Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.06.2019 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

maré hoxe

Construíndo a Terra

Camilo Nogueira e a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) foron recoñecidos este ano co Premio Moncho Valcarce de Defensa da Terra e de Promoción da Terra, respectivamente. O próximo sábado os galardóns entréganse na Coruña nun acto no que tamén se presentan os diarios inéditos do chamado ‘crego das Encrovas’.

MARÉ   | 22.03.2011 
A- A+

Antonio Hernández
Camilo Nogueira, que actualmente milita no BNG, partido polo que foi eurodeputado, comezou a súa actividade nos anos setenta e creou formacións como o POG ou Esquerda Galega
FOTO: Antonio Hernández

Camilo Nogueira, un dos nomes clave na evolución do nacionalismo galego, recibirá o Premio Moncho Valcarce á Defensa da Terra, galardón creado pola Irmandade que leva o nome do activista antifranquista, coñecido como O crego das Encrovas. O premio á Promoción da Terra recaeu, desta volta, na Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza (AS-PG), movemento de renovación pedagóxica pioneiro no país con máis de trinta anos de actividade na súa traxectoria. Os galardoados recibirán os seus premios nunha gala organizada pola Irmandade Moncho Valcarce o próximo sábado, 26 de marzo, na Coruña. Durante a entrega dos premios presentarase o libro Moncho Valcarce un símbolo para Galiza. Diarios inéditos e outros textos.

A obra recupera textos escritos por Valcarce entre 1961 e 1968, ano no que foi expulsado do Seminario por ser "demasiado idealista". Tamén se recupera un Diario de Exercicios Espirituais que corresponde cunha estancia en Pontedeume que data de 1983. No mesmo explica as razóns que o levaron ao sacerdocio e ao seu compromiso coa esquerda nacionalista.

A Irmandade é unha organización impulsada polos amigos, compañeiros e familiares de Valcarce. O seu obxectivo é perpetuar a memoria deste crego como exemplo de entrega e compromiso co pobo galego. A asociación creou un Centro de documentación agrarista onde se recompila todo tipo de documentos e bibliografía respecto disto e, sobre todo, o material relativo ás loitas agrarias nas que o crego participou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS