Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

Cemento, argamasa...

Lorenzo defende, entre os apupos da oposición, que a situación do galego é "obxectivamente boa" e loa o equilibrio do Decreto do Plurilingüismo

MARÉ . SANTIAGO   | 26.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Anxo Lorenzo durante a súa intervención na Comisión 4 de Educación e Cultura, na que compareceu a petición propia
FOTO: AXENCIAS

O secretario de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, acudiu por petición propia ao Parlamento para facer balanzo da xestión do Goberno nesta materia e, claro está, a oposición aproveitou para botarlle en cara que o 2010 fose o ano "dos ataques máis virulentos dun Goberno galego durante o século XXI contra a lingua galega", en palabras do deputado do BNG, Bieito Lobeira. O deputado foi máis alá e acusouno de ser "un auténtico sicario" contratado polo Partido Popular (PP), -que defendeu o labor da Xunta en política lingüística- co obxectivo de "liquidar a lingua galega". "Matón" e "verdugo" foron algúns dos outros términos que utilizou Lobeira para definir a Lorenzo. Cun sorriso, o secretario xeral de Política Lingüística respondeu: "O ano pasado era un mercenario, este un sicario".

No seu balanzo, Anxo Lorenzo subliñou que a Xunta se centra na "dinamización, a formación e visibilización" da lingua propia de Galicia. Salientou a creación da Rede de Dinamización Lingüística, "á que están adheridos a día de hoxe máis de 50 concellos de toda Galicia", recordou. Tamén puxo de relevo a organziación dos programas Os Axóuxeres e Bocaberta, dirixidos aos máis novos, pero, sobre todo, loou as virtudes do polémico decreto do plurilingüismo, co que a Xunta, dixo, estableceu "un sistema lingüístico baseado na distribución equilibrada, tanto cualitativa como cuantitativamente".

Lorenzo rexeitou que este decreto "prohiba" o galego pois, ao seu parecer, iso significaría que "no decreto anterior prohibiron o castelán". Desde o seu punto de vista, "non hai desprotección do galego, xa que a pesar "dalgúns problemas" a situación do idioma "obxectivamente é boa".

Lobeira non andou con conteplacións e pediulle a Lorenzo que non nomease o Plan xeral de normalización da lingua galega, debido "á conculcación" que, na súa opinión, padeceu este plan durante o ano pasado. O deputado do BNG pediulles "respecto" á Cámara e á sociedade galega, "porque unha cousa é o que di e outra é a que fai" en referencia á acción do Goberno para a visibilización da lingua galega, a quen acusou de "ter unha cara de cemento" por negar que o 2010 fose "o ano dos maiores recortes obxectivamente" na lingua galega.

Lobeira cre que Lorenzo encarna "as teses máis retrógradas e cavernícolas coas que compadrea o Partido Popular", á vez que censurou que a aplicación xudicial Minerva imposibilita realizar calquera procedemento en lingua galega, que a Xunta faga campañas institucionais en español, ou que prohiba" o ensino de matemáticas en galego.

Así mesmo, Lobeira referiuse á lei de Transparencia que establece que os altos cargos da Xunta empreguen o galego no desempeño da súa función, e preguntoulle a Lorenzo se ten previsto dirixirse ó conselleiro de Industria, Javier Guerra, "para que cumpra coa lei nas súas manifestacións públicas".

Tras apuntar que no Parlamento galego "hai deputados que non saben falar galego", Lobeira referiuse ó artigo 15 da dita lei que marca que estes cargos "usarán oralmente ou por escrito o galego" e dixo que o labor do secretario xeral podería ser desempeñada "perfectamente" pola concursante galega de Gran Hermano que realizou unhas polémicas declaracións sobre o idioma.

A isto, Lorenzo replicou que a lei di textualmente "usar normalmente", o que, ó seu parecer, non establece obrigatoriedade, e márcase así para "usar con man esquerda", algo que Lobeira contestou desde o seu sitio dicindo que "a vosa dereita é así" mentres realizaba un saúdo fascista co brazo no alto

En defensa do secretario xeral da Xunta, o deputadodo PP Agustín Baamonde cargou contra os "exabruptos e provocacións" de Bieito Lobeira, ao que engadiu que "o nacionalismo quere tanto a lingua que pode acabar matándoa" cunha política "ultramontana, rancia e anticuada".

A BANCADA SOCIALISTA

Cerviño defende a RAG

O voceiro de Lingua do PSdeG, Francisco Cerviño, destacou que o balance de 2010 "non por sospeitado é menos terrible para a lingua galega". Deste xeito citou Cerviño ó presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, asegurando que o Partido Popular (PP) lles "importa un bo carallo o destino do idioma noso". Á vez que fixo fincapé nas "dificultades" que pasa esta entidade para "pagar a nómina deste mes" debido ás débedas, que segundo dixo, ten o Goberno galego coa RAG.

Nesta liña, o deputado socialista cargou contra as "políticas lingüicidas" do PPdeG, que enlazou coa "extrema dereita madrileña", para pedir que "o galego necesita leite e vacinas, e non axóuxeres, en referencia ó programa desenvolto baixo ese nome para o fomento da lingua galega entre os nenos. Ademais, Cerviño acusou a Xunta de lanzar mensaxes como que "non se pode ensinar matemáticas en galego", algo que "contribúe a desprestixiar enormemente" o idioma.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS