Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 11.11.2019 Actualizado 14:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

premio

O cerne dos prexuízos

Carlos Callón gaña o Vicente Risco cun ensaio no que indaga nas orixes históricas da homofobia, que non aparecen ata o século XI, amparada polo absolutismo

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 27.02.2011 
A- A+

antonio hernández
Carlos Callón é escritor e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
FOTO: antonio hernández

O xurado do XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais escolleu onte gañador o traballo presentado por Carlos Callón co lema Tombo de Celanova e co título Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Neste libro, o autor, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, escritor e colaborador deste xornal, reflexiona sobre a homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico do galego medieval -particularmente as cantigas de escarnio e maldicir- e de textos historiográficos e xurídicos. Así, analiza con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media. O galardón está dotado con 6.000 euros, e Sotelo Blanco publicará a obra.

"A verdade é que o fixen por divertimento, pero creo que é unha obra que ademais proporciona información para explicar a homofobia que persiste no presente, e para comprender algúns feitos políticos", asegurou. O ensaio é resultado dun traballo de anos. "Analicei literatura non só galega. Fontes líricas, historiográficas, xurídicas... Cada capítulo ábrese cun documento, ó que segue a análise. Quería responder a unha dobre falsificación da historia. Primeiro, a falsificación da historia de Galicia, pois o noso país foi centro irradiador de cultura, e é incrible como até persoas cultas descoñecen o valor da nosa cultura medieval. O segundo foi o falseamento da historia da sexualidade, porque sempre se está a repetir a idea falsa de que a homosexualidade foi historicamente marxinal e mal considerada, cousa que non é certa", dixo.

Os prexuízos homófobos, salientou, proceden do século XI, e teñen que ver coa Igrexa e coas monarquías absolutas. A Igrexa "consideraba a homosexualidade un pecado, pero non lle daba demasiada importancia. O cambio veu nos séculos XII, XIII e XIV, e aínda hoxe as xerarquías cristiás insisten na homofobia, cando en realidade non era unha idea que estivese na orixe do cristianismo", puntualizou.

En canto ó Estado, Callón subliñou que os reis absolutistas "presentábanse como responsables da seguridade e da salvación dos seus súbditos, baixo unha concepción colectiva do pecado, inspirada no relato de Sodoma. A cuestión é que a homosexualidade serviu como excusa para atacar a quen interesaba. Acusaban o inimigo de sodomía e xa estaba xustificado. Cando a nobreza galega tentou recuperar o poder para os galegos, Afonso X acusou a un dos líderes desa nobreza de sodomía", comentou.

Desde o punto de vista xurídico, Castela é o lugar de Europa no que por primeira vez se condena a sodomía coa morte, no código civil, no século XIII. "En Galicia isto non se aplicaba, porque había un código civil diferente. Non chegou ata que se introduciu o código castelán, e a pena era a castración. Aínda que é probable que non se aplicase moito na práctica", asegurou.

As referencias á homosexualidade aparecen, na literatura, principalmente nas cantigas de escarnio. Pero, segundo o autor, estas deixaban entrever certa "complicidade, un ton de broma entre compañeiros, ou entre homes e soldadeiras que eran compañeiras deles. Para nada utilizan o mesmo ton que os códigos xurídicos, que na mesma época estaban condenando os homosexuais a morte", indicou.

DATOS

O ideal da amizade íntima

Na literatura medieval hai diversas fontes que falan de relacións amorosas entre homes. "Recoñécese nas fontes o ideal da amizade íntima entre homes, o feito de que durmían xuntos, o afecto entre eles, os bicos... Non é o mesmo coas mulleres: esa amizade era entre homes, non entre mulleres ou de homes con mulleres. Ademais, temos nas fontes xurídicas a documentación do primeiro matrimonio homosexual en Galicia, en Rairiz de Veiga, hai 950 anos, unha das máis antigas de Europa. Así, non hai que ir lonxe para ver que existía o matrimonio entre homes, institucionalizado e con dereitos. Coa contrarrreforma aumentou a homofobia. Pero na Idade Media mesmo houbo en Galicia unha identidade homosexual, co cal non é algo que xurdise na idade contemporánea", dixo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS