Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 11.10.2019 Actualizado 19:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

galardón

Complexas e brillantes

O galego Xoán Montero e a rusa Ekaterina Guerbek gañan "ex aequo" o premio Plácido Castro coas traducións ó galego dunha novela de Pessoa e outra de Gógol

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 23.01.2007 
A- A+

X. L. Franco Grande da RAG, pola esquerda, Xosé María Gómez Clemente da Fundación Plácido Castro, Dolores Sánchez da ATG e Carlos Arias da Xunta

O sexto galardón de tradución Plácido Castro 2006 que se resolveu o sábado pasado en Baiona, recaeu ex aequo por segundo ano consecutivo en dous tradutores, o galego Xoán Montero e a rusa establecida en Galicia, Ekaterina Guerbek.

O ditame do premio, que lle concede a Fundación Plácido Castro do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), foi dado a coñecer polo escritor Xosé Luis Franco Grande da Real Academia Galega (RAG), Xosé María Gómez Clemente da Fundación Plácido Castro, Dolores Sánchez da Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e Carlos Arias en representación da Xunta.

A tradución de O banqueiro anarquista de Fernando Pessoa que levou a cabo Xoán Montero e a de Diario dun tolo de Nikolai Gógol que fixo Ekaterina Guerbek coa revisión de Maite Veiga foron recoñecidos polo xurado que, segundo María del Mar Gómez da Fundación Plácido Castro, valorou "a complexidade das obras elixidas así como a forma brillante de resolvelas polos dous tradutores".

 

Doce obras vertidas do luso, alemán, ruso ou francés

Unha ducia de obras traducidas do alemán, ruso, francés, portugués e brasileiras presentáronse ó galardón no portal www.bivir.com, o proxecto de Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos que traduce ó galego as obras de autores da literatura universal.

Por segundo ano consecutivo, o Premio Plácido Castro foi concedido ex aequo ós dous traductores, Xoán Montero e Ekaterina Guerbek, en recoñecemento ao seu traballo.

Ademais, o xurado quixo recoñecer o traballo realizado por José García Mayoralas, tradutor de Os fantasmas de Michèle Perron-Borelli polo que recibiu un accésit pola súa contribución na divulgación da psicanálise. "É unha mención especial que recoñece a importancia de traducir obras científicas para a súa difusión en galego", destacou María del Mar Gómez.

O obxectivo do premio foi destacar a calidade das traducións de obras da literatura universal que se ofrecen na web da Biblioteca Virtual Bivir, coa finalidade de contribuír á normalización lingüística do país e enriquecer o universo literario galego. Tanto as traducións gañadoras coma o resto das candidatas pódense ler en formato PDF nese portal.

 

 

ENTREVISTA COA PROTAGONISTA

"Boto de menos traducións de autores rusos actuais"

A tradutora rusa Ekaterina Guerbek (San Petersburgo, 1965), establecida en Galicia dende o 2000, mostrábase onte sorprendida pola concesión do premio Plácido Castro. "En realidade non me presentei senón que a Asociación de Tradutores Galegos elixiu o meu traballo, que me colgaron no portal Bivir.com", explica.

A obra que traduciu ó galego, Diario dun tolo de Nikolai Gógol, un escritor ruso do século XIX, é un dos clásicos esquecidos para a nosa literatura dun autor que está á altura de Dostoievski do que Guerbek xa traduciu Crime e castigo á lingua do país. A tradución que mereceu o galardón "é un diario dun home entrañable que oculta baixo o humor a súa traxedia persoal", sinala Guerbek que chegou a Galicia cunha bolsa da Xunta que se concedeu á Universidade de San Petersburgo para traducir unha obra ó galego. Guerbek destaca o labor de Maite Veiga, coa que traballou como bolseira no Centro Ramón Piñeiro, e que foi revisora da obra que gañou o premio. "Parte de mérito teno ela", valora.

Na actualidade, ademais de impartir clases de ruso na Universidade de Vigo, Guerbek acaba de rematar a tradución de Desfalco de Valentin Kataiev e Poesías de Ana Ajmátova que a editorial Rinoceronte vai publicar a comezos deste ano. A tradutora rusa bota de menos que se fagan "máis traducións ó galego de autores rusos recentes. Aínda que dos clásicos do século XIX e do XX hai bastantes obras traducidas, non hai apenas nada dos escritores rusos da actualidade", opina.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS