![]() Rebeca Ponte convértese en Cardigan Bridge co seu primeiro disco
FOTO: Sanoguera |
Un dos principios científicos máis consolidados refírese a que "a enerxía non se crea nin se destrúe, só se transforma". Varios séculos despois, este postulado atopa agora a súa aplicación práctica na artista Rebeca Ponte.
Destacada polo seu labor no mundo das artes plásticas, a moza coruñesa establecida actualmente en Melide transformou toda esa enerxía que a caracteriza para dar vida á cantautora Cardigan Bridge. A elección deste nome? Moi sinxelo. "É a tradución literal do meu ó inglés", indica.
Foi o ano pasado cando decidiu quitar "a espiña" de cantar as súas propias creacións. "Sacar un disco -que é autoproducido- era algo co que eu non contaba, pero o meu amigo Nacho Varela abriu o seu propio estudo na Coruña e aproveitei a oportunidade de producilo", explica. Foi a partir desta estreita colaboración co arranxista, músico e compositor cando se empezou a dar vida a un proxecto que esta tarde se converterá oficialmente en realidade. On the windowsill (Sobre o alféizar) é o título do primeiro LP que Rebeca Ponte -é dicir, Cardigan Bridge- presentará ás 21.00 horas no Playa Club da Coruña.
A pesar de ser máis coñecida polo seu labor como artista plástica, o traballo con música siempre estivo na súa carreira, pero usábaa "como complemento doutras disciplinas". De feito, Rebeca Ponte compuxo música tanto para as súas propias exposicións (como artista multidisciplinar que é), como para "pequenas obras de teatro, performances e pezas de danza".
Precisamente este eclecticismo -que encaixa á perfección coa súa personalidade e a súa carreira artística- pódese escoitar en On the windowsill, un disco que nas súas nove cancións en inglés ofrece un crisol de estilos, pero cun denominador común: a música de autor. Segundo Ponte, é un LP "intimista. Son historias miñas e dos meus amigos que quería musicalizar e contar, sen máis pretensións. Como na vida, trátase de compartir cousas e pasalo ben, gozando sempre do que un fai", explica a artista, que non oculta o seu nerviosismo ante a presentación de hoxe na Coruña. O acto será en formato acústico, "dun modo próximo", onde Cardigan Bridge acompañará as súas cancións coa percusión de Cibrán Rey e os acordes da guitarra de Fran Brea.
Aínda que a presentación oficial é hoxe, "a primeira experiencia co disco xa foi no ciclo Vivas de Madrid, que está centrado en música feita por mulleres". Guitarra en man, Cardigan Bridge mostroulle o 16 de xuño ó público madrileño algunhas das súas composicións, contando cunha moi boa acollida.
En canto ós seus plans de futuro, Cardigan Bridge ofrecerá o próximo día 11 de agosto un concerto acústico en Casa Doñano, en Ribadeo. Terá lugar a partir das 23.00 horas.
Xa para o próximo 5 de setembro, Rebeca Ponte participará na estrea dunha obra de teatro codirixida e coproducida pola actriz Ana Asensio.
Colabora coa actriz Ana Asensio
The Diva chegará ó teatro Gene Frankel de Broadway e esta representación, cunha parte de musical, contará coa música de Cardigan Bridge. Cabe destacar que este proxecto é o resultado da estreita colaboración da actriz Ana Asensio con Rebeca Ponte. De feito, é a protagonista do seu primeiro vídeo, One thousand poems, gravado na praia das Catedrais de Ribadeo.