Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 15.10.2019 Actualizado 14:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CITA COA INDUSTRIA CULTURAL DO PAÍS ·· teatro

Dorotea Bárcena: "O país anda patas arriba"

Regresa aos escenarios con "O cranio furado", un texto de Martin McDonagh que dirixe Quico Cadaval e que o próximo domingo se presenta en Pontevedra

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 25.11.2010 
A- A+

AXENCIAS
Dorotea Bárcena interpreta a Mary, un personaxe inamovible como unha pedra
FOTO: AXENCIAS

Despois de converterse nun dos personaxes máis populares de Galicia grazas ao seu papel de Amadora no programa televisivo O show dos Tonechos, Dorotea Bárcena (Oviedo 1944) volve ao teatro con O cranio furado, un texto de Martin McDonagh, dirixido por Quico Cadaval, que o próximo domingo se presenta no Cuturgal. O espectáculo converteuse nun dos grandes éxitos da temporada e supón a segunda ocasión en que unha obra de McDonagh se adapta ao galego: no 2005, Teatro do Atlántico produciu A raíña da beleza de Leanane, coa que o dramaturgo irlandés conseguiu o recoñecemento internacional.

No seu regreso aos escenarios, Dorotea Bárcena mantén intacta a mesma ilusión dos 17 anos "aínda que agora teña máis de sesenta" e non minguou -recoñece- o seu desexo de "conectar co público". O que si cambiou é o físico; "A carrozaría xa non responde e xa non podes facer eses perifoles de movementos, porque xa teño de todo: artrose, reuma... O físico non é o mesmo e iso imponlle limitacións á túa relación cos persoaxes e co propio escenario".

O seu paso pola televisión "foi positivo" , entre outras razóns "porque che permite formar parte realmente da vida dos espectadores. Dalgun xeito ceabas con eles, xantabas con eles, e eras un máis da súa familia". Ese agarimo ten agora no teatro as repercusións e hoxe "facendo teatro teño máis incidencia nos espectadores que hai vinte anos. Calquera cousa que faga nestes momentos sobre un escenario ten unha transcendencia de público que non tiña naquela época".

Ademais de popularidade, "a televisión deume de comer, pois no teatro a rendibilidade resulta moi díficil e o cinema é moi escaso". Iso permítelle afrontar con certa folgura "a horrible situación que vive a Cultura en Galicia. Os gobernos despréndense máis alegremente dos presupostos de cultura que doutras cuestións como frotas de coches. Coa cultura estase a facer unha desfeita, mesmo en industrias que estaban comezando a ter certa puxanza, como a audiovisual. Perdéronse centos de postos de traballo. O país anda patas arriba".

O PERFIL

Forxada nos tempos heroicos do teatro galego, Dorotea Bárcena leva máis de corenta anos prestándolles a súa pel aos personaxes que interpreta. Foi, ademais, a primeira directora de escena en Galicia.

Corenta anos incansables Os lazos da conexión celta

O cranio furado, asegura Bárcena, "ten moito que ver con nós, cos galegos, cos nosos cismas. Podería dicirse que a obra ten moito de antropoloxía galega aínda que sexa escrita por un irlandés". Ao seu ver, se hai no mundo xente que poida parecer galega, son os irlandeses. E viceversa. A obra desenvólvese nunha comunidade pequena "e endogámica, onde os rumores chegan a converterse en verdade aínda que os seus habitantes sexan conscientes de que a premisa da que se parte é falsa"

McDonagh, mago dos diálogos

Dorotea Bárcena está encantada co seu personaxe, Mary, "esa especie de rexoubeira que hai en todas as aldeas". Porén, o que máis lle fascina é a capacidade de Martin McDonagh -"un magnífico dramaturgo"- pola súa "habilidade incrible para dialogar". Trátase de diálogos "que van creando ambientes concretos, ás veces con simples monosílabos" e de personaxes "que te van metendo en espazos abafantes". Personaxes perfectamente construídos que incluso parece "que van saír do escenario e meterse na túa vida".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS