Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Para deixar a historia máis muda

Destrúen a escultura de Manuel María en Monforte

Uns descoñecidos atentaron contra a obra adicada ó poeta chairego un día despois do seu cabodano

MARÉ . SANTIAGO   | 12.09.2006 
A- A+

GH
A cadeira da escultura de Manuel María quedou convertida nunha banqueta
FOTO: GH

O segundo cabodano de Manuel María foi lembrado en Monforte de Lemos cun atentado: un grupo de descoñecidos destruíron unha parte do monumento de homenaxe ao poeta, construído e metal e situado nunha céntrica praza da cidade. O atentado ocorreu na madrugada do domingo pasado e é xa o segundo que sofre o monumento na súa curta vida: foi inaugurado, precisamente, o tres de agosto.

O atentado cinguiuse á peza máis vulnerable do conxunto e, tamén, a de maior poder simbólico: a cadeira baleira que hai fronte á escultura de Manuel María, reflectido polo seu autor, José Antonio Ferrer, sentado arredor dunha mesa, tal e como quedou gravada a súa imaxe na memoria da cidade, onde o poeta foi -ademais de procurador- un famoso libreiro cunha pequena tertulia tras os libros do seu establecemento, denominado Xistral.

A cadeira baleira, que agora semella unha banqueta, foi concibida polo seu autor, precisamente, com unha invitación a sentar de novo ante Manuel María como se as súas concorridas tertulias regresasen á cidade.

O primeiro atentado contra o monumento do poeta, vinculado desde a ditadura franquista ás reivindicacións nacionalistas, tivo lugar o dez de agosto, só sete días despois da súa inauguración, á que asistiu a súa viúva, Saleta Goi. Daquela, o atentando cebouse tamén na cadeira, que apareceu arrincada da súa base.

Xa entón, o concelleiro monfortino de seguridade, Xosé Manuel Pavón, asegurou que o concello ía repoñer a cadeira "cantas veces sexa necesario". Agora, de novo Pavón falou cos medios de comunicación para condenar o atentado. "Nós non imos decaer e seguiremos traballando para adecentar a nosa cidade mentres que outros se dedican a estragala", manifestou.

Xa nos pasados meses, tamén en Monforte de Lemos, unha placa de homenaxe a varios guerrilleiros mortos durante o franquismo foi destruída por uns descoñecidos pouco despois de ser inaugurada.

PATRIMONIO

Acto vandálico en Cerdedo contra os represaliados

A Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes Verbo Xido, coa adhesión da Comisión pola Memoria Siñor Afranio que engloba nove asociacións do norte da provincia de Pontevedra, denunciou que o domingo foi arrincada por uns descoñecidos a placa do monumento de homenaxe a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, asasinados en agosto do anos 1936 nas proximidades de Cerdedo.

A asociación remitiu onte un comunicado no que anuncia a reposición da placa que será reposta "nun grande acto de desagravio que contará coa presencia de asociacións pola recuperación da Memoria de toda Galicia e para o que se fará un chamamento á veciñanza de Terra de Montes para que participe"

A asociación, convencida de que "os autores destes actos violentos e antidemocráticos, residen na zona en cuestión, e que máis tarde ou máis cedo saberemos a súa identidade", esíxenlles aos partidos políticos representados en Cerdedo que condenen "estes actos vandálicos" e, en sesión plenaria, condenen tamén "o réxime franquista", ao tempo que esixe "sen maior dilación o acordo plenario acadado por unanimidade para a retirada dos nomes das rúas dedicados a autoridades franquistas".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS