Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 20.11.2019 Actualizado 20:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

teatro

A diglosia no Xuízo Final

A compañía Bicodobrelo leva á Sala Santart "Comedia bífida", unha montaxe que reflexiona sobre a actitude dos galegos cara á súa lingua

M. DOPICO . SANTIAGO   | 25.02.2009 
A- A+

Bicodobrelo
A compañía Bicodobrelo levará esta montaxe a diversos centros de ensino do país
FOTO: Bicodobrelo

No Xuízo Final que se celebra nun local nocturno con ambiente de cabaret, San Pedro xulga os mortos galegos segundo o uso da súa lingua que fixeron en vida. Este é o cerne da trama de Comedia bífida, a montaxe que, sobre un texto de Manuel C. Núñez Singala, a compañía Bicodobrelo levará á Sala Santart de Santiago de Compostela esta fin de semana: o sábado 28 e o domingo 1 ás seis da tarde.

A obra, estreada o pasado maio na IX Mostra de Teatro Universitario de Galicia, obtivo no 2008 o segundo premio da especialidade de teatro do certame de novos creadores Gzcrea, e está a recibir unha boa acollida do público. "Xa estivemos na Estrada, en Silleda... Ao representar Comedia Bífida xa ves a reacción da xente, porque é unha obra que interactúa moito co público. O texto está moi de actualidade, pois reflicte a cuestión do idioma, o tratamento que os galegos lle damos. Á maioría gústalle moito, hai tamén quen ve reflectida a súa actitude cara ao galego e non lle gusta tanto... Como remexe conciencias, e non lle permite quedar á marxe...", explica Tero Rodríguez, a directora da montaxe.

"Un membro do grupo leu o texto, e pensamos que precisaba ser representado na sociedade de hoxe. Por iso nos decidimos a montalo. O texto hai ano e pico que está publicado por Galaxia, e estase a traballar moito con el nos colexios e institutos", engadiu.

Integran o elenco Eva Souto, Sandra Iglesias, David Pobra, Pablo Aldrey, Xabier Tejerina e Dani Moldes. "A posta en escena é divertida. Cambiamos, nisto, un pouco a proposta de Singala. Decidimos situar a historia nun ambiente de cabaré, con cancións e bailes en directo -as letras e músicas foron compostas para a montaxe-. Por iso formamos a compañía con algúns actores que xa sabían cantar. Buscamos facer non algo dogmático, senón vivaz, que convide á reflexión pero tamén divirta", salientou.

"A escenografía, como a dirección musical, é de Diego Rojo. O Xuízo Final ten lugar nun local de copas, cunha barra, cadeiras... inspiradas nos bares de cabaré. Como ninguén chegou ao Xuízo Final, non temos por que saber como é o seu escenario. Pensamos que, xa que o organizan seres divinos, por que non o van facer nun local no que estean cómodos e poidan pasalo ben. Así, San Pedro é o dono do bar, a barra é a mesa do xuíz...", aclarou.

En Comedia Bífida, Lucifer, o fiscal, fai honor ao dito de que "Deus é bo pero o demo non é malo", mentres San Pedro xulga os acusados coa axuda dos anxos, que son os que en realidade fan o traballo: cantan, bailan, un é o defensor... Os acusados representan varios tipos sociais segundo a súa actitude cara á lingua galega: a dos galegofalantes que educan os seus fillos en castelán; a dos que viven no rural e empregan no seu contorno o galego pero mudan ao castelán nas súas relacións coas persoas de maior status social como o médico, segundo a típica actitude diglósica; a xente nova que vive de costas ao galego por crer que non lles dará prestixio no seu ámbito de relacións, e a dos que se declaran bilingües pero están instalados na diglosia.

DATOS

Humor, ironía e diversión nun espectáculo ligado á Universidade

Humor, ironía, sarcasmo, crítica e autocrítica marcan este espectáculo. O texto, de Núñez Singala, foi publicado en abril de 2007 por Galaxia dentro da colección Costa Oeste.

O autor, cuxa voz está representada na obra a través de Lucifer, é escritor, filólogo e director do Departamento de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Inspirou este texto dramático nun sketch da montaxe Bicos con Lingua de Talía Teatro.

Bicodobrelo contou para montar esta obra co apoio da Universidade de Santiago.

"Ademais da axuda económica, o que nos achega a Universidade é un local de ensaio, e iso é moi importante. Sandra Iglesias fixo o deseño das luces, e Sandra e Eva Souto encargáronse do vestiario. A compañía xurdiu para esta montaxe, pero todos os que a formamos xa traballaramos en teatro noutras compañías, estudaramos teatro...", comentou.

A idea é distribuír a montaxe na maior cantidade de escenarios posible. De feito, o sábado 14 imos estar en Vedra, e estamos a preparar unha xira por centros de secundaria de toda Galicia", concluíu Tero Rodríguez.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS