Venres 03.09.2010
| Actualizado 10.39
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Un grupo de ecoloxistas circularon onte espidos e en bicicleta polas rúas da Coruña FOTO: Cabalar/efe |
A redución do uso do coche e unha maior conciencia do transporte ecolóxico, foron as reivindicacións polas que un grupo de ecoloxistas se botaron onte ás rúas da Coruña pedaleando totalmente nus.
Do mesmo xeito que noutras cidades españolas, esta marcha ciclonudista -que xa chega á súa cuarta edición- protesta ante os "malos fumes" e os excesos do tráfico de vehículos contaminantes, sobre todo, nas cidades. A circulación dos ciclistas polas rúas faise complicada debido á preponderancia do coche.
Por iso denuncian que existen numerosos intereses de multinacionais do petróleo e o automóbil contra aqueles que se deciden a moverse só cos pedais. Por iso, propoñen un modelo de cidade onde as persoas recuperen o seu espazo e se aposte por medios de transporte menos contaminantes, neste caso, como a bicicleta.
Circulan espidos porque, segundo din, é como se senten ante o tráfico pola falta de respecto dos condutores e o desleixo dos gobernantes. Con este acto, fan visible a fraxilidade das súas "carrocerías", o seu propio corpo, fuxindo de tabús sociais. Por iso, a marcha ciclonudista é unha forma de defender a dignidade das persoas que prefiren a bicicleta para desprazarse e de reivindicar unha maior concienciación social co ecoloxismo.
"Nus fronte ó tráfico", en Madrid
Decenas de ciclistas espidos tomaron onte tamén as rúas do centro de Madrid baixo o lema "Espidos fronte ó tráfico", unha iniciativa que busca que as autoridades faciliten o uso da bicicleta, reducir o uso do coche polo seu efectos nocivos sobre o medioambiente e contribuír a unha cidade máis humana e habitable. Os ciclonudistas propoñen a retardación do tráfico urbano.