Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 19.08.2017 Actualizado 16:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

fito

Crónica do noso tempo

O suplemento Revista das Letras celebra os seus vinte anos de historia con sete monográficos que indagan nos códigos da contemporaneidade

MARÉ . SANTIAGO   | 03.05.2011 
A- A+

AXENCIAS
Herminio Barreiro foi un dos asiduos colaboradores do suplemento
FOTO: AXENCIAS

Hai vinte anos, nacía nas páxinas de El Correo Gallego a Revista das Letras, o suplemento cultural máis lonxevo do periodismo en Galicia, actualmente incluído en GALICIA HOXE. Con máis de oitocentos números publicados e uns fondos literarios e documentais únicos, Revista das Letras representa unha das achegas imprescindibles para comprender e recoñecer os procesos de transformación que viviu o país desde primeiros da década dos noventa.

Para celebrar estes vinte anos, os responsables do suplemento prepararon sete monográficos especiais que empezarán a aparecer este mesmo xoves e que inclúe unha entrega específica para o 17 de maio, dedicado como é habitual cada ano á figura do escritor homenaxeado co Día das Letras, Lois Pereiro. Pero este monográfico, no que participan desde Marcos Calveiro a Pepa Vega Buxán, pasando por Daniel Salgado, Iago Martínez, Lino Braxe, Lupe Gómez ou Mercedes Queixas, non será o único dedicado ao poeta monfortino.

De feito, dous días despois da xornada central do mes, Revista das Letras estará na súa cita dos xoves cos lectores baixo o tema O Monforte de Lois Pereiro, un número que se achega ao espazo xeográfico esencial do escrior a través das visións de Teresa Moure, Lois Diéguez, Ángel Artnáiz ou Antón Patiño. Canda eles, as ilustracións de Roberto González, habitual colaborador do suplemento desde os primeiros anos.

O monográfico que abre a celebración este xoves é a tradución de Carlos Lema da conferencia Repensar a teoría crítica do capitalismo de Moishe Postone, un autor inédito en galego. O propio lema encrágase do texto introdutorio, Tempo, lógos e dominación social, e o fotógrafo Manolo Martínez das ilustracións. Para a segunda semana de maio, outro monográfico reproduce unha selección de artigos aparecidos en Revista das Letras no seu primeiro ano de vida como mostra da actualidade e vixencia que seguen a manter os fondos dun suplemento xurdido co obxectivo de indagar nas dimensións paralelas da sociedade contemporánea.

Xa a finais de maio aparecerá un especial dedicado á obselescencia programada, unha das cuestións que máis polémicas e debates provocou nos últimos meses en todo o mundo. En Galicia, Revista das Letras proúxolles a María do Cebreiro, Ignacio Castro, Xosé Manuel Beiras, Germán Sierra e Xabier Cordal que reflexionasen sobre esa obsolescencia programada programada e nas reprecusións que este concepto ten en diferentes ámbitos.

PERSPECTIVAS

De Herminio Barreiro ao Islam

Os especiais de Revista das Letras prolóngase nas dúas primeiras semanas de xuño -xusto antes de comecen a publicarse os monográficos de verán, dedicados ás novas propostas dos creadores- con dous números moi especiais: por unha banda unha antoloxía dos textos publicados no suplemento por Herminio Barreiro e, pola outra, unha análise das revoltas islamitas desde o mesmo corazón dun dos seus escenarios máis actuais, Marrocos, realizada por Soedade Noia.

O monográfico dedicado a Herminio Barreiro -un dos colaboradores asiduos da Revista- supón a primeira achega xeral ao que foi un labor continuo -e inclasificable- deste filósofo e pedagogo falecido a finais do ano pasado. Tanto as páxinas do suplemento como as de Galicia Hoxe agachan un amplo fondo para internarse no que foron os seus ámbitos de interese e revelan ata que punto Herminio Barreiro foi unha desas mentes que nos axudaron a comprender os códigos da nosa contemporaneidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS