Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

idioma

"A cousa non vai nada ben"

Se non se reforza o "status" do galego, extinguirase no ano 2100

IOLANDA CASAL . SANTIAGO   | 26.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
Gráfico que amosa a proxección do uso do galego ata o ano 2100
FOTO: AXENCIAS

Parte da sociolingüística sostén que en territorios bilingües o peixe grande come ó pequeno. A lingua con máis poder tende a gañarlle terreo a outra ata que esta última desaparece. Os físi­cos Jorge Mira e Anxo Paredes deseñaron en 2005 un modelo matemático que lle puña data á agonía final do galego: arredor do 2100. "Pero quedábanos a dúbida de se era posible que co­existisen de forma estable as dúas linguas", explica o Mira, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desde en­tón, o físico seguiu per­feccionando o modelo, cunha última versión que deixa aberta unha fiestra á esperanza da pervivencia da lingua propia de Galicia en forma de bilingüis­mo estable. A fórmula clave, ex­plica o investigador, coincide neste caso coa receitada desde a sociolingüística: que o gale­go reforce o seu status social, que segundo os datos históricos mane­xados polos científicos no seu estudo vén a ser tres veces inferior ó do castelán. Mira realizou os últimos axustes do modelo xunto ó ma­temático e tamén profesor da USC Juan José Nieto e a Luis Seoane, que agora traballa no Bernstein Center de Neurocien­cia Computacional, en Berlín.

O modelo está pensado pa­ra analizar calquera situación de bilingüismo e será publicado proximamente no New Journal of Physics, aínda que o artigo que explica os seus avances, A importancia da similitude interlingüística e bilingüismo cando dúas linguas compiten, xa chamou a aten­ción a escala internacional: a re­vista Technology Review, editada polo prestixioso Instituto Tecno­lóxico de Massachussets (MIT), elixiuno recentemente a me­llor idea do día de entre todos os artigos do Physics Arxiv, un re­positorio dixital no que cientí­ficos de todo o mundo avanzan os seus traballos antes de ser publica­dos oficialmente.

Os investigadores alertan do perigo real de extinción ó que se enfronta o galego baseándo­se en datos históricos e só tres parámetros: o número inicial de falantes de galego, castelán ou bilingües, a distancia ou semellan­za entre as dúas lingua e o status de cada unha delas.

"O modelo é moi sinxelo, pero é asombroso como se axusta (á evolución nos últimos cen anos) de algo tan complexo como a lin­gua", indica Jorge Mira. De cara ó futuro, augura unha caída do bilingüismo e un crecente hexemonía do castelán, aínda que contempla tamén a posibilidade da coexistencia do galego e do castelán -o bilingüismo- grazas á pouca distancia entre ambas linguas, as dúas romances, e se o galego reforza o seu status.

Máis aló das fórmulas mate­máticas, as impresións perso­ais do físico sobre o futuro do galego son ambivalentes. "Estou convencido de que o seu status é xa maior do que indica o noso modelo, porque a súa grande ei­va é que traballa cun status fixo, ou media dos anos analizados", argumenta Mira, que segue traba­llando para perfeccionar o seu dese­ño. Pero a continuación engade "a cousa non vai ben". "Entre os rapaces aos que daba cateque­se hai 20 anos había moitos mo­nolingües en galego, agora non son. Se os netos falan menos ga­lego que os avós...".

RECRIMINACIÓN DA MESA

Acusan a Feijóo de incumprir o Estatuto

A Mesa pola Normalización Lingüística "critica e lamenta" as últimas declaracións do presidente da Xunta que, subliña a asociación, está a reprobar "case a diario e a través da demagoxia" que a lingua galega se poida utilizar na cámara territorial que é o Senado.

A entidade presidida por Carlos Callón considera que Feijóo "falta, tamén aquí, ao mandato estatutario de defender o idioma e a cultura da terra que goberna" e valora como "unha calamidade para Galiza" a súa "repetida e histriónica postura contraria ao recoñecemento do noso idioma".

"Núñez Feijóo non cre na lingua galega porque non cre en Galiza", asegura Callón, que lle demanda ao presidente aparcar "dunha vez a súa galegofobia e comece a gobernar con políticas que melloren a convivencia e reforcen a cohesión social das galegas e dos galegos". Calquera persoa que queira usar a súa liberdade para optar por vivir en galego, engade Callón, "encóntrase hoxe con máis dificultades que hai dous anos, antes da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta".

A Mesa pon como exemplos da actual "política lingüística contra o galego" o decreto que prohibe impartir as materias científico-técnicas nese idioma, o programa informático distribuído pola Xunta que impide o uso do galego na administración de xustiza, o feche de varios medios de comunicación en idioma galego, a redución de cursos desta lingua ou a "campaña continuada para deslexitimar o galego como idioma propio de Galiza, tal e como sinala o Estatuto de Autonomía".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS