidades. A contradictio é inmensa. As disciplinas propias de si funcionan como tal, pero o demais é pouco menos ca un traballo inútil, supoño que o terías comprobado máis dunha xeira, non é así, Camiño?

A ver se me aclaro. A pregunta é moi complexa. Vou tentar responder por partes: O silencio que retrata a adversidade e a subversión da lingua non pode ser outro que o silencio dos años. Mais, non creo que a involución sexa unha pausa no tempo, é máis ben unha puñalada á nación. E esa puñalada está levantando conciencias durmidas que apostan pola insubmisión e a resistencia.

Na UVigo, como noutras universidades, as linguas fortes son o inglés e o español. Hai que deseñar políticas moi avanzadas e moi intelixentes para tentar abrir unha fenda, aínda que sexa pequena, neste arró. O simbolismo da presenza da nosa lingua milenaria na universidade é moi importante. Unha nación con conciencia de si mesma non pode avantar sen levar a súa lingua como emblema.

Nas facultades a que te refires imos mantendo sen conflito a conciencia lingüística do galego e mesmo se fixeron progresos importantes sen ter quer cambiar de lingua. Traballar pola nación nunca é inútil. É moi importante a resistencia, resistir é vivir con plenitude. De todo o que aprendín na miña vida isto é o que teño máis claro.

 

Eu, María non creo no bilingüísmo, e moito menos nun país diglósico, adverso. Cal é a este respecto a túa opinión, a túa consideración?

Podes non crelo, pero habelo haino, como as bruxas. O bilingüismo afecta ás persoas non á Nación. E ogallá que todas as persoas de Galicia puidésemos ser bililingües ou trilingües. Outra cousa é o país, que só debería ser monolingüe galego.

 

Ti, María es consciente dunha colonización lingüística, ou polo contrario advirtes unha evolución natural que nada ten que ver co que digo?

Claro que son consciente da colonización que sofre a nación. Somos moitos e moitas as que sufrimos esa imposición.

 

O bilingüismo é algo natural en Galicia ou é unha impostura que nada ten que ver con nós?

En Galicia non hai bilingüismo, nin nunca o houbo. Mesmo despois de

vinte tantos anos de leis deseñadas para corrixir as desigualdades históricas entre o galego e o castelán, non se conseguiu, nin de lonxe, chegar ó que se entende academicamente por bilingüismo.

 

Impoñer o bilingüismo agora mesmo non sería un disparate na Galicia desartellada?

Non hai nada que impoñer, xa está imposto. O problema é que estamos indo cara a un monolingüismo en castelán, cunha política do Goberno que transmite a idea abraiante de que o que se impuxo foi o galego. A ver se o noso secretario xeral consiga cambiar o rumbo e volver, polo menos, á situación en que
estabamos.

 

Poderías retratar o tempo cunha ducia de palabras?

Eu non, e ti?

 

Que tal te levas coa poesía, co
ensaio?

Eu procuro levarme ben con todos os xéneros, quen non se levan ben

comigo son eles.

 

Galicia ou Galiza nación é unha única solución para a nosa liberación?

Para min, por suposto, de non ser galega, non son nada. E creo que tamén para o resto do pobo. Como di Cunqueiro só se pode ser de nación.

O castelán co galego ten moito de trampullada... Como outros idiomas fomos destruídos, eliminados, aparentes....?

Non entendo esta pregunta. Se te refires á mestura idiomática, por suposto. Debemos falar as linguas sen mesturas.

 

A túa vida académica indaga máis que nada na solución e nas propostas da racionalidade?

A miña vida académica é moi variada, pero sempre estivo guiada polo

facho da defensa da nosa lingua e cultura, recional e irracionalmente.

 

Non cres ti que a a actual Xunta de Galicia é absolutamente contraria ao idioma galego, mutatis mutatis?

Aí falaches! O realmente preocupante é entender por que chegamos a esta situación. Os políticos son servidores públicos, e polo tanto están obrigados polas leis de Galicia a defender a nosa lingua. Se non o saben facer ou non queren que vaian facer política a Comunidades monolingües.

 

A literatura galega vive e época dourada da súa historia?

Si, se tivese moitos máis lectores e lectoras. E a sociedade a defendese fronte á castelá; é dicir, se preferise ler en galego.

 

Pregunta metafísica... Podemos ser e non saber que somos?

Xaora que si!

 

Laicos/cas, ou sentimentais... Por que lado aposta María do Camiño Noia?

Sempre sentimentais, se faltan os sentimentos, acábase o mundo. Mais o estado debe ser laico.

 

A Historia de Galicia está por
escribir?

A pasada creo que está escrita. Falta a do futuro. E para escribila hai que pensala e vivila primeiro.

 

E a da literatura galega tamén?

Se te refires á reflexión sobre os textos, hai que dicir que temos bos estudos sobre a nosa historia literaria, pero se pensas no futuro da literatura, atrévome a dicir que o estamos preparando ben.

 

Un Estado Federal sería o mellor para nós?

Creo que si.

 

E unha República Galega Socialista e internacionalista?

Paréceme que ten demasiados adxectivos. Eu deixaríaa en República de Galicia.

 

O mundo é unha complexidade irresoluble?

Iso parece. E se ten solución, non llela queren poñer.

 

Cal sería, despois de todo, a nosa razón de ser?

Non podo falar das razóns de ser dos demais, poderíache falar da miña.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS