Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.05.2019 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

libro

"O decretazo é lamentábel"

Callón: "Moitas veces acúsase de "politizar" a lingua a quen a defende. A ver se Núñez Feijóo se aplica o conto e se "apropia" un pouquiño do galego!"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 07.05.2010 
A- A+

Antonio Hernández
Callón presenta mañá ‘En castellano no hay problema’ en Santiago
FOTO: Antonio Hernández

O presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, acaba de reunir os seus artigos dos últimos anos no libro En castellano no hay problema (Xerais), que presentará mañá ás 19.00 horas na Feira do Libro de Santiago con Pilar García Negro, profesora da UDC e Caetano Díaz, director de GALICIA HOXE, xornal no que vén publicando os seus artigos dende 2008.

 

Dis no prólogo que é importante que cada falante se active e reclame o seu dereito a vivir en galego. ¿Falta mobilización social?

Nos últimos tempos, e especialmente desde a entrada na presidencia da Xunta de Núñez Feijóo, hai un crecemento visíbel da consciencia lingüística. O aumento da agresividade contra o noso idioma supuxo unha resposta social que, se a logramos afianzar, pode ser o comezo do proceso de revitalización real do galego. Hoxe hai máis xente consciente de que os falantes de galego tamén deberiamos ter os mesmos dereitos lingüísticos que as persoas que falan en castelán e máis xente disposta a moverse para que a lingua galega viva e perviva. Agora ben, ben sei que queda moito camiño por andar e que a todos os galegos e a todas as galegas nos toca decidir o futuro do noso idioma e da nosa cultura.

¿O mito da "imposición" do galego danou a súa consideración social?

A idea da imposición forma parte do argumentario habitual cando os grupos máis poderosos e reaccionarios queren evitar a igualdade social, non só no tema da lingua. Presentan o mundo ao revés, aos oprimidos como opresores. Por exemplo, se se aspira a que as mulleres e os homes teñan os mesmos dereitos, desde o machismo farase ver que as mulleres ocupan todos os lugares de poder... cando a realidade é que unha muller segue a ter máis difícil o acceso a un posto de traballo cualificado e cobra menos que un home. Non é ese o mesmo esquema da "imposición del gallego"? Non hai igualdade xurídica para quen utiliza o galego, mais desde os altofalantes do poder véndesenos outra realidade: todo está en galego, a xente non ten acceso á información en castelán... 

Un dos argumentos que usan os detractores da Mesa é que a asocien ó BNG, ¿que opinas sobre a vinculación do nacionalismo co galego?

A Mesa é unha asociación apartidaria e, aínda que non imos negar que a maioría dos seus membros probabelmente sexan nacionalistas, ten afiliadas e afiliados que militan nos tres partidos con representación parlamentaria ou noutras formacións políticas con representantes a nivel municipal ou, tamén, claro, en ningunha. A Mesa ten vocación de casa común de todas as persoas que teñan sensibilidade polo idioma galego e aspira á unanimidade social na súa defensa, por iso promove e coordina Queremos Galego, a cuxas chamadas asiste toda a sociedade galega organizada excepto o PP, que se autoexclúe. Moitas veces acúsase de "politizar" ou "apropiarse" da lingua a quen a defende. É algo que fai decote o presidente da Xunta. A ver se Núñez Feijóo se aplica o conto e se "apropia" un pouquiño do galego! Convidado está!

A poucos días para que se celebre o 17 de Maio, é necesario repensar o Día das Letras? E a RAG?

Penso que é bo que se consolide que o Día das Letras sexa unha xornada para saírmos á rúa, celebrarmos que temos unha lingua propia e mobilizármonos na súa defensa. Agora a cuestión é vermos se somos quen de consolidar aspectos que se foron corrixindo nos últimos anos. A RAG ten moitas cousas aínda por mellorar, mais está a ollos vista que se encontra nun dos mellores momentos da súa historia. Hai un antes e un despois da valente defensa do galego que realizou Xosé Ramón Barreiro diante do propio presidente da Xunta. Esta centenaria entidade ten catro retos a curto prazo: consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego, abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico ao que pertencemos (non me refiro só a nivel de estándar, que tamén), garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega e corrixir de forma urxente a infrarrepresentación das mulleres. A verdade, non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.

O Decreto vai ser unha realidade en breve, ¿Como afectará á convivencia nos centros educativos?

Como docente, sei da dificultade para conseguir nalgúns centros que o alumnado utilice o galego cun mínimo de corrección e fluidez mesmo na materia de lingua e literatura galega. "Es que non me sale en gallego...", é a queixa dalgúns rapaces e dalgunhas rapazas e, ao final, tes que centrarte en mellorar as súas competencias comunicativas e non podes dar a materia planificada como quererías. Que, tendo este problema, a Xunta aínda queira diminuír a presenza da nosa lingua, mesmo coa posibilidade de expedientar ao profesorado que a use nalgunhas materias, é lamentábel. Máis aínda cando queren impor este decretazo sabendo que teñen o rexeitamento de todas as institucións culturais do país, do Consello Escolar de Galiza, de todos os sindicatos, de toda as organizacións estudantís e -excepto unha, vinculada ao PP- de todas as asociacións de nais e pais.

"A QUEN LLE PROIA, QUE SE RAÑE"

"Os ataques á Mesa reforzáronnos, somos máis e non imos calar a boca"

En 2002 asinas un texto no que pedías un Acordo Nacional sobre a Lingua. ¿É necesario volver hoxe a reclamalo?

Penso que o acordo nacional existe e está concretado nos consensos aos que chegamos entre todas e todos, en especial o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea das linguas. O problema é a súa aplicación, claro. E o problema é tamén se o PP algún día cumprirá os acordos aos que chega. Porque aquí parece que só están dispostos a asinar documentos en defensa da lingua galega se despois poden impedir que o alí escrito se poida levar á práctica.

A polémica do "L" no topónimo da Coruña, ¿foi un dos casos que máis desgastou a Mesa?

Hai grupos de poder que nos poden atacar por defender o galego, porque quererían que non houbese ferramentas colectivas para protexelo. Mais a verdade é que cada vez que A Mesa dá a cara contra as agresións, o apoio social á nosa entidade aumenta. A nosa batalla cívica para que o Concello da Coruña cesase nos seus ataques contra a nosa cultura e cumprise o Estatuto de Autonomía e a Lei de normalización lingüística foi dura, mais non hai dúbidas de que foi útil socialmente e serviu para demostrar que A Mesa non só se queixa, senón que tamén consegue resultados.

Denuncias a demonización e criminalización da Mesa ou o maltrato da Xustiza con Queremos Galego. A que cre que se debe?

Nos seus case 25 anos de historia, A Mesa nunca tivo tantos ataques como nos últimos tempos, con calumnias gravísimas e, en ocasións, verdadeiras situacións de indefensión. Mais esta agresividade tamén se volveu como un búmerang contra quen a lanzou, porque tales ataques reforzaron A Mesa como a maior asociación cultural de Galiza, case con 5.000 membros, dos cales case 500 forman parte desta casa común desde o último ano e medio. E a quen lle proa, que se rañe, porque imos ser aínda máis e non imos calar a boca.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS