Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 26.06.2017 Actualizado 20:46
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

Carolina ten "falda" non saia

“La falta de Carolina tiene un lagarto pintado”. Así comeza a única canción galega incluída no libro de música dos alumnos de sesto de primaria no colexio ‘A Laxe’, en Marín. A asignatura dábase até agora en galego pero o polémico Decreto do Plurilingüismo virouna ao castelán con resultados tan elocuentes como este para comprobar a situación que se está a vivir no ensino

MARÉ   | 23.09.2010 
A- A+

Páxina do libro que teñen os alumnos de sesto de primaria en Marín coa tradución de ‘A saia da Carolina’

A materia de Música impartíase en galego no colexio A Laxe de Marín até este ano, cando entrou en vigor o polémico decreto do plurilingüismo. Antes, o libro estaba en galego pero o cambio legal impuxo un texto en castelán e nel mesmo se traducen as cancións da tradición galega.

Deste xeito, a célebre A saia da Carolina aparece como La falda de Carolina, nunha tradición -iso si- coidada que adapta fielmente os ritmos da melodía orixinal. "Carolina es una loca / que todo lo hace al revés / se viste por la cabeza / se desnuda por los pies", len os rapaces do centro de Marín neste libro editado por Galinova.

Ademais deste tema, inclúense outros da música popular contemporánea como We are the champions, de Queen, que aparece traducido tamén ao castelán agás o retrouso. Complétase o catálogo de melodías con títulos como Ya se murió el burro, Villancico marinero ou El conde Olinos.

O cambio de libros escolares por mor do decreto, que levará un custo aproximado extra de seis millóns de euros, está custeado polas familias, pero tamén conta cunha liña directa de subvención.

Segundo Queremos Galego, ademais, as prospeccións que está a facer a propia plataforma amosan que "existe un incumprimento clamoroso" do chamado "equilibrio lingüístico" tan pregoado polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e de feito, denuncian, nin sequera se respecta o 50% das clases en galego que como mínimo establece o decreto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS