![]() Quempallou evolucionou, como moitos outros grupos do país, do tradicional a un estilo máis personal
FOTO: AXENCIAS |
O grupo folk Quempallou celebra os seus once anos de andaina con Once anos mallando (Zouma Records), cunha recompilación do mellor da súa discografía. "Non foi doado escoller, non. Escolmamos o máis representativo, e tamén o que funciona mellor nos concertos. Os temas máis axeitados para ver a evolución da banda", explicou o acordeón do grupo, Roi Maceda.
Quempallou naceu no ano 1999 entre o Incio (Lugo) e o Morrazo (Pontevedra). O primeiro CD chegou no 2002, e con el foron número un na lista de emisión W.R.A.S. de Atlanta (EE.UU.), dedicada ás Músicas do Mundo. "Comezamos Guillerme e eu cando estudabamos, coa intención de seguir polo menos ata acabar a carreira. Non pensamos que iamos chegar onde chegamos hoxe. Empezamos coa música tradicional porque era de onde viñamos: bandas de gaitas, de baile... E despois fomos evolucionando cara a un estilo propio, sen perder a raíz tradicional", indicou Roi.
"É certo que fomos introducindo novidades, nos instrumentos por exemplo. Combinamos instrumentos galegos con outros doutras tradicións musicais, aínda que xa no primeiro disco tiñamos o bouzouki... Tamén houbo cambios na composición do grupo, e tentamos apostar pola profesionalización", apuntou.
No 2004 editaron Estremonías, un traballo no que denunciaban a desfeita da Terra ou a explotación neoliberal. "Todo vai ligado. Sería un desprezo ó noso propio traballo non defender as nosas ideas, non defender a nosa cultura, a nosa lingua, e iso vai na propia música, que non ten un obxectivo só lúdico", subliñou Roi. No 2007 presentaron Polo Aire un disco onde as cordas adquiren grande protagonismo como base e as composicións propias.
Contaron neste traballo con distintos colaboradores, entre eles o grupo de hip-hop Dios ke te Crew. "Máis complicado que compoñer" -neste momento integran a banda sete persoas-, "é facer os arranxos, a posta en común. Entre todos dámoslle forma", asegurou.
Quempallou xa está preparando seu quinto disco, que sairá despois do verán. "Será un traballo máis elaborado, máis maduro e reflexionado. Desde Polo aire xa pasaron catro anos, e este queremos preparalo ben para que polo menos non sexa peor que o anterior. Polo aire xa marcou a estabilidade do grupo, e iremos na mesma liña. Serán moi importantes a corda e o acordeón, a voz, a percusión, e a mensaxe, reivindicativa pero tamén con outros elementos. Haberá, por exemplo, unha cantiga de arrolo, ou unha copla tradicional...", adiantou o músico.
A banda actuou nos máis importantes festivais folk de Galicia, como Ortigueira, ademais de tocar en distintos lugares Península (Setúbal ou Loulé en Portugal, Madrid, Barcelona...) e de Francia. "Si é certo que o dos festivais está máis difícil coa crise. Pero tamén pode ser unha oportunidade para democratizar o sector. Os grupos menos mediáticos e comerciais xa non estabamos afeitos a grandes cachés", sinalou.
O financiamento dos festivais
"Tamén é verdade que se pode aproveitar a crise para apoiar menos a música. Pero se cadra temos que pensar que non debemos depender das subvencións. O debate é se somos ou non autosufientes...", reflexionou.
"É moi raro que che cobren entrada nun festival, ou que haxa patrocinadores privados... Eu creo que habería que buscar a maneira de que os festivais se autofinancien. A época que o folk viviu hai dez anos deixou unha pegada de festivais, público...", engadiu.