Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, na súa comparecencia de onte en San Caetano |
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, asegurou onte que o programa de "Coordinación e promoción do Turismo" será o que terá un "maior peso" dentro dos 239 millóns cos que contará de orzamentos este departamento para 2010 e nos que nacionalistas e socialistas ven "un forte descenso".
De feito, para os grupos da oposición, Cultura é a Consellería que sofre un maior recorte nos orzamentos da Xunta, cun descenso do 9,4 por cento. Para a deputada do PSdeG Concepción Burgo López, isto demostra a "importancia que o PPdeG e este Goberno lle dan á cultura, e que non mudou dende Pérez Varela".
Ademais, a deputada do BNG Ana Pontón criticou a "improvisación" dos orzamentos presentados, comentando que a memoria de obxectivos é un "corta e pega" da do anterior Goberno. Así mesmo, cualificou estes orzamentos de "opacos". Así mesmo, os socialistas dixeron que "non hai programa político" e criticaron que non se especifiquen as partidas dentro da Dirección Xeral do Patrimonio, tendo que confiar en que se faga todo o planificado mediante un "acto de fe".
Promocionar o turismo recibirá 79 millóns de euros
Concretamente, o orzamento da Consellería será de 196 millóns. Destes, a maior partida, 79 millóns de euros, dedicarase a coordinar e promocionar o turismo, o que supón un 0,83 por cento máis que no exercicio anterior. Mentres, os programas de creación, promoción e difusión cultural e infraestruturas culturais recibirán máis de 56 millóns de euros.
Doutra banda, dedicaranse preto de 10 millóns de euros a investimentos no patrimonio cultural, un 8,2 por cento máis que no orzamento inicial do 2009, e 970.000 euros en axudas para a protección e intervención no patrimonio, un 33,75 por cento máis que no ano anterior.
Ademais, o Plano de Acción de Turismo de Galicia contará cun importe de 8 millóns de euros adicionais, a repartir nos próximos catro anos. Tamén conta cunha partida importante o Ano dá Lectura, con 2.850.000 euros para a promoción da lectura e o libro, 1.593.000 euros para a edición en galego e 3.630.000 para a adquisición de fondos bibliotecarios. 3.819.000 euros destinaranse á organización e promoción de circuítos culturais e haberá un partida específica de 600.000 euros para unha liña de axudas ó cómic.
En canto ós organismos dependentes, o Centro Galego de Arte Contemporánea contará con 4.328.000 euros, Turgalicia con 27,7 millóns de euros, a Fundación Illa San Simón con 360.000, a Fundación Cidade da Cultura con case 43 millóns e a Sociedade de xestión do Plan Xacobeo con 43,1 millóns, que se prevén incrementar mediante patrocinios e vendas. Agadic terá 14,3 millóns de euros, dos que máis de 7 millóns dedicaranse á produción artística.
Segundo o deputado do PPdeG Ignacio López-Chaves estes son uns "orzamentos serios, non coma os do Bipartito, falsos e inflados", tendo en canta que "Galicia non está en crecemento". Ademais, asegurou que axudarán a facer unha cultura en liberdade e sen excluír a ninguén".
"O de Cultur.gal non é culpa nosa"
Varela dixo o mércores, en resposta a unha cuestión da nacionalista Ana Pontón, que a Xunta "non ten a culpa" da suspensión este ano da terceira edición da Feira Galega das Industrias Culturais (Cultur.gal) porque non é a entidade responsable de "organizala". O titular de Cultura atribuíu a responsabilidade de organizar a feira á Asociación Galega de Editores.
Subliñou que o bipartito subvencionou a feira "case na súa totalidade" e apostou por unha colaboración da Xunta "máis realista e acorde coa actual conxuntura económica". Fronte a iso, a deputada do BNG Ana Pontón dixo que "culpar" os editores de "non pedir" á Administración que se convoque a cita "é unha falsidade".
Sen cartos para memoria histórica
A oposición tamén alertou da desaparición das partidas destinadas á recuperación da memoria histórica. Así, por exemplo, suprímese a subvención á Cátedra Alexandre Bóveda, dedicada a este tipo de investigacións, decisión que Pontón espera que responda a "cuestións técnicas e non ideolóxicas". Sobre esta cuestión, Roberto Varela asegurou non ter "ningún problema" coa memoria histórica e apostou "non converter a Illa de San Simón nun mausoleo se non nun centro de arte vivo".
Algo que foi contestado con dureza pola nacionalista Ana Pontón, que o acusou de "frivolidade" ao tratarse do "maior cárcere de tortura do franquismo".
