Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Roberto Varela (esquerda) na Feira do Cogomelo de Curtis |
Un equipo de arqueólogos traballa na recuperación do castro das Barreiras en Vimianzo para pór en valor este xacemento singular, segundo informou onte a Consellería de Cultura, que explicou que as accións se iniciaron o pasado 10 de outubro e se prolongarán ata que finalice o mes.
Os traballos consisten na limpeza e acondicionamento do xacemento, na retirada de biomasa e na documentación gráfica exhaustiva cunha topografía de detalle e fotografía aérea. Son accións "brandas e non agresivas", apuntou o departamento que dirixe Roberto Varela, que sinalou que son necesarias para unha posterior posta en valor do complexo.
O director dos labores, Ángel Concheiro, asegurou que o xacemento "ten moito valor" como recurso cultural e turístico e destacou que Vimianzo debe aproveitar a súa situación, pois se atopa "enmarcada por dous xacementos fortificados singulares", o cal é "un luxo".
O castro das Barreiras está no fondo do val de Vimianzo e nel apréciase unha "estrutura arquitectónica espectacular", agregou Cultura, que explicou que tal estrutura se define polos vestixios do foso e unha "potente muralla" que supera os oito metros de altura nalgúns puntos. "Estas defensas colosais non son habituais nos xacementos castrexos e demostran que o castro das Barreiras foi, no seu día, un poboado importante e que era, probablemente, máis extenso do que hoxe se conserva", afirmou o departamento.
"O cogomelo fai Galicia apetecible"
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, cre que a X Festa do Cogomelo de Curtis fai de Galicia un destino "máis apetecible para os millóns de turistas e peregrinos" e destaca a importancia desta celebración para a economía da zona. Durante unha visita a Curtis, onde actuou como pregoeiro da festa, Varela recordou a importancia de Teixeiro dentro do Camiño de Santiago polo norte. En referencia á actividade micolóxica de recoller cogomelos, o conselleiro resaltou a importancia dos fungos para a actividade económica do lugar como "uns froitos de outono con grande valor engadido e unha excelente aceptación no mercado".
