Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, propuxo onte na Cámara autonómica que a futura Lei de Patrimonio Cultural de Galicia inclúa unha declaración sobre o galego como "parte esencial" do "legado inmaterial" da comunidade.
Coñecedor de que se está a elaborar un anteproxecto de Lei de Patrimonio Cultural que substituirá á normativa do ano 95, animou os deputados da Comisión Institucional a ser "ambiciosos" co fin de articular un texto legal "de última xeración" no que se poidan incorporar os conceptos relativos ás distintas tipoloxías de bens culturais e dotalos de medidas de protección "específicas". O seu obxecto debe ser, ao seu xuízo, "impedir a súa deterioración, perda ou comercio ilegal".
A marxe diso, formulou que se aproveite o texto desta lei para "facer unha declaración de principios", tal e como se fai noutros ordenamentos xurídicos, referida "ao elemento máis importante integrante do patrimonio cultural" de Galicia, a lingua galega. "Como testemuño e fundamento de identidade colectiva, é un elemento esencial e vector integrante do noso patrimonio cultural inmaterial", defendeu Varela. Malia esta reivindicación do galego, o fiscal deixou claro que "o seu ensino, valoración e defensa, así como a súa difusión internacional e efectiva transmisión interxeracional" deben ser obxecto de lexislación e políticas propias.
"Na xustiza estanse a vencer as reticencias"
No referido ao uso deste idioma na administración xudicial, preguntado pola deputada do BNG Tareixa Paz, admitiu que este é "un territorio difícil" pero destacou que "se están a vencer as reticencias". Para continuar esta senda, considerou "importante" que os novos programas estean en galego e que haxa documentos nas dúas linguas cooficiais.
"E obvio que hai que materializar o dereito a obter o servizo en calquera das dúas linguas, hai que cumprir coa lexislación vixente", sentenciou Carlos Varela, quen atribuíu a culpa de que non se estea a facer a "problemas de recursos".
