Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

letras

A cultura de base

A única editora galega especializada en ciencia-ficción e literatura fantástica e gótica, Urco, abre unha nova etapa xunto coa súa imprenta irmá Sacauntos

MARÉ . COMPOSTELA   | 17.02.2011 
A- A+

AXENCIAS
Urco e Sacauntos naceron como proxectos separados, pero despois xuntáronse
FOTO: AXENCIAS

O Corvo de Edgar Allan Poe, A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos de Washington Irving, O retrato de Dorian Gray de Oscar Wilde, Solomon Kane de Robert E. Howard, Conan: A filla do xigante de xeo de Robert E. Howard ou A praga escarlata de Jack London son algúns dos títulos que, traducidos á nosa lingua, forman parte do catálogo de Urco, a única editora galega especializada en ciencia-ficción, literatura gótica e fantástica.

Tras tres anos de andaina, Urco comeza unha nova etapa, xunto coa imprenta Sacauntos, nun novo local na Rúa do Avío, número 11, en Compostela. E, para celebralo, estes dous proxectos organizaron un acto para mañá, que comezará ás 20:00 horas e incluirá un concerto de Íxion.

Na súa polo momento non moi longa traxectoria, Urco foi incorporando novidades como o selo Alcaián, dedicado a autores e autoras galegos noveis, que abren o relato O que Darwin non previu, de Alba Payo Froiz, o ensaio sobre a historia do cinema de terror Xanela escura de Jorge Emilio Bóveda e a novela Carmiña Burana de Santiago Bergantinhos. En poucos meses sairá do prelo tamén, dentro desta colección, O ladrón de soños, o primeiro número dunha serie de Fernando Cimadevila e Iván Valladares, unha sorte de Harry Potter, orientado ó público xuvenil.

A filosofía de Urco é achegar o xénero fantástico ó público, de xeito que "poida acceder á cultura aínda que non pague por ela", explica Rodrigo Vizcaíno. Neste sentido van iniciativas como Libriscos, creada desde Urco e Edizer -o selo reintegracionista de Sacauntos-, que propón que o libro de peto en pequeno formato se sirva, como tapa, nos bares.

"Como temos a imprenta Sacauntos, o custo de editar redúcese moito. Por iso, que estes libros nosos se agasallen nos bares, para nós é un xeito de darnos a coñecer, ademais de achegar a todo o mundo a literatura de xénero na que nos especializamos", comentou Vizcaíno. Libriscos amosa ademais semellanzas, na súa vocación de facer literatura para o cotián, coa iniciativa O lapis do Taberneiro do bar Trece.

Urco comezou editando clásicos da literatura fantástica sen dereitos de autor baixo licenza Creative Commons, xa que considera "regresivo" o uso das licenzas de Copyright sobre textos que xa se atopaban liberados do mesmo. Despois engadiu textos si suxeitos a dereitos. "A experiencia foi boa. Tentamos falar cos autores, sen intermediarios", sinalou Vizcaíno.

Así, a editora tirou do prelo Crónicas do mañá: 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción, unha escolma realizada por José Miguel Sánchez. "E foi a primeira vez que estes contos se editaban fóra de Cuba", subliñou. Resultado do intercambio con outro país, Brasil neste caso, é outro proxecto, Mestres do terror.

Editar a Saga de Ender, de Orson Scott Card, e a biblioteca de Howard Phillips Lovecraft son algúns dos vindeiros proxectos de Urco, que ademais comparte con Positivas, Rinoceronte e 2.0 a colección Módicos, de distribución vía toupa.net, e por só 9,90 euros o libro, e proxecta iniciarse no e-book, "porque cremos que quen le o libro en formato dixital, acábao mercando", dixo. Vizcaíno asegura que as librarías "non protestaron" polos baixos prezos de Módicos. "A impresión que temos, desde hai un ano, é que hai máis interese por este tipo de literatura. A xente pregunta por nós, as bibliotecas chámannos... pero non poderiamos dicir se é algo momentáneo ou algo máis sólido que demostre que a literatura fantástica e de ciencia ficción vai tendo máis lectores", indicou.

NOVA COLECCIÓN

Poesía para nenos de Espiral Maior

Parece unha rosa, de Rosalía de Castro, e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita, ámbolos dous libros con ilustracións de Isabel Pintado, abren Lúa Lueira, a nova colección de poesía para nenos e nenas de Espiral Maior.

Con esta nova liña, Espiral Maior quere contribuír á oferta de libros de poesía nos que se une o elemento literario e lúdico de expresión poética cunha vontade encamiñada á adquisición e aprendizaxe da linguaxe, segundo explicou a editora nun comunicado. Cada un dos libros contén un só poema, que aparece ó principio do álbum. Despois cada páxina presenta uns cantos versos, acompañados das ilustracións da debuxante, autora tamén de O año pitaño, cun poema de Xosé María Álvarez Blázquez.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS