Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

O BRACEIRO DA CULTURA ·· o home de auria

Cinsas para a primavera

Falece en Ourense, tras unha longa enfermidade, o historiador Marcos Valcárcel, un dos máis apreciados activistas culturais de Galicia das últimas décadas

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 06.12.2010 
A- A+

rosa veiga
Marcos Valcárcel no acto de entrega do Premio Otero Pedrayo. A súa muller, María, empurra a cadeira de rodas
FOTO: rosa veiga

Durante os últimos anos, des que a enfermidade o postrou nunha cadeira de rodas, puidemos seguir a vida a súa vida a través do blog As Uvas na solaina, auténtico testamento cotiá de Marcos Valcárcel, un home que dedicou a súa vida a seguir as pegadas do galeguismo a través do espello irisado do seu Ourense natal. Onte, contra o mediodía, no mesmo día do cabodano do seu pai e cando as páxinas de maré publicaron o seu derradeiro artigo, Marcos faleceu tras unha longa enfermidade. Fora ingresado soamnete unhas horas antes no hospital tras "unha recta final durísima" na súa longa enfermidade, subliñaba onte Alfonso Vázquez-Monxardín, amigo do historiador e compañeiro del en múltiples travesías.

A capela ardente quedou instalada no Tanatorio das Burgas de Ourense e alí será incinerado mañá, ás dez, nunha cerimonia que a familia quere manter na máis estrita intimidade. Mañá tamén, o Liceo ourensán, espazo que acolleu numerosas das súas conferencias, servirá de marco a un acto laico no que se lerán varios poemas. "As homenaxes", indicaba onte Monxardín, "xa llas deron en vida. Poucas persoas tiveron esa oportunidade". As súas cinsas serán aventadas na intimidade, como el desexaba, a próxima primavera no Cabo de Fisterra.

Colaborador de GALICIA HOXE, onde ocupou durante anos a opinión da contraportada, Marcos Valcárcel converteuse ao longo das últimas décadas nun dos máis apreciados activistas culturais do país, labor ao que, en realidade, se dedicou desde a adolescencia. Boa proba dese aprecio foi a sucesión de xestos de recoñcemento que se desenvolveron a partir do ano 2008, cando se difunde a noticia de que padece unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), enfermidade dexenerativa que o foi inmobilizando pouco a pouco. Nacido en 1958 en Ourense, doutor en Historia e catedrático en Literatura e Lingua galegas, a paixón de Valcárcel foi sempre a prensa, eixe de varios dos seus traballos e dalgúns dos seus libros. Títulos como A prensa en Ourense e a súa provincia. Catalogación e estudio (1987) ou Pé das Burgas. Estudos de historia, literatura e xornalismo (1998) amosan un interese que estendeu tamén ao periodismo de opinión durante dédadas. Adiantouse mesmo aos seus contemporáneos e antes de que existisen as redes sociais, articulou unha especie de rede rede social no seu blog As uvas na solaina, polo que recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Este espazo virtual serviu como centro der debate para centos de persoas que querían enterarse do que pasaba "por unha das cabezas máis dinámicas do país: alí encontrabámonos todos" ,salienta Monxardín.

Desde a aparición da ferramenta do blog, "Marcos decatouse das úas posibilidades. Facer un blog era ter unha relación directa cos lectores dunha forma instantánea, cun espazo moito máis versátil do que permitían os artigos de prensa", engade Monxardín.

As uvas na solaina, que aínda ao longo destes últimos meses foi pendurando textos de Válcarcel, pechou oficialmente en maio deste ano cunha entrada que o historiador puido escribir grazas á axuda de Juan Fonseca. Na súa última entrada, lembraba o apoio de innumerables institucións e amigos que o foran acompañando polo trásnito doloroso da enfermidade, incluído o agradecemento a Xosé Luís Baltar por defender con éxito a súa candidatura ao premio Otero Pedrayo 2008, e á Presidencia da Xunta por concederlle a medalla Castelao, dous dos galardóns que serviron para tributarlle en vida o cariño do país.

No texto, facía seu uns versos de Vicente Aleixandre -A vida, un lóstrego entre dúas escuridades- e continuaba coa súa man: "Até o labrego que vive nunha aldea na montaña deixa ese lóstegro entre os seus seres amados. Escoito a cantante brasileira María Bethânia e encontro este verso: Navigar é preciso; viver nao é preciso. Navigar, descubrir a vida en cada minuto, deixar as fiestras abertas e reconciliarse coa terra".

"Marcos Valcárcel foi", lembraba onte Monxardín, "un exemplo de compromiso e eficacia. Son dúas palabras que o definen perfectamente. Foi , sobre todo, un impoulsor de inciativas pero non unha desas persoas que di hai que facer isto, hai que facer o outro. El construía e lograba que os que estabamos preto colleramos con entusiasmo o traballo".

Ourense será, sen dúbida, onde máis bote en falta o seu alento porque, en palabras de Monxardín "era o cronista oficial da cidade, o home que pescudou na súa historia sobre todo do século XX, pero tamén do século XIX".

Lembranza da Fundación Curros Enríquez

A Fundación Curros Enríquez, da que Marcos Válcarcel forma parte, mostrou onte o seu "profundo pesar" polo falecemento do historiador. Para iso, a fundación valeuse das palabras dedicadas a Varcárcel durante un tributo celebrado en 2009 en Celanova no que se valoraba a condición de patrón desta entidade, e a de ser "un dos dinamizadores culturais máis fecundos e rigorosos da cidade de Ourense nos últimos anos".

A fundación subliñou nun comnicado que Valcárcel constitúe "o elo entre os vellos mestres e as novas fornadas de escritores e investigadores, baixo o denominador común do compromiso político, da calidade formal e servizo ó país".

Deste xeito, a súa figura "permanecerá para sempre instalada na memoria da Casa dos Poetas, na que tantos momentos de amizade, reflexión e traballo pola dignificación cultural do país pasou".

Valcárcel, vinculado estreitamente ao nacionalismo galego, no que chegou a ser militante, era tamén membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e da fundación Carlos Casares.

Otero Pedrayo e a xeración Nós -con fortes raíces en Ourense- foron as súas figuras predilectas de estudo. Deles publicou Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (1988) -escrito con Xosé Ramón Quintana-, A cidade da Xeración Nós (1996) ou Xesús Ferro Couselo 1906-1975.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS