Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CONFLITO

Carta aberta ao conselleiro de Educación

PROFES CO GALEGO  | 12.09.2010 
A- A+

Señor conselleiro:

Ante as súas manifestacións aparecidas nos medios de comunicación e que nalgún caso fan referencia ao grupo Profes co Galego, queremos precisar que non temos nada que ver con ningún partido político, nin con ningún sindicato, nin con ningunha outra asociación. Non somos máis que un grupo de docentes que ten moi claro que a defensa da nosa lingua non debe estar ligada a ningún tipo de ideoloxía política. A lingua identifícanos como galegas e galegos, non como votantes de ningún partido e que é precisamente a súa responsabilidade saír na defensa do galego como patrimonio común de toda a cidadanía.

Lamentamos observar que, até agora, a súa actitude fica lonxe das nosas expectativas e por iso lles esclarecemos dúas cuestións que achamos fundamentais:

1. QUE COMO FUNCIONARIOS PÚBLICOS QUE SOMOS DEBEMOS CUMPRIR AS NORMAS. O Estatuto Básico do Empregado Público obríganos a someternos á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, pero respectando sempre o principio constitucional de xerarquía normativa. Así, por riba do Decreto para o "Plurilingüismo", e en clara contradición con el, observamos a seguinte lexislación: a Constitución, que fixa o principio de igualdade e establece o mandato de remover todos os obstáculos para conseguila. O Decreto ignora esta obriga e impídenos situar o galego nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.

O Estatuto de Autonomía para Galicia, que establece que os poderes públicos potenciarán o galego en todos os ámbitos e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Lonxe disto, o decreto impide que se tomen medidas nas aulas para o coñecemento da terminoloxía propia das materias científico-tecnolóxicas.

A Lei orgánica de educación (LOE), que fixa como obxectivo fundamental a competencia nas dúas linguas. Todas as institucións e informes (RAG, CCG, IGE, ICE, Universidades, MRPs, ...) indican que o galego require especial atención no ensino, xa que é a lingua en inferioridade de condicións no resto dos ámbitos da sociedade: medios de comunicación, medios audiovisuais, internet, sanidade, xustiza, comercio... O Decreto, ignorando a totalidade destes datos sociolingüísticos e de competencias, reduce a presenza horaria da lingua galega en todos os niveis educativos.

A Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias, que obriga a asegurar a presenza do galego en todos os niveis educativos, de xeito que o ensino sexa fundamentalmente en galego. O Comité de Expertos do Consello de Europa, que fai o seguimento dos compromisos adquiridos por este Tratado, elaborará un novo informe a finais deste ano 2010. Se xa no informe do 2007 advertían de que o que se estaba facendo era insuficiente, que cre, señor Conselleiro, que dirán agora?

A Lei de normalización lingüística, que establece que as autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino. Este Decreto é claramente regresivo: a presenza do galego nas aulas pasa de "polo menos un 50%" do anterior" a "como moito un 50%".

 

2º - QUE NON VAI HABER INSUBMISOS, porque nós non o somos, senón que sabemos que a lei está da nosa parte e o único que imos facer é cumprila. Queremos deixar claro que non temos nada en contra do castelán, máis ben ao contrario, parécenos unha enorme riqueza dispoñermos de dúas linguas, e podermos falar, escribir e ler en calquera delas. Pero recordámoslle que o informe Pisa indicou que a competencia do alumnado galego en castelán é superior á media española. O único que está en xogo é a adquisición da competencia en lingua galega, até o extremo do 20% da mocidade se declarar incapaz de falar en galego (MSG 2004). Queremos que sexa consciente desta eiva educativa e dispoña medidas para resolvela. Ademais consideramos que empregar esta lingua en materias como Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía contribúe a eliminar o prexuízo de non ser válida para determinados ámbitos educativos.

Polo tanto, e coa lei na man, seguiremos impartindo as nosas aulas en galego como un exercicio de profesionalidade, responsabilidade e civismo porque consideramos que é a mellor estratexia para o noso alumnado adquirir as mesmas competencias que en castelán. Queremos formar persoas lingüisticamente libres, capaces de se comunicaren nas dúas linguas e de as percibiren igualmente válidas. Trataremos de manter a calidade no ensino a pesar dos recortes de medios e profesorado, mentres se malgastan os cartos públicos en publicitar un decreto pernicioso e ilegal e en substituír uns libros de texto en perfecto uso e que non teñen máis "tara" que estaren escritos na lingua que dá sentido ao cargo que vostede ocupa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS