Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.09.2019 Actualizado 18:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

na picota

Cero mata cero

Anabad únese ás críticas dos bibliotecarios municipais coa Consellería de Cultura e reclama entrevistarse con Roberto Varela ante os "dramáticos recortes" do departamento

MARÉ . SANTIAGO   | 20.04.2011 
A- A+

AXENCIAS
Actividade con rapaces pequenos na Biblioteca Pública de Carballo
FOTO: AXENCIAS

O Día Internacional do Libro, que se celebra o próximo día 23, vai ter un pouso de amarguexo para a Consellería de Cultura -e máis concretamente para a Dirección xeral do Libro- cuestionada na súa capacidade de xestión por distintas asociacións de bibliotecarios. Se o luns era a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais a que amosaba a súa "indignación" pola falta de apoio no departamento que preside Roberto Varela, onte foi Anabad -que agrupa os profesionais dos servizos de arquivos, bibliotecas e centros de documentación de Galicia- os que amosaban a súa preocupación polas partidas orzamentarias destinadas ás bibliotecas públicas.

Anabad solicitou xa o pasado 18 de abril unha reunión con Varela e co Director Xeral do Libro, Francisco López, para tratar de buscar unha solución á situación.

Para o colectivo, a política da Dirección Xeral do Libro "supón un corte dramático para moitas bibliotecas públicas", unha situación que se une á eliminación do programa de cofinanciamento, que se realizaba en colaboración co Ministerio de Cultura "e significou un grande incremento dos fondos documentais nos últimos anos".

Deste xeito, lamentan, os usuarios quedarán sen novidades literarias, agás "os fondos da compra que a Dirección Xeral realiza ás editoras galegas, e que chegan normalmente con moito atraso".

Tamén lamenta o recorte para o programa Letras Vivas, do que os centros foron avisados recentemente, o 12 de abril, cando tiñan pechado o seu programa: agora, cada biblioteca recibirá só 459 euros como máximo. As actividades deben concentrarse nos meses de abril e maio. Isto motivará, en palabras de Anabad, que as bibliotecas non van poder realizar as actividades previstas porque estaban programadas en función dunhas cantidades económicas que non van recibir e, ademais, programadas para ser realizadas ao longo do ano". O colectivo salienta que moitas bibliotecas renunciarán a estas axudas ao non contar con tempo suficiente para poder organizar actividades.

Ao tempo, poñen de relevo que este ano se eliminou o programa de formación dos profesionais das bibliotecas.

Ante esta situación, Anabad denuncia o abandono que se produce nos servizos públicos de bibliotecas "mentres se destinan partidas a actividades de promoción da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, para un público pouco numeroso e con actividades máis específicas que non chega á maioría da cidadanía".

Isto acontece nun momento no que as bibliotecas "están incrementando os seus usuarios e a demanda de documentos ante unha situación de crise no que a cidadanía busca aforrar diñeiro deixando de comprar" e, ante esta dinámica, "as bibliotecas non poden satisfacer esas demandas nin ofertar novos servizos. Outra cuestión sería a composición do cadro de persoal, con postos adninistrativos que "non son especialmente relevantes para o desenvolvemento do traballo bibliotecario". A súa proposta é que a consellaría destine as partidas orzamentarias suficientes, que a Dirección Xeral do Libro reconsidere o recorte nas partidas ás bibliotecas públicas, en especial ao cofinanciamento de adquisicións, e que se racionalicen os cadros de persoal.

DATOS

Freo ao crecemento

Os datos facilitados por Anabad -a partir das estatísticas realizadas polo Ministerio ode Cultura- amosan que verdadeiramente as bibliotecas galegas rexistraron un maior número de usuarios entre o 2008 e o 2009, ao pasar de 4.773.29 usuarios a 4.871.680. Nese mesmo período, os fondos documentais aumentaron tamén: de 69.243.134 até os 72.142.823. Nesa dinámica, medraron tamén os socios, o número de préstamos, as actividades e tamén o persoal.

Segundo o colectivo, todos estes avances son froito, sobre todo, dos programas de cofinanciamento, eliminados no 2011 pola Dirección Xeral do Libro tras reducilos previamente o ano anterior.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS