Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

LEXISLACIÓN

A contrarreforma afiánzase

A Xunta dálles cobertura legal ás consultas sobre o idioma no ensino a pesar de recoñecer que non deu compilado aínda os datos da enquisa feita hai case dous anos

A.R. LÓPEZ. SANTIAGO   | 04.03.2011 
A- A+

kiko delgado
A consulta da Xunta foi realizada en xuño do 2009 pero Educación asegura que aínda non deu compilado os datos
FOTO: kiko delgado

A Xunta deulle finalmente cobertura legal á participación dos pais nos procesos educativos, unha medida dirixida especialmente a apontoar a consulta sobre o idioma do ensino, rexeitada polo Consello Consultivo. O presidente do goberno, Alberto Núñez Feijóo, presentou onte un anteproxecto de Lei que, entre outras cuestións, busca "crear e reforzar" os instrumentos xurídicos para "alcanzar e manter un clima de convivencia nos centros educativos".

Feijóo reafirmouse na súa decisión de regular as consultas aos pais a través desta norma e rexeitou que con esta iniciativa se vaia xerar "unha fenda ou diferenzas" na educación dos galegos en función do centro no que estuden. "Xa fixemos unha consulta e non vexo fendas xeneralizadas", alegou.

O presidente referíase así á consulta realizada hai case dous anos para saber en que lingua querían os pais que recibisen os seus fillos a educación. Dous anos despois, porén, a Xunta non fixo públicos os resultados pormenorizados desta enquisa, moi criticada por sindicatos e asociacións pedagóxicas. Onte mesmo, fontes da Consellería de Eduación recoñecían que "os resultados non foron recompilados aínda".

O máximo responsable da Mesa, Carlos Callón, reclama precisamente que eses resultados saian á luz o antes posible, ao tempo que considera "irrelevante" a cobertura legal para "este tipo de pseudo-consultas" desenvolvida no atemproxecto. Núñez Feijóo, opina Callón, "só sabe crear problemas en vez de resolvelos e as consultas non van servir para nada: vímolo en infantil, onde un corenta por cento dos pais pediron ensino en galego e, ao final, só se lle imparte nese idioma ao dez por cento".

Desde a Mesa, asegúrase que a Xunta pretende levar a cabo "un proceso de irresponsabilización" polo que trasferirlles aos centros de ensino os problemas que eles teñen". Nese sentido, considera que o curso non está sendo tan tranquilo como o presidente dixo hai uns días pois, "en realidade, é un dos cursos máis conflitivos que se lembran: mediaticamente pode parecer tranquilo, pero nos centros hai conflitividade polo decreto". Tampouco a Mesa quere fixar unha data para presentar o seu informe sobre o grao de cumprimento do polémico texto, impulsado pola Consellería de Educación. O informe foi anunciado a principios de curso pero agora, Callón adía os resultados uns meses máis, se ben promete que o terán pechado o máis tardar en xullo.

Na Consellería de Eduación limítanse a manifestar que o cumprimento do decreto é xeral entre o profesorado "e non se rexistra incidencia ningunha". Callón, pola contra, asegura que son "moitos" os docentes que non acatan o texto, en especial de ciencias, área que a Xunta prohibiu impartir en galego.

O profesor Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega e membros de varias comisións que evaluaron o impacto do decreto, considera que vai ser "sumamente difícil" para a Xunta coñecer a cifra exacta dos profesores que incumpren o texto: "O goberno creou un clima de tal falseamento da realidade que dificilmente poden avaliar a realidade das cousas". Monteagudo asegura que os profesores están facendo o queren, con independencia dos ditados do goberno, "pero tampouco lles van confesar aos inspectores que están fóra da legalidade".

DATOS DE INTERESE

Monteagudo: "Feijóo fai política de partido co galego"

Henrique Monteagudo é especilamente crítico co anteproxecto de Lei aprobado onte polo Consello da Xunta. Ao seu ver, a cuestión non ten nada que ver coa razón ou cunha liña científica, senón máis ben "cun xogo de política partidaria" que iniciou Núñez Feijóo cando estaba na oposición e que logo seguiu desenvolvendo -"de maneira equivocada"- cando chegou á presidencia do país.

Desde a súa perspectiva, "o goberno debería avaliar antes cal é a situación nos centros en vez de botar a andar con medidas custosísimas e polémicas: falta unha avaliciación en serio. Por exemplo, non sabemos cal foi o efecto real no ensino do decreto".

A cuestión das consultas parécelle, ademais, "perigosa" porque establecen unha maioría simple que pode deixar aparcado o desexo "do 49 por cento dos pais". Na práctica, engade, "sabemos que se está tendendo a invisibilizar o galego".

 

 

 

 

Educación acusa a CIG de romper o acordo sindical

A Consellería de Eduación acusa a CIG de romper "pola súa conta e risco" e de "xeito uniliteral" un acordo de 2009 entre a administración e os sindicatos. Desde o 2009 para que a homologación dos cursos de normalización fose por un máximo de trinta horas. A acusación ten lugar despois de que a voceira de Educación do BNG no Parlamento, Carme Adán, criticase o departamento de Jesús Vázquez por negarse a homologar un curso de 50 horas organizado por CIG-Ensino.

Para Adán, esta negativa supón unha "discriminación e persecución do galego no ensino", así como unha medida "sen fundamento", dado que no mes de novembro "a propia consellería homologou outra edición do mesmo curso coa mesma duración e contidos". Adán creque este "uso discrecional, arbitrario, partidista e baseado en criterios ideolóxicos" da Administración galega "prexudica gravemente o conxunto do profesorado galego" ao fixar para os cursos de formación "un límite de 30 horas".

Anxo Lorenzo imparte unha clase en Londres

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, impartiu onte unha aula sobre lingua galega ao alumnado de 1 e 2 da ESO do Instituto Español Canella Blanch de Londres, no que presentou a situación actual do galego a 65 estudantes que reciben clases deste idioma no centro.

O secretario xeral opinou,, segundo un comunicado da Xunta, que é "importante" o estudo do galego tanto para que os mozos no estranxeiro manteñan unha vinculación coa identidade galega como para "gozar dos produtos culturais" neste idioma. Lorenzo explicoulles tamén aos alumnos as principais institucións políticas, culturais e lingüísticas da comunidade galega, así como o labor que desempeña o seu departamento e a súa situación dentro do organigrama do Goberno galego.

Lorenzo reuniuse co editor Antonio Raúl de Toro e os escritores Alfredo Conde e Vicente Araguas na presentación da antoloxía de literatura galega Breogan"s Lighthouse.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS