Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

"Compartir unha aventura"

Xesús Ron cre que o público que acode á Nasa é o que lle dá "ese carácter especial, informal" a unha sala que aposta polas artes vivas

LUPE GÓMEZ   | 05.10.2009 
A- A+

Xesús Ron cre que “o teatro pode cambiar a mirada das persoas”

O primeiro recordo que Xesús Ron ten da súa infancia é a imaxe das ondas do mar rompendo contra a costa. A Sala Nasa de Santiago naceu, vinculada á compañía Chévere, no ano 1992. Sempre tivo unha vontade transformadora, abríndose aos novos creadores e ás novas formas de expresión artística. Pensa Xesús Ron que "o teatro pode cambiar a mirada das persoas". El ten uns ollos expresivos, humildes, divertidos. Tratábase de "compartir unha aventura" e nestes anos sentíronse moi acompañados pola tripulación. Quizais a Sala Nasa tamén é unha onda de mar que rompe. Un lugar cosmopolita e inesperado no barrio de San Lourenzo. Tivo a capacidade de transformar a cidade "dende a proximidade e as cousas pequenas, minúsculas." Modificou as rutas da cidade e os periplos vitais de moitas persoas. Dende un principio os artistas que traballan na Sala Nasa quixeron "ser mariñeiros", meter as mans no mar, pescar cultura.

 

Ti naciches cerca do mar. A que xogabas cando eras un neno?

Son de Vigo e nacín no Berbés fronte ao mar. Miguel é de Lira, Pepe Sendón é de Lira, e cando naceu a Nasa estaba tamén con nós Branca Cendán -que é de Ares- , John -que é inglés-, e Fran Pérez e Carlos Santiago como representación picheleira. Sendo moi neno fun para a Coruña e o mar eran as ondas que rompían contra a costa. O mar tamén é o horizonte, a posibilidade de marchar, saír, ver o que hai máis alá. Nunha cidade como Santiago ás veces perdes esa liña de horizonte. Eu era un xogador solitario. Xogaba moito con soldadiños, indios e vaqueiros que se vendían en sobres de papel. Facía poboacións, cidades, exércitos.

En que se parecen os artistas aos pescadores?

É unha maneira de visualizar a nosa actitude. Nunca buscamos facer un negocio. O armador é o empresario que busca fortalecer un negocio. Nós buscamos unha vivencia directa da actividade artística. É algo máis artesanal. Na Nasa somos pescadores e artistas e queremos vivir a sala en primeira persoa. Ao principio abrimos a sala para nós, non por egoísmo senón porque o que lles ofrecemos aos demais tamén o queremos nós.

A Nasa segue estando aberta aos novos creadores e ás novas expresións artísticas? Segue sendo necesario?

Dende o 1992 a realidade cambiou moito. Ao principio eramos nós mesmos os que necesitabamos eses medios de producción e liberdade. Co paso do tempo a Nasa converteuse nun espazo permeable, que permite o trato directo cos artistas emerxentes, novos. Un dos segredos da Nasa é que a capacidade de renovación da arte e da escena en Galicia segue precisando de espazos accesibles, permeables e cercanos. Temos idade para botar a mirada atrás e vemos como se renovan as caras, as actitudes, os nomes.

Facerse tripulante da Nasa é unha aventura fantástica? Dicides que "entrar é fácil pero saír é moi difícil."

Dicímolo por propia experiencia. Unha das características dunha nasa, como aparello de pesca, é que ten unha entrada bastante grande para que entren nela bechos distintos como o centolo ou o polbo pero unha vez están dentro quedan atrapados. Nós fomos os primeiros atrapados pola Sala Nasa, nun sentido positivo de captura. É a arte de pescar espectadores, artistas e pescarnos a nós mesmos. Podemos valorar a fidelidade duns espectadores que foron medrando con nós. Ser tripulante da Nasa permíteche compartir unha aventura. Roberto Vidal Bolaño dixo na charla inaugural que " se a Nasa dura máis dun ano eu deixo de fumar." Él non deixou de fumar, pero deixou de estar con nós. Os comezos foron difíciles.

En Santiago hai un público ao que lle gusta ir ao teatro? Ti quéreslle á cidade de Compostela?

En Santiago hai un público non moi numeroso pero hai xente que vai moito ao teatro. Na Nasa hai un público que lle dá un toque especial. A experiencia de Santiago coa Sala Galán, a Nasa, a Sala Yago, o Auditorio e o Teatro Principal, Salón Teatro e coa programación dos últimos quince anos foi unha das cidades de España nas que houbo máis variedade de oferta escénica. Quizais a nosa materia pendiente é a programación internacional, que é moi escasa ou a comercial, que non a botamos de menos. Sinto amor-odio por Compostela. Nunca deixas de ter a sensación de que estás aquí de paso. Nin ti mesmo cres que segues de paso, porque estás atado. É saudable. Sempre tes a sensación de que podes marchar a outro lugar.

Na vosa nova programación hai música, obradoiros, teatro, circo, seráns... Entendedes a creación artística como unha celebración?

Creo que unha das claves da Sala Nasa é entender a cultura como unha festa, que non ten por que ser sempre divertida pero non perde ese carácter de celebración. Aínda que sexamos dez persoas no teatro sentimos que estamos celebrando algo. É sempre unha aposta por esas artes vivas, participativas, como o circo, que rompe as barreiras entre público e artistas. En Santiago unha xeración máis nova que nós asentou nesa linguaxe. Aquí hai unha escena de circo importante. Sempre nos interesou o rock, a música popular. Interésanos un teatro non institucional, que non vive exclusivamente das institucións. Xestionamos con moita responsabilidade o diñeiro público. Entendemos o público como unha suma de públicos, por iso a nosa programación é variada.

Bailar e cantar nos Seráns da Sala Nasa é unha forma de recuperar mundos desaparecidos?

Para nós tamén foron un descubrimento. A primeira vez que se fixo un Serán alucinamos. Descubrimos a faceta máis urbana dos bailes populares. Descubrimos a vixencia dos seráns nun espazo duro e rockeiro. A simbiose é perfecta. Tamén as Sesións Vibracionais se fan porque hai músicos locais que tiveron a necesidade dun espazo. Moitas das iniciativas da Nasa non foron nosas senón da xente que se aproximou a nós. Estamos na sétima temporada de Seráns. Cos "Obradoiros do espectador" achegádesvos aos centros socioculturais e aos barrios de Santiago.

O que hai que educar no espectador é a mirada. Os obradoiros están sendo satisfactorios. É un público aberto, tolerante. Estamos moi contentos. Fanse unha vez por mes e son como clubs de lectura, para ver unha obra de teatro. Interésanos que a xente vexa outros tipos de teatro. Adestramos os espectadores mirando vídeos, falando, e despois a xente asiste á representación teatral na Nasa. Hai coloquios entre espectadores e artistas.

A nova obra de Chévere, "Testosterona", é un experimento? Fala da posibilidade dunha identidade de xénero máis aberta e flexible.

É experimental porque había dúas actrices, Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro, que querían facer un traballo sobre a muller no teatro. Eu uninme a elas. Foi un proceso transformador. Estabamos investigando e descubrindo cousas novas. Ten un inicio máis humorístico, de rock and roll e vai creando unha distancia necesaria co público. Hai corpos transexuais que se resisten ás clasificacións de xénero. As actrices implícanse e dan a cara. É un espectáculo incómodo pero queremos que a xente o vexa, porque cremos que o pode entender calquera espectador.

Tivestes a sensación de que dende o PP municipal quixeron poñer todos os impedimentos do mundo ao libre funcionamento da Sala Nasa? Resulta ridículo acusar de terroristas os artistas?

Máis que ridículo resulta terrible. Teño que pensar no señor Conde Roa, porque é unha cuestión persoal, local, non compartida pola maioría do PP galego, pero é algo absolutamente irracional. A título persoal vivimos asustados, sentímonos perseguidos e iso afecta ás nosas vidas persoais, familiares e ás nosas relacións cos nosos veciños. Vivimos perseguidos pola mentira. Todo o que se di sobre a Sala Nasa é mentira. Vivimos nunha cidade onde o poder da mentira é tan grande, simplemente porque un político está en contra dos veciños que somos nós. Mete medo.

Dende os teus principios artísticos ti es un actor cómico. Gústache rir e facer rir á xente? Por que é tan importante o riso?

A sensación é vertixinosa porque facer rir resulta dificilísimo. Nós entramos no teatro para facer rir á xente. O riso é unha resposta moi física, case como tocarse, empurrarse. A nivel de comunicación o riso ten unha expresividade moi potente. Resúltame difícil rir no teatro, como espectador. Soltar unha gargallada cústame moitísimo pero cando me atopo rindo son moi feliz. O riso é moi variable e como actor non optas sempre o mesmo riso. Ás veces nun gran silencio percibes moita diversión.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS