Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

marcha

"Co galego tamén se liga"

Máis de 4.000 estudantes percorreron onte as rúas de Compostela para rexeitar os "ataques e desprestixios" ó idioma, afirmou o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao

REDACCIÓN/AXENCIAS . SANTIAGO   | 04.05.2010 
A- A+

Jennifer Otero
O Correlingua partiu e desembocou no Obradoiro logo de percorrer as principais rúas da zona vella
FOTO: Jennifer Otero

Unha marea de máis de 4.000 estudantes percorreu onte as rúas de Compostela para dar "forza á lingua". Alumnos de colexios da comarca de Santiago participaron nunha carreira lúdico-festiva para reivindicar o uso da lingua galega.

Organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica de Galicia (SPG), o sindicato nacionalista CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago, Vigo ou as Deputacións Provinciais de Lugo, A Coruña e Ourense, esta undécima marcha en defensa do galego -que este ano se celebra sen o apoio da Consellería de Educación nin o da Secretaría Xeral de Política Lingüística- arrincou con forza na capital galega.

En declaracións ós medios de comunicación, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, opinou que o Correlingua é un acto "lúdico e reivindicativo" para que os mozos "tomen conciencia" da necesidade de usar o galego e "poñan en valor" o "patrimonio" de Galicia, asegurou.

Ademais, Louzao lamentou que se produzan "ataques e desprestixios" ó galego, en referencia ás políticas lingüísticas levadas a cabo polo Goberno da Xunta, por exemplo, o proxecto do Decreto de plurilingüismo no ensino non universitario, rexeitado pola maioría dos centros de ensino, os sindicatos e as asociacións de pais de alumnos.

 

Escenificación da realidade lingüística

Tras completar a marcha, de preto de tres quilómetros, os estudantes desembocaron no punto de partida, a emblemática Praza do Obradoiro, onde asistiron a unha breve representación teatral.

Tres actores -un shériff, unha viúva e un personaxe que encarnaba ó máximo representante de Educación- escenificaron a morte do galego e simularon, en ton humorístico, as decisións políticas que se tomarían ante a desaparición de dito idioma.

Por exemplo, referíronse á desmantelación do Instituto da Lingua Galega (ILG) e á creación dunha fonoteca para almacenar arquivos sonoros en galego en formato "mp3, mp4, mp5, mp6 e así sucesivamente", chancearon os actores.

"É a primeira morte dunha lingua que ten lugar en democracia, pero é constitucional porque así o certifica o tribunal de dito nome", asegurou un dos intérpretes.

Ao termo da peza teatral, os actores leron un manifesto, elaborado por alumnos dun centro educativo de Ribadeo (Lugo) e titulado Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil, o lema, inspirado nos versos de Uxío Novoneyra, que guía este ano o Correlingua. "A partir de hoxe, na casa, cos teus amigos e amigas, fala galego para sempre, que co galego tamén se liga", indicaba o manifesto, que se lerá en cada unha das localidades galegas nas que estea presente esta marcha.

O acto pechou cunha canción interpretada por alumnos do colexio público de Cernadas de Castro, no municipio coruñés de Lousame, galardoados pola organización co premio de animación.

O Correlingua celébrase hoxe en Ourense, mañá na Mariña e a Ribeira Sacra, o 6 de maio na Estrada e Baixo Miño, o día 7 na Barbanza e Ferrolterra, o día 10 no Salnés, o día 11 en Monterrei e Pontevedra, o día 12 en Lugo, o día 13 na Coruña e rematará o día 14, en Vigo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS