Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.01.2018 Actualizado 13:17
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

PARA LER

Ebook, podcasting, móbil...

A editora dixital 2.0 axita o panorama da industria cultural galega

MARÉ. SANTIAGO  | 17.03.2010 
A- A+

AXENCIAS
Douglas Adams, autor de da ‘Guía’ de 2.0, foi un pioneiro en levar a súa obra a diferentes formatos
FOTO: AXENCIAS

A Guía do autoestopista galáctico de Douglas Adams, Un idioma preciso, de Xusto Rodríguez Río e Sen novas de Gurb de Eduardo Mendoza son os dous títulos cos que boa a andar 2.0 Editora, unha editorial dixital que combina os soportes tradicionais e os novos soportes. 2.0 comeza mañá a súa andaina cunha presentación na Librería Couceiro de Compostela.

A editorial, segundo os seus promotores, pon en circulación produtos textuais en formatos accesibles para ebooks e móbiles, e sempre adaptados tanto ao concepto de páxina tradicional como aos de páxina dixital e as súas diferentes necesidades, ben sexa en producións de tinta impresa, tinta dixital, tinta electrónica ou textos para o oído (podcasting).

2.0 ten como obxectivo tamén publicar en formato dixital contidos de diferentes materias, de todos aqueles autores e editoriais que sintan a necesidade de facer da internet unha das súas canles de distribución. A súa concepción empresarial está lonxe dunha plataforma de autoedición e autopublicación, aínda que unha das súas vertentes é servir de soporte nesta modalidade e prestar o seu asesoramento "sobre as principais carencias detectadas nos textos recibidos".

A editora non só ofrece produtos senón que produce os seus propios textos e presta servizos a outras entidades e editoriais con necesidades de edición específicas. Desa maneira, puntualizan, "orientamos os nosos esforzos a proporcionar servizos de deseño e promoción a outras editoriais para que os seus produtos e servizos cheguen aos seus públicos dun xeito efectivo, a través das novas canles abertas no escenario da Internet".

A súa aposta inicial baséase en tres liñas de traballo. Mundos será unha colección propia de narrativa de ficción social na que se inclúen autores internacionais. A sátira social, o humor e a reflexión son algúns sinais de identidade desta colección coa fin última de facer gozar da lectura.

Folcsonomías confórmase con títulos de ensaio sobre comunicación e sociedade. Trátase de obras de referencia e de consulta "para comprendermos a nova pragmática da comunicación, a lingua, e a súa aplicación na sociedade do coñecemento".

Por último, ofrecen unha colección de textos dixitais, con obras de enfoque fundamentalmente ensaístico e de divulgación que combina textos traducidos doutros idiomas con textos de produción propia sobre a sociedade do coñecemento: a Internet, a función da Rede e das redes.

PROXECTO ‘ENCLAVE’

Galaxia como pioneira

Só unha editorial galega, Galaxia, figura entre as 51 que en España participan no proxecto Enclave, que multiplicou por dous tanto o número de libros dixitalizados, con dereito de autor e opción de compra, como o número de participantes en apenas tres meses, desde que a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) e a Biblioteca Nacional de España (BNE) puxeron en marcha esta iniciativa. Aínda que só Galaxia pertence ao grupo, outra editorial con sede fóra do país, Edebé, pero incluída na Asociación Galega de Editores figura nos socios deste proxecto que contén máis de 3.300 obras dixitalizadas. Tamén Xerais presentou a súa solcitude aínda que, de momento, non foi confirmada.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS