Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

ler

Cando só queda a ánima

Emma Pedreira gaña o Premio Novacaixagalicia co seu libro máis íntimo

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 18.12.2010 
A- A+

AXENCIAS
Emma Pedreira é unha das máis prolíficas e apreciadas poetas da xeración dos noventa
FOTO: AXENCIAS

Alguén lle profetizou a Emma Pedreira Lombardía (A Coruña, 1978) que ía pasar unha temporada reflexionando na morte e na realidade -as súas circunstancias persoais- obrigárona a facelo. Porén, non se conformou e dicidiu reverter a escuridade das súas reflexións en poesía. O resultado foi Antítese da ruína, un libro que onte lle valeu o Premio Novacaixagalicia, convocado pola entidade de aforro xunto co Pen Club e dotado con 12.000 euros.

En Antítese da ruína investiu tres anos de traballo Emma Pedreira, unha das poetas máis prolíficas e admiradas da xeración dos noventa. No libro, reflexiona sobre "a desintegración, sobre a autodestrución, a morte e as perdas familiares", explicaba onte por teléfono a autora, que se deu a coñecer en 1999 con Diario bautismal dunha anarquista morta. En realidade, trátase dunha sucesión de poemas secuencias "nos que falo das casas nas que os seres imos habitando e botando raíces... De como imos perdendo a familia e vai quedando o individuo só. De como perdemos os anacos do exterior e queda unicamente a ánima".

O tema, o da morte e a desaparición, xa aparecía en poemarios seus anteriores, pero enfocados, engade, "reflectido a través de cuestións sociais, como as guerras ou os conflitos lingüísticos e xénero. Agora o tema vólvese máis íntimo e máis familiar. Máis autobiográfico. Antítese da ruína é probablemente o meu poemario máis íntimo".

A resolución do certame dérono a coñecer onte no Centro Social da caixa de aforros en Vigo a directora de acción cultural da Obra Social de Novacaixagalicia, María Pereira Otero, e o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, que exerceu tamén como presidente do xurado.

O tribunal encargado de ditaminar a obra gañadora entre os 49 orixinais presentados estivo integrado tamén por Jonhatan Dunne, tradutor e editor; Modesto Hermida, poeta, crítico literario e profesor de Lingua e Literatura; Xavier Rodríguez Baixeras, poeta e tradutor (gañador da edición anterior); Rexina Vega, escritora e profesora da Universidade de Vigo, e Xabier Castro Martínez, que actuou como secretario con voz e sen voto.

O xurado, que elixiu o poemario de Emma Pedreira por unanimidade, quixo destacar o valor poético da obra, así como as sorprendentes imaxes e o espazo vital que presenta. Segundo indicou González Tosar, "é un poemario singular que pertence a unha poetisa cunha traxectoria notable que consolida con este premio a intensidade da súa voz".

GONZÁLEZ TOSAR

Vitalidade da lírica galega

González Tosar aproveitou a resolución do premio para agradecer a Novacaixagalicia a "súa constante atención a un xénero tan desasistido como é a poesía" e subliñar "a alta calidade dos orixinais presentados, que indica o momento de gran vitalidade da poesía galega actual".

O premio de poesía de Novacaixagalicia iniciou a súa andadura en 2001 e na nómina de autores galardoados figuran nomes de referencia como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Román Raña, Carlos Penela, Luís Valle Regueiro e Xavier R. Baixeras. Todas as obras galardoadas forman parte da colección Arte de Trobar, tamén patrocinada por Novacaixaga.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS