Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

en verso

Carlos Negro achégase ós mozos e á velocidade no libro "Makinaria"

O escritor lalinense estrutura en seis partes o poemario no que a morte e os coches "tuneados" polos máis novos son os protagonistas

MARTA NEIRA   | 11.05.2010 
A- A+

RAMÓN ESCUREDO
O escritor Carlos Negro publicou en 2008 ‘Cultivos transxénicos’
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

Despois de varios títulos pertencentes á literatura de adultos e recoñecidos pola crítica, Carlos Negro (Lalín, 1970) achégase por primeira vez aos máis novos con Makinaria, un poemario dedicado á mocidade do concello de Dodro.

Ateigado de referencias musicais, cinematográficas e literarias, estrúturase en seis partes (Roedores do caucho, Need for speed, Sound Play Session, Radical fire, "061" e Game over) nas que a morte, os coches "tuneados" e a velocidade son os protagonistas. Roedores do caucho mergulla o lector agardado no mundo dos mozos que soñan ser "duros e invencibles/ alleos ao tributo do destino" e aos que o poeta se dirixe na dedicatoria co desexo de que "cheguen a vellos". As seguintes composicións detéñense na realidade de moitos deses amantes do tunning e da velocidade que non temen a morte, que se amosan indiferentes a esta e á que desafían con carreiras ilegais, mestura de velocidade, drogas e alcol, etc.

Así, Need for speed céntrase, fundamentalmente, no gusto pola velocidade, que vén suxerida tanto polo contido como pola forma. Pola súa parte, Sound Play Sesion presenta a tarde do domingo como o momento idóneo para a "excitación" , a "aceleración" e para o "flipe total" que supón o poñer o motor á máxima velocidade, mentres que os poemas de Radical fire dan conta das relacións destes adolescentes co sexo, que ven como un "chegar e encher" ; coas mozas, ás que animan a "queimar a madrugada" , e cos pais, que "non entenden/ que compartimos a mesma casa,/ pero non se cadra o mesmo planeta. Poemas tan significativos como 061, Autopsia, Mamá Carme, Nota necrolóxica ou Game over, Alén City, Nevermore e This is the end forman as dúas últimas partes do poemario, as máis tráxicas quizais, pero tamén as máis emotivas. Nelas preséntase a perspectiva dos familiares máis próximos, pero tamén a conversa da Morte co falecido e, finalmente, a voz lírica de quen "coa terra por riba/ e a nada por diante" se dirixe a un "vós" ao que lle roga que non lle leve flores de plástico, pois agarda a calor traída nas flores naturais.

AO REMATE

Cun texto de Rosa Aneiros

Esta obra presenta un glosario que toda aquela persoa allea a ese mundo dos coches personalizados agradece. Finaliza cun texto de Rosa Aneiros nos que se fala do que é poesía e no que a escritora se dirixe ao lectorado agardado para que descubra do que trata o poemario Makinaria.

É, en definitiva, un poemario que emociona e que, malia poder resultar nalgún momento adoutrinante de máis ou mesmo quizais dirixido á mocidade dun concello máis urbano, achégase a unha temática pouco tratada nos libros para os máis novos cunha linguaxe próxima a eles, no ronsel da ben acollida antoloxía Poetízate (2006), de Fran Alonso. Carlos Negro ten publicado obras como As laranxas de Alí Babá (1998), Far-west (2001), Héleris (2003), Premio Johán Carballeira do concello de Bueu e Cultivos transxénicos (2008), I Premio de Poesía Victoriano Taibo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS