Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

figuras

Dez anos de "Contos por palabras"

Fernández Paz, entre os dez imprescindibles do século XX

EULALIA AGRELO COSTAS . SANTIAGO   | 01.02.2011 
A- A+

AXENCIAS
Agustín Fernández Paz é un dos escritores galegos máis admirados e apreciados do momento actual
FOTO: AXENCIAS

Nos últimos anos a Litera­tura Infantil e Xuvenil ga­lega alcanzou unha maior visibilidade grazas ao éxito conquistado por títulos co­mo Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz. Es­ta colectánea de relatos foi merecente do prestixioso Premio Lazarillo en 1990, na primeira convocatoria á que podían concorrer tex­tos en todas as linguas ofi­ciais do Estado español e, entre outros recoñecemen­tos, foi incluída na Lista de Honra do IBBY do bienio 1990-1992 e na selección dos Dez títulos imprescin­dibles da Literatura Infantil e Xuvenil española do sécu­lo XX elaborada en 2010.

Este extraordinario pal­marés e a cálida recepción crítica animaron a moitos lectores a achegarse a es­tes Contos que, desde que saíron do prelo en 1991, lograron unha notoria di­fusión: foron reedi­tados en varias ocasións e traducidos a varias linguas.

A teima de Fer­nández Paz por revisar os seus escritos explica que, cando se cumprían os dez anos da súa publicación, engadise dous novos relatos na súa oitava edición, Un máxico negocio e Un doce emprego, que tamén foran escritos no mesmo período que os oito publicados ini­cialmente. Coa saída da súa décima edición en 2006 ac­tualizounos á última nor­mativa ortográfica e, en 2010, volveu revisalos e in­corporou á décimo quinta edición outro dos relatos escritos hai vinte anos, Un león en apuros, así como o epílogo Vinte anos de anun­cios, no que refire a intensa experiencia creativa da que xurdiron estas narracións e a xenerosa fortuna que as amparou. Malia ser un­ha das súas primeiras en­tregas, consideramos que Contos por palabras é un anuncio das liñas narrati­vas que o autor vilalbés de­finiu en obras posteriores e que conforman unha escri­ta de selo propio e doada de recoñecer polos seus fieis lectores.

O tex­to O xornal a diario (Unha confesión) contextualiza o conxunto dos relatos que están introducidos por cu­riosos anuncios por pa­labras, dos que agroman sorprendentes historias protagonizadas por un ta­mén insólito elenco de personaxes, pois... quen imaxina un unicornio azul buscando parella, a Spider­man limpando cristais ou a un lobishome facendo a manicura? Todos eles son fíos argumentais chispean­tes que se entretecen sobre estruturas narrativas múl­tiples, nas que alternan a primeira e terceira persoa, o estilo directo e indirecto e o emprego de diferentes modalidades comunicati­vas.

A isto hai que engadir outras constantes da es­crita de Fernández Paz: o humor, o misterio, a ten­rura, as intertextualidades e a crítica a certas actitu­des humanas, á deterioración ambiental e ás agre­sións á lingua galega. En fin, trazos todos eles que fan de Contos por palabras un dos imprescindibles da literatura para grandes e pequenos.

O PERFIL

Renovación pedagóxica

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é o símbolo do notable desen- volvemento que o xénero da Literatura inantil e xuvenil acadou en Galicia nas últimas décadas. A súa obra, recoñecida con algúns dos galardóns máis importantes do xénero en Europa, abrangue un conxunto de títulos continuamente reeditados, así como unha traxectoria recoñecida tamén pola crítica. Profesor de profesión e vinculado aos movementos de renovación pedagóxica -nomeadamente Novas Escola Galega-, Agustín Fernández Paz publicou máis de 25 títulos, entre os que figuran As flores radiactivas (1990), Trece anos de Branca (1994), O centro do labirinto (1997), Noite de voraces sombras (2002) ou Aire negro (2006).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS