Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

arte

A chamada xamánica

Nace o proxecto cultural "Fuso Negro", fusión de música, poesía e teatro entre Xoán Abeleira, Álvaro Muras, Julio Cuns, Karlos Barral e Bruno Couceiro

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 25.01.2011 
A- A+

tono galán
Xoán Abeleira, pola esquerda, Bruno Couceiro, Karlos Barral, Álvaro Muras e Julio Cuns co logotipo de Fuso Negro
FOTO: tono galán

Fuso Negro é un personaxe das Comedias Bárbaras de Valle-Inclán que encarna a loucura á vez que a lucidez irracional. Ese significado primixenio bautiza tamén un novo proxecto cultural no que o poeta Xoán Abeleira se une aos músicos Álvaro Muras, Julio Cuns, Karlos Barral e Bruno Couceiro para fusionar música, teatro e poesía de vangarda. "É o bufón, o salvaxe do pobo, o ser primitivo, o tolo que di as verdades", apunta Abeleira. Fuso Negro presentará a súa proposta "xamánica" o vindeiro 28 de xaneiro ás 20:30 horas no auditorio da sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña.

"Quixen retomar a música dende outra postura, fusionándoa coa poesía", asegura o polifacético Abeleira -escritor, tradutor, xornalista e crítico literario- que comezou a interesarse pola música en Madrid, onde creou o grupo La República co que editou un disco homónimo. Fuso Negro nace, segundo sinala Abeleira, do mesmo xeito que Patti Smith comezou na música, "recitando poesía". Porén, matiza, o proxecto non é "un poeta que recita con música ao fondo" senón que "a música intenta nacer fusionada coa poesía".

De aí que as súas influencias sexan as músicas e poesías "primitivas" ou "xamánicas" até o jazz, o rock, o funk e o punk experimental e "combativo", adubiado cunha boa dose de improvisación. "A percusión xoga un papel importante", remarca Abeleira que concibe o poeta como "un xamán" cunha voz que conecta directamente coa Terra, o xerme, o primixenio.

Tono Galán é autor do logotipo e do videoclip

O espectáculo, que está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios, xirará por toda Galicia cunha escenografía elaborada por Tono Galán, autor tamén do logotipo de do primeiro videoclip do grupo, que se pode ver na súa web, www.fusonegro.blogaliza.org. "O acto estará presidido por unha escultura de Tono Galán, a Nai África, unha representación da Deusa Branca de Robert Graves, que fai referencia á Terra. Vai ser unha sorte de ritual xamánico no que se fusionan poesía, música e arte en xeral", apunta o poeta.

O grupo comezou a traballar cos poemas do libro Animais, animais de Abeleira. "No acto haberá incluso algunha representación de algún animal", apunta o autor e intérprete dos textos. Pero Fuso Negro tamén se achegará aos versos das "tribos do mundo" e da "vangarda", tanto galega como internacional. O seguinte paso de Fuso Negro será, ademais, "compoñer cancións que estean nesta liña da música africana e de fusión".

"Estou moi ilusionado co proxecto porque significa xuntar dúas das miñas grandes paixóns, xa que nalgúns casos tamén haberá pintura e escultura no escenario. Estou entusiasmado tamén porque creo que o que intentamos crear vai achegar algo novidoso ao panorama cultural galego", asegura Abeleira, que acaba de publicar o poemario As nosas sombras no Xardín de Serralves.

A súa última experiencia vencellada á música foi Música para un ouveo, baseado no libro Aullido de Allen Ginsberg. "Aquilo foi un momento moi importante na miña vida, aínda que o proxecto non puidese seguir como eu quixera. Cando o fixen, confirmei o que tiña na cabeza: sentín que chegou o momento de retomar a música", explica Abeleira.

O propio logotipo de Fuso Negro fai referencia á concepción do proxecto. "O videoclip de Tono Galán comeza cun "son" e o golpe dun tronco cando cae ao chan. O propio "O" significa a boca que berra". De feito, Abeleira fundamenta na intensidade a súa forma de achegarse á poesía. "Aprendín teatro co método Stanislavski. Intento interpretar dende dentro. Este proxecto fusiona toda a miña vida", asegura.

EXPERIMENTACIÓN

Unha modalidade de "spoken word"

Fuso Negro é unha modalidade de spoken word, un movemento poético xurdido nos anos 90 en Estados Unidos, influído polas tradicións orais e musicais afroamericanas. Un dos propósitos creativos desta proposta cultural é "regresar a poesía á xente", dándoa a coñecer como unha arte oral viva.

O spoken word está máis preto da escenificación que do simple recitado dun texto. Apela á experimentación colectiva a través da improvisación e da interacción coa audiencia. O movemento creado nos noventa tentaba darlle instrumentos á xente para que puidera cuestionar o mundo do seu arredor, de aí a idea de que a poesía regrese á sociedade.

As coordenadas do spoken word beben da historia da cultura afroamericana, da súa loita pola supervivencia, de aí que as principais influencias musicais sexan o blues, o jazz, o soul, o gospel ou o hip hop.

Algunhas das figuras máis coñecidas do spoken word son Hedwig Gorski, o creador do que se coñece como performance poetry, así como Mark Chopper Read e tamén Henry Rollins.

O PERFIL

“Aspiro a devir un poeta primitivo”

Xoán Abeleira (Maracay, Venezuela) é fillo de emigrantes galegos. Viviu en Venezuela ata os dez anos e logo, a súa familia trasladouse a Madrid onde empeza a darse a coñecer como poeta, narrador e tradutor en obras como Umbral del centinela, Identidades e Nueve motivos para un obsequio.

En 1999, establécese na Coruña. Xa en Galicia, empezou a publicar en galego os seus versos en libros como Animais, Animais (2001) e Magnalia (2001). A serie As aventuras de Nunavut, publicada por Xerais e ilustrada por Jacobo Fernández Serrano, é a súa primeira incursión na narrativa infantil galega.

Autor de máis dunha trintena de traducións, entre as últimas destacan a Poesía Completa de Sylvia Plath (Bartleby Editores, ó castelán), Porca Terra de John Berger (Rinoceronte, ó galego), Ouveo e outros poemas/Aullido y otros poemas de Allen Ginsberg (ó galego e ó castelán). Publicou, ademais, A pegada de Man (Xerais 2006), baseado na obra do alemán de Camelle, Manfred Gnadinger.

A súa poética resúmese nunha frase que o autor adoita repetir: "Aspiro a devir un poeta primitivo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS