Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

DEBATE

A creación "cativa"

O Congreso IBBY que arranca hoxe en Santiago afondará, entre outros temas, nos condicionantes das literaturas escritas en linguas minoritarias

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 08.09.2010 
A- A+

Pepe ferrín/agn
Henrike Fesefeldt, pola dereita, Francisco López, Patricia Aldana e María Jesús Gil onte en Santiago
FOTO: Pepe ferrín/agn

"É importante que os nenos estuden no seu propio idioma nas escolas". Para Patricia Aldana, presidenta do IBBY (International Board on Books for Young People), este é un dos temas prioritarios que se analizarán na 32ª edición do Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil que se celebrará en Compostela dende hoxe até o domingo, día 12. Baixo o lema A forza das minorías, é a primeira vez que este congreso bianual chega a Galicia dende que se comezou a organizar en 1953. Nesta edición, achegaranse ao Pazo de Congresos de Galicia, en Compostela, até 600 participantes de todo o mundo, ao redor de conferencias, mesas redondas e obradoiros que analizarán o impacto das minorías -lingüísticas, étnicas, relixiosas ou de xénero- na vida dos nenos e como se reflicte este feito na literatura infantil e xuvenil.

Segundo Patricia Aldana, unha parte importante do congreso -patrocinado pola Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura, a Fundación SM e o concello de Santiago-adicarase a reflexionar sobre os condicionantes das literaturas escritas en linguas minoritarias. Os libros infantís poden contribuír á normalización da edición en linguas minoritarias pero o camiño está cheo de dificultades. Precisamente, unha das sete mesas redondas afondará neste tema o sábado, día 11, ás 14:00 horas, coordinado pola brasileira Elizabeth d"Angelo Serra e coa participación da autora galega Fina Casalderrey, a alemá Miriam G. Möllers (directora do programa White Ravens) e a investigadora holandesa especialista na lingua frisoa Jant van der Weg-Laverman.

Outra parte importante do Congreso centrarase nas sete conferencias plenarias que centrarán boa parte das mañás. A psicóloga arxentina Emilia Ferreiro, que abrirá as intervencións o xoves ás 9:30 horas, disertará sobre o impacto da diversidade no acceso á lingua escrita. Seguiralle o guatemalteco Víctor Montejo, falante do idioma maia popb"al ti" que tivo que abandonar o seu país por mor da guerra, e que afondará sobre a importancia da escritura nos idiomas indíxenas.

Ao día seguinte, tocaralle a vez a unha das máis importantes escritoras da literatura brasileira actual, Lygia Bojunga, que estivo ao longo de cinco anos á fronte dunha escola para combater o analfabetismo nas zonas rurais e á editora india Gita Wolf que creou Tara Books, que publica as manifestacións culturais das minorías do seu país. O sábado, a investigadora española Teresa Colomer reflexionará sobre a situación de minoría que pode estar vivindo a creación literaria para nenos e mozos no conxunto da cultura e o activista afgán Mohammad Yousef, fundador da ONG Aschiana, centrarase na súa experiencia axudando a nenos que viven na rúa en Kabul dende hai 15 anos.

 

Manuel Rivas falará da creación en galego

Un dos pratos fortes chegará o domingo coa vez do escritor e xornalista galego Manuel Rivas que abordará o desafío que supón a creación literaria nunha lingua minorizada como é o galego. Non será o único autor do país que participará no congreso senón que tamén estarán Víctor Freixanes, Miguelanxo Prado, María Reimóndez, Blanca Roig ou Marcos S. Calveiro. Ademais, o logo e o cartel do congreso son obra do ilustrador lugués Xan López Domínguez.

A comisaria do IBBY, a historiadora Henrike Fesefeldt, agarda que o congreso permita "forxar novas iniciativas e proxectos que nos axuden a que os nenos amen os libros", de cara ao congreso que se celebrará en Londres en 2012. Do mesmo xeito, a presidenta da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil), a editora María Jesús Gil, destacou o papel da cultura e da lectura sobre todo, nos países en conflito, para "axudar aos nenos a que participen na democracia e sexan persoas con visión de futuro",

Para o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, a celebración do Congreso do IBBY en Santiago "é unha proba máis de que estamos a realizar un traballo sólido e de calidade como produtores e difusores da literatura infantil e xuvenil, con creadoras e creadores, editoriais e especialistas de primeiro nivel mundial".

Ao seu ver, este evento "confirma a nosa posición no mundo da literatura infantil e xuvenil, actuando como elemento dinamizador de creación, interpretación e distribución, e pola súa vez sérvenos de carta de presentación no exterior". O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura explicou que "os nenos parten de onde chegamos os adultos, e a nós correspóndenos darlles un camiño limpo no que poidan desenvolverse, os textos cos que descubran as súas posibilidades e o seu mundo; as ilustracións que os aproximen a si mesmos, ao que levan dentro e a todo o que poidan compartir no transcurso da súa existencia".

ACTIVIDADES

Os enfoques de 40 títulos do país

O Pazo de Congresos acollerá unha exposición da Asociación Galega de Editores, A literatura infantil e xuvenil galega e as minorías, unha escolma de 40 títulos de literatura galega de todos os tempos que abordan o tema do congreso dende diversos enfoques.

Asahi á promoción da lectura

Esta organización fará entrega o día 10 dos premios IBBY-Asahi de promoción da lectura ao convenio entre a Alcaldía de Medellín e a Fundación Jordi Sierra i Fabra que achega a lectura a nenos; e á organización canadense Osu Children"s Library que leva bibliotecas a Gana.

Entregaranse os "Pequenos Nobel"

O vindeiro sábado, día 11, entregaranse os Premios Hans Christian Andersen, considerados os "Pequenos Nobel" da Literatura infantil e xuvenil. Nesta ocasión, recollerán o galardón -unha medalla e un diploma- o escritor británico David Almond e a ilustradora alemá Jutta Bauer.

Chao e Fernández Paz, na lista de honra

Mañá entregaráselles o seu diploma acreditativo da Lista de Honra IBBY 2010, a autores entre os que se contan o galego Agustín Fernández Paz polo seu volume O único que queda é o amor e Ignacio Chao, por facer a tradución da novela A noite d"O Risón de Gonzalo Moure.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS