Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Cine Clube Carlos Varela

XABIER CORDAL   | 14.09.2007 
A- A+

Posicionouse o cineasta Ramiro Ledo (Lugo, 1981), xa van alá dous anos, coa película documental Cine Clube Carlos Varela (CCCV), acrónimo de resonancias soviéticas para un filme de intervención impulsado pola produtora Nós que non cesa de verse e de descargarse pola rede (A Regueifa, Youtube, Google Video, Emule...) baixo a licenza Creative Commons.

O debate internacional sobre o cinema non apadroado pola grande empresa segue a topar de continuo cos mesmos conflitos, entre os cales ocupan lugar central os derivados -non son poucos- da negativa a constrinxir a linguaxe cinematográfica ao que se supón que reclama o "espectador medio", prexuízo indisociable da estratexia empresarial para crear tal espectador e garantir un estándar de consumo. Galicia e outros países da periferia comercial engaden a esa negativa a cuestión do idioma e a ausencia dun soporte estatal comprometido na formación técnica, na produción e na distribución.

A pesar de que cando hai uns meses lle preguntaban a José Sancho sobre o cinema galego e o actor de Manises respondeu, un pouco airado, que el non sabía o que era iso (ameceu que "nin sequera" se sabía moi ben na altura "se existía o cine español"), películas como a que vén de asinar Ramiro Ledo forman parte do cinema galego como o faría calquera outra que se instalase na nosa lingua.

CCCV é un cruzamento de camiños entre o documental histórico, a reflexión ideolóxica e unha homenaxe a Carlos Varela Veiga (1945-1980), retratado así con palabras de Xosé Paz na contracapa do DVD: "Salvo algún traballo do cineasta Carlos Velo, o único realizador galego de cinema militante". Entende o lector desa contraportada que se fala de militancia comunista (ou de esquerda, máis xenericamente), dado que as outras militancias nunca utilizan ese cualificativo; pensemos en Leni Riefenstahl, no Jean-Jacques Annaud de Stalingrado ou nos filmes de Hollywood que desde a época fundacional retratan cada inimigo político dos EE UU: indíxenas, rusos, musulmáns ou, agora mesmo, chineses. CCCV, mediante períodos intencionalmente longos e reiterativos, dá testemuño dalgúns dos máis agudos episodios de conflito social que explotaron en Galicia durante a II Restauración borbónica, tamén chamada "transición democrática" (especialmente os derivados do asasinato de Moncho Reboiras, da loita veciñal nas Encrobas e en Baldaio e da marcha multitudinaria contra a central nuclear de Xove). O eixe narrativo do filme descansa nalgunhas das organizacións que serviron de vehículo a eses combates (Unión do Pobo galego, AN-PG, Comisións Labregas).

Ramiro Ledo non escolleu reconstruír as pezas -as que Carlos Varela filmara en media vida de activismo- valéndose dunha voz en off ou de protagonistas históricos que interpretasen os feitos a posteriori. Esa elección enlaza Cine Clube Carlos Varela coa retórica da imaxe espida que desde os albores do xénero (Vertov) recuperaron o documentalismo europeo e americano a partir da década dos sesenta. Do seu renacer actual queda constancia nalgún formato de noticias non precisamente minoritario (CNN, Euronews).

A montaxe de CCCV é un dos núcleos ideolóxicos da película e confírelle a vitalidade e a orixinalidade que caracteriza os mellores documentais, alonxándoa das tantas veces previsibles pílulas de Historia subministradas polas televisións do noso contorno; só por ese acerto, a crítica cinematográfica e a historiografía de maior prestixio celebrarían unha difusión na TVG de Cine Clube Carlos Varela que xa demora.

As imaxes, como demostraran os primeiros estudos do brillante cinema soviético, producen significado; nunca son neutrais, nin na súa elección nin na súa disposición. O director lugués, partindo do tesouro case artesanal de Carlos Varela, soubo aproveitar as limitacións técnicas no son e nas fitas para acentuar a sensación de inmediatez.

Por outro lado, o ritmo de CCCV, que arriscou na morosidade das escenas, é un significante máis da toma de postura do realizador e contribúe a subliñar os clímax emotivos, coincidentes non só con salvaxes episodios de represión, senón coa voz dos verdadeiros protagonistas, as personaxes anónimas desesperadas e solidarias que poboan este filme en termos de verdade. Del poderían saír, polo menos, dous diferentes: un biopic sobre o malogrado Varela ou unha crónica que axudase a desmontar a imaxe aínda en vigor, e non só fóra, dunha Galicia (sobre todo a rural) desvertebrada e allea ao devir histórico.

A película de Ramiro Ledo posúe, ademais, evidentes valores pedagóxicos. De feito xa comezou a usarse nalgunhas aulas do ensino medio e universitario do noso país para mostrar os acontecementos máis cercanos a unha xeración que cando accede a eles só dispón de fontes orais ou da frialdade do texto. A lectura ideolóxica semella o máis complexo e con certeza o máis revelador de todo o filme. Dada a actual deriva do nacionalismo, os debates que afloran tras unha visión en grupo de Cine Clube Carlos Varela darían para outro documental e serían, sen dúbida, o mellor antídoto contra a nostalxia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS