Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

filme

Da envexa á cobiza

O músico galego Sergio Pena estrea hoxe na Coruña a súa primeira curta, "Amor ansioso", crítica á superficialidade e falsidade da sociedade actual

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 03.12.2010 
A- A+

O auditorio do Instituto Tecnolóxico Empresarial (ITE) Caixa Galicia da Coruña, na ronda de Nelle, acolle hoxe ás 20:30 horas a estrea de Amor ansioso, a primeira curtametraxe do músico e compositor galego Sergio Pena. Achegou a súa creatividade musical a longas como Sueño de una noche de San Juan, El laberinto ario ou Los muertos van deprisa. Pero até agora nunca se decidira a pórse detrás das cámaras, iso si, apoiado por un elenco de primeira: Álex Carro, o protagonista, Belén Constenla, Xosé Manuel Olveira Pico, Lucía Regueiro, Christian Escudero, Rubén Prieto, Beatriz Fernández ou Brais Abad. "Foi unha sorte contar con intérpretes tan solventes, cunha profesionalidade e humildade que non se corresponde co status de grandes actores que son, así que traballar con eles foi moi doado", comenta.

"Levo unha boa temporada facendo música para producións audiovisuais. Aínda que existe a idea de que o compositor vai por libre, eu sempre me interesei por todo o proceso de elaboración dun filme. De maneira que pensei que a mellor forma de reflectir os coñecementos que fora adquirindo co tempo era facer o meu propio intento", explica Sergio Pena, autor tamén do guión.

Amor ansioso narra a historia dun mozo acomodado -Álex Carro- marcado polas súas circunstancias familiares e persoais nun mundo desapiadado. "Quixen reflectir certos comportamentos humanos da vida cotiá, en particular, o superficial que somos, mantemos relacións pouco sinceras, interesadas, mesquiñas e insolidarias, unha marea que nos leva e nos trae. É unha pequena visión da sociedade actual, contada a partir dunha historia de amor", comenta o director.

O protagonista está a tratamento debido á separación dos seus pais, e, ademais, ten que lidar a diario coa envexa duns, a luxuria doutras ou a cobiza daqueloutros. "É vítima das convencións sociais e sofre as consecuencias dese cúmulo de pecados capitais", engade Pena. Tanto que se desencadea un desenlace imprevisible para o seu destino.

 

Tres días de rodaxe "a un ritmo maratoniano"

A rodaxe completouse en tres días, pero "a un ritmo maratoniano". De feito, o último día, "como o tempo apremiaba", filmaron as derradeiras secuencias "en non máis de catro escenas". Pena non contou con axuda económica de ningunha institución pública. "Porque non a solicitamos, hai que deixalo claro, xa que consideraba que non era viable caer en tanto papeleo", asegura. Como contrapartida, tiveron a sorte de que colaborasen institucións públicas como o concello da Coruña "que nos deu o permiso para rodar no Monte San Pedro" e mesmo privadas como un bufete de avogados que lles cedeu un despacho para a rodaxe.

Para Pena, o labor de director absorbeu todo o seu esforzo. De feito, nun principio pensou en delegar noutro músico para compoñer a banda sonora de Amor ansioso aínda que finalmente, as circunstancias obrigáronlle a "botar man do oficio". "Pensei que me ía sorprender facendo unha obra mestra pero finalmente non resultou moi distinto do meu traballo noutras producións audiovisuais", indica.

O resultado da curta deixoulle un bo sabor de boca a Sergio Pena que xa pensa en repetir a experiencia. "A rodaxe é estresante porque o director recibe moitos estímulos e ten que estar atento a todos. Pero cando traballas cun equipo profesional e con tantas ganas, resulta bastante levable. Gustaríame continuar pero dirixindo por exemplo, un videoclip, aínda que teño que madurar as miñas ideas", comenta.

O realizador quere leva a curta, cun subtítulos en inglés, a festivais non só de Galicia senón tamén de fóra. Pena acaba de colaborar cun spot dunha campaña para unha ONG de Londres e continúa a colaborar nas bandas sonoras do audiovisual como nunha curta feita nos Ánxeles polo rumano Ion Nicolae ou para unha curta portuguesa titulada Fate. Na actualidade, está a colaborar co técnico de son galego Daniel López que tamén se vai lanzar a dirixir a súa primeira curta.

COLABORACIÓNS

"Sedúceme o ámbito anglófono"

Sergio Pena estudou guitarra e composición no Conservatorio Superior da Coruña, film scoring en Berklee College of Music e harmonía de jazz na Escola-estudio de Compostela. Colabora coa Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Compuxo a banda sonora da curtametraxe Disonancias de Ignacio Vilar, pola que foi candidato aos premios de Agapi en 1999. Con Vilar tamén colaborou no documental Pintores Galegos. En 2007, compuxo a música para o documental 15.000 de Newark de Anxo Fernández. Ese mesmo ano estivo nomeado aos premios Mestre Mateo polo seu traballo na curta Da man da raíña vermella de Omar Rabuñal.

"Sedúceme o ámbito anglófono", asegura Pena. De feito, colaborou co director neiorquino Wen Ren nos seus filmes University sunshine e Milligram Experiment así como co californiano Arslane Merabet, na curta Not my cup of tea. Recibiu o premio á mellor música no Festival de curtas galegas de Sada no ano 2008.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS