Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

memoria

O donativo do espolio

O concello de Dodro e 18 asociacións asinan un manifesto que reclama a devolución do pazo de Bendaña que Franco trasladou pedra a pedra até Meirás

C. G. . DODRO .   | 09.05.2008 
A- A+

Gallego
O Pazo de Bendaña só se puido ver así antes dos anos 40, logo foi desmantelado e trasladado a Meirás
FOTO: Gallego

Dodro porá hoxe a primeira pedra e unirá esforzos para reclamar unha vella débeda histórica que levou ao concello a perder un dos seus máis simbólicos edificios, peza clave da arte barroca galega: o pazo de Bendaña (ou de Santa Baia, como tamén se coñeceu nunha época). Algúns maiores do municipio aíndan o lembran en todo o seus esplendor. E é que o pazo era unha auténtica xoia arquitectónica, do que hoxe só queda unha leve lembranza e vellas fotografías no caixón dos nostálxicos.

Na década dos corenta, o pazo, por acordo plenario regalóuselle ao Xeneralísmo como agasallo da provincia da Coruña e como instrumento para reconstruír o pazo de Meirás, daquela en ruínas. Co silencio do pobo dodrés, e auspiciado polas autoridades da época, o pazo de Bendaña foi desmantelado pedra a pedra e trasladado ó predio de Meirás. Os materiais do inmoble de Dodro serviron para levantar os máis nobres elementos do pazo que pasaría a ser residencia veraneira da familia Franco. O resto das pedras de Bendaña permaneceron amoreadas no terreo de Meirás en estado de total abandono.

Sesenta e oito anos despois, o actual goberno de Dodro, por iso de recuperar a memoria histórica do pobo, puxo en marcha unha iniciativa veciñal para reclamarlle as pedras a Meirás.

Así, esta tarde, ás oito do serán, no salón de plenos da Casa Consistorial están citadas as 18 asociacións existentes no municipio (veciñais, de monte, culturais, deportivas, xuvenís...) para que suscriban un manifesto conxunto tendente a reclamar a devolución do pazo de Bendaña. No manifesto recóñecese o espolio ao que estivo sometido Dodro na época, o traslado das pedras do pazo de Bendaña para Meirás así como a devolución das figuras que estaban na capela e que tamén foron levadas, así como "todas as pezas ornamentais que estiveron alí. Estamos a falar de escudos de armas, escudos nobiliarios o gravados", indica o tenente de alcalde e un dos promotores da iniciativa, o nacionalista Anxo Franco.

Das 18 asociacións, 16 xa confirmaron que asinarían o manifesto. As misivas remitiranse á Consellería de Cultura, á Deputación da Coruña, ao Concello de Sada e á familia Franco. "Sabemos que non nos van devolver todas as pedras do pazo de Bendaña, pero polo menos si as pezas de valor simbólico para o Concello de Dodro e esta é unha lexítima reivindicación", recalca o concelleiro dodrés.

DATOS

O torreón, o sinal de identidade

Un dos sinais de identidade do pazo de Bendaña era o seu torreón e a balconada corrida ao longo da fachada á altura do primeiro andar, como mostra a fotografía de época que ilustra estas liñas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS