Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

distinción

"Demanda de dignidade"

Lidia Senra dedica o Pedrón de Ouro ao agro galego, "que está sometido a unha forte precarización en beneficio das grandes multinacionais"

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 30.05.2011 
A- A+

David Otero, pola esquerda, fai entrega dos galardóns a Lidia Senra, Aurora López e Andrés Pociña, onte na Casa Museo de Rosalía

"O colectivo agrario está sometido a unha forte precarización en beneficio das grandes industrias e as multinacionais". Foi a denuncia que onte fixo a sindicalista Lidia Senra ao recoller o Pedrón de Ouro que lle concedeu a homónima fundación pola súa "exemplar traxectoria" como "referencia obrigada dentro do movemento agrario europeo e internacional" e o seu traballo por visibilizar o traballo da muller no campo. Ademais, recolleron o Pedrón de Honra os profesores da Universidade de Granada Andrés Pociña e Aurora López, polas súas iniciativas en favor da lingua e cultura galegas desde aquela academia, especialmente polos seus traballos sobre a obra e pensamento de Rosalía de Castro.

Nun acto celebrado precisamente na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, Senra denunciou que nos últimos vinte e cinco anos Galicia tamén padeceu "o expolio" dos recursos básicos dos pobos para producir os seus propios alimentos como semente, auga e terra. Pola súa parte, o secretario do Pedrón, David Otero, comparou a mobilización do 15M coa reunión na casa de Rosalía, que tamén representa, ao seu ver, "unha resistente e incorruptible demanda de dignidade". Otero destacou o traballo de Lidia Senra "nun mundo de mercadores e piratas" e cualificouna como unha "referencia obrigada do agrarismo galego e internacional". Ademais, o presentador do acto, Xosé Ramón Fandiño, dixo que a entrega do Pedrón de Ouro supón renovar o compromiso coa historia e a cultura de Galicia.

 

Reivindicación da lingua galega e de Rosalía

Por outra parte, Andrés Pociña destacou da súa muller, a premiada Aurora López, os traballos de recuperación de escritoras medievais e clásicas "maltratadas polos estudos académicos" e tamén doutras actuais e puxo de relevo os seus traballos na Universidade de Granada a favor da igualdade. Aurora López, pola súa banda, reivindicou a lingua galega e a Rosalía, que a mantiveron vencellada a Galicia 35 anos despois de chegar a Granada e criticou ó Goberno galego por todo o empeño que está poñendo en "salvar ó castelán" porque di que está en perigo.

De Andrés Pociña e Aurora López a Fundación destacou obras como Rosalía de Castro, Documentación biográfica e bibliográfica crítica (1937-1990), unha edición crítica de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro. Estudos sobre a vida e a obra ou Conversas con Maruxa Villanueva.

Tamén considera importantes as súas achegas e publicacións en distintos diarios e revistas que inciden nos debates públicos sobre a identidade galega e a súa incidencia importante no mundo cultural europeo. López é profesora titular de Filoloxía latina e Pociña, catedrático da mesma materia na Universidade de Granada.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS