Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Contemporánea e ancestral

O novo traballo discográfico de "Mónica de Nut Trío" soa a jazz, fusión, tradición, experimentación, electrónica e, sobre todo, é un diálogo dos tres músicos para abrirse a distintos estilos musicais

LUPE GÓMEZ   | 05.06.2011 
A- A+

Ramón Escuredo
Mónica de Nut xuntouse cos músicos Paco Dicenta e Virxilio da Silva en ‘Mónica de Nut Trío’
FOTO: Ramón Escuredo

A presenza de Mónica de Nut, cando canta, está cargada de forza escénica porque o seu canto xorde da noite máis primitiva e ao mesmo tempo, comunica unha luz de profunda modernidade. Ela considera que "o teatro e o canto están unidos". Agora está participando nos ensaios de A ópera dos tres reás, a nova produción do Centro Dramático Galego que se estreará o 23 de xuño. Ela, por primeira vez, aparece tamén como actriz. Presenta, xunto cos músicos Paco Dicenta e Virxilio da Silva, un novo traballo discógrafico baixo o nome de Mónica de Nut Trío. Mentres conversamos soa música de Sinéad O"Connor e ela di que a admira moito. Tamén aparece o nome de Iolanda Zúñiga, unha escritora galega que se refuxia nas palabras para "botar fóra" todas as periferias que leva dentro.

De onde veñen o teu nome e os teus apelidos?

O meu nome é Mónica Iglesias Rodríguez. Cando decidín dedicarme ao canto, o meu primeiro grupo chámabase "Arte Nut" e gustoume ese nome. Nut é unha deusa exipcia que está entre o ceo e a terra. Tiran dela para arriba e para abaixo, e ela está no medio. Gustoume esa divindade. É todo tan inconcreto o de arriba e o de abaixo, que é mellor manterse no equilibrio. Creo que manterse equilibrada é un traballo diario.

Como recordas os lugares da túa infancia?

Nacín en San Miguel de Oia, no barrio da Matoca, en Vigo. Antes era máis aldea que agora, pois converteuse nunha zona residencial. Eu xogaba a facer cabanas no monte. Ía andando á escola, sorteando pozas. Agora está todo asfaltado. Creo que fun afortunada por criarme no rural. Tiña tempo para aburrirme. Agora os nenos teñen a axenda máis apertada que os seus pais. Cando fun medrando sentíame pouco libre á hora de facer actividades porque aquel lugar limitábame un pouquiño. Pero co tempo e coñecendo a vida dos nenos de agora eu prefiro esa forma de vivir, porque é máis humana. O contacto coa natureza marca bastante.

Ti dis nunha canción do novo disco de "Mónica de Nut Trío" esta frase: "Habiámonos de felicitar pola nosa resistencia". Que é para ti resistir?

Ese é o título dunha performance que dura 20 minutos e fixen algo máis reducido para o disco. A performance reflicte todos os obstáculos que temos na vida cotián e que nos aprisionan o noso mundo interno e aínda asi resistimos e seguimos adiante. A resistencia é vivir. O que é "distinto" fainos estar bioloxicamente vivos. Resistir é ser conscientes da nosa vida e da nosa liberdade. Sempre escollemos pero é difícil escoller porque hai moitas presións externas. Se abandonas, desapareces e quedas sen substancia. Non se pode aguantar moito tempo sen substancia.

A importancia do canto para ti é a procura do teu propio son?

Estudei música porque sentinme sempre atraída polo son. Sentíame ben escoitando música e decidín instruírme nesa linguaxe. Estudei solfexo, piano, pero sentíame especialmente emocionada coa voz e decidín dedicarme ao canto aos 20 anos. Foi a decisión de dicir "podo vivir do que é a miña vocación" e decidín que quería tentalo. O canto é unha forma de expresión, realización. A vida toma outras direccións e cambian moitas cousas. É como unificar a miña vida. Traballo en algo que me achega a min e que lle achega aos demais.

Entre as túas influencias están nomes como María Joao, Mercedes Peón ou Ugía Pedreira.

Que é o que admiras delas?

A primeira que me rompeu os esquemas foi María Joao porque eu non entendía o que facía esta muller. Era pouco convencional e transmitía algo emocional e auténtico. O canto de raíz funo descubrindo en centros socioculturais, tocando pandeireta e gaita, e escoitando a Mercedes Peón. Agora estou en "A Buxaina", un grupo de pandereteiras do centro de veciños de Coruxo en Vigo, e estou aprendendo canto tradicional delas e pasámolo moi ben. Para min o máis ancestral é percusión e voz. O máis primitivo, o que te enchufa á luz, é o canto a capella e a percusión. E facelo en grupo é como cando a xente traballaba en comunidade, coas mans, coa terra. En certo modo perdeuse esa naturalidade, aínda que por outra parte hai un gran desenvovemento a nivel artístico sobre o escenario.

A música de raíz galega é como un pozo de moitísima riqueza, que aínda que está moi explorado non deixa de ser descoñecido?

Creo que tamén nos encorsetamos un pouco. Unha vez que se sobe ao escenario xa non é tradicional. Para min tradicional é algo máis espontáneo e non fai falta vestirse de ningunha maneira, porque os traxes son como algo de museo e eu creo que podes bailar e cantar de forma espontánea, como algo integrado na vida diaria, e non como unha imaxe historicista do que foi antes. Os espectáculos da agrupación cultural folclórica "O Fiadeiro" son impresionantes. Chisco Feijóo é un gran transmisor desa esencia. El faino como ninguén.

Como naceu o grupo "Mónica de Nut Trío" e que oco musical pretendedes encher en Galicia?

Naceu da complicidade musical entre os compoñentes: Paco Dicenta, Virxilio da Silva máis eu. Coincidimos en estar abertos a moitos estilos, e non só do jazz, que era o que nos unía aos tres. Tamén collemos canto de raíz e facemos a nosa versión. Son músicos que se deixan levar. Son moi globais, moi virtuosos e teñen unha sensibilidade especial. Máis que os instrumentos en si, o importante é a nosa relación dende o punto de vista artístico. Mestúrase jazz, fusión, tradición, experimentación, electrónica e aínda asi hai unha unificación de estilos que vén dada polo diálogo dos tres.

Os ensaios da obra "A ópera dos tres reás" están sendo intensos e frutíferos? Que sorpresas nos agardan con este espectáculo?

A maior sorpresa é o seu carácter musical porque a maior parte dos seus representantes son coñecidos polo mundo do teatro e non do canto. A única que vén directamente do mundo da música son eu. A miña maior sorpresa é a miña función como actriz nesta ópera. Aínda que xa fixen antes algo de teatro nunca participei nunha obra teatral tan grande e cunha dedicación tan exclusiva. Para min é moi enriquecedor porque fago cousas que nunca fixera e coñecín grandes artistas, e o mellor é que todo flúe moi ben.

Incorporar a teatralidade no escenario fai máis intensas e máis atractivas, no aspecto visual, as actuacións dunha cantante?

A música incluíu ao teatro. Sempre estás expresando algo. Ás veces imaxino situacións ou personaxes para darlle sentido á canción que estou interpretando. O teatro atráeme porque podes sentirte dentro da pel doutra persoa e aceptar como é, sacar a parte que dese personaxe hai en min. No noso interior todos somos moi parecidos e resulta interesante sacar fóra cousas que non sacarías se non é a través dun personaxe.

Viaxades moito con Isga Collective por fóra e por dentro de Galicia? Teslle moito cariño ao voso traballo discográfico "A Redeira"?

Con Isga Collective tocamos máis fóra de Galicia que en Galicia. O ultimo traballo que fixemos foi a música para o espectáculo "Etheria" do Centro Coreográfico Galego, que fala dunha peregrina, dunha viaxe. Mesturamos música galega, música oriental e o estilo de Isaac Garabatos, que é moi admirador de Pat Metheny. Ás veces a música de "Etheria" tamén é un pouco rockeira. A forza da música deste espectáculo refléxase no feito de que Etheria é a primeira peregrina que decide atreverse a sair, romper. "A Redeira" é un traballo moi bonito que xurdeu das Cantigas de Martín Codax que eu cantaba, e fixemos uns arranxos e mesturamolas con composicións de Isaac Garabatos.

Cando cantas sénteste poderosa coa túa voz ante o teu público?

É unha sensación de certo poder porque captas a atención do público pero non me gusta ese termo. Cantar é deixarse levar pola sensación de conexión directa coa xente. É unha conexión sen tapuxos e conectas con esa persoa sen máis. Non é necesario facer nada máis, nin disfrazarse nin dicir un discurso. Cantei moito na rúa en Santiago de Compostela e sempre é como romper os horarios establecidos, os ritmos, as formas de conduta que se usan para ser persoas educadas... A xente párase a escoitarte ou segue camiñando e danse situacións moi bonitas. A música na rúa é a sorpresa inesperada.

Un aturuxo é a expresión viva da forza brutal da Terra? Estamos perdendo esa forma espontánea de aturuxar?

Aturuxar é unha expresión pura, unha manifestación de forza, de ánimo, de gallardía, de exhibición. Se alguén sae a cantar, o aturuxo sirve para pular, para darlle ánimos, quitar as vergoñas, os obstáculos que non te deixan expresarte. O aturuxo é totalmente espontáneo, aínda que non é o mesmo un aturuxo no mundo tradicional que manifestar un aturuxo contemporáneo. Hoxe en día mestúrase moito, hai moita globalización nas artes, e iso é o lóxico e natural.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS