Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

letras

Égloga térrea, íntima, próxima

Xosé María Álvarez Cáccamo constrúe un poemario textual e visual con topónimos esdrúxulos

M. DOPICO . SANTIAGO   | 16.02.2011 
A- A+

Un canto, en forma de poemas textuais e visuais, ós topónimos galegos, e con el á terra, a Galicia. Unha celebración lírica e telúrica da sonoridade desa parte tan importante da nosa lingua que é a onomástica. Así é Cántico dos topónimos esdrúxulos de Xosé María Álvarez Cáccamo, un libro-obxecto que o autor presentará o xoves ás 20:00 horas no No Auditorio da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, nun acto organizado polo Ateneo de Pontevedra.

Acompañarán ao poeta o editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, o arqueólogo Xosé Lois Vilar e o grupo musical Xardín desordenado, composto por Santiago Ferragud (voz, guitarra), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra). Porque o libro ten que ver coa arqueoloxía -o autor mergullouse no nomenclátor á procura duns fermosísimos topónimos esdrúxulos-, e coa música: é unha obra para ler en voz alta, e gozar así da musicalidade dos topónimos.

"Unha vez estiven en Córgomo, gustoume o topónimo e a partir de aí, e ó decatarme das súas posibilidades musicais, eu, que son moi coleccionista, comecei a coleccionar topónimos esdrúxulos", comentou Cáccamo. O libro, editado nunha tirada limitada dun cento de exemplares, contén un poema visual numerado e asinado, debuxado polo propio autor con tintas chinesas en varias cores.

Gonzalo Navaza asina o epílogo, e o libro foi impreso no 2010, o ano de Uxío Novoneyra. Non ía ser doutro xeito: Navaza é un escritor hábil cos palíndromos, que ademais fixo unha tese de doutoramento sobre fitotoponima galega. E Novoneyra foi tamén autor de poemas visuais.

Pero non acaba aquí o conto: tamén o pai de Cáccamo, Xosé María Álvarez Blázquez, publicara obras en edición limitada, libros-obxecto coma este. E aínda máis: o propio Cáccamo xa ten, en Bourel, a editora artesanal de Antonio Piñeiro, un libro con poemas visuais, Manuscritos do ar. En Cántico dos topónimos esdrúxulos todo está medido, pensado, calculado. Os versos dos 15 poemas textuais, e os dos 8 poemas visuais. Cáccamo prefire non chamarlles, a estes últimos, caligramas, xa que non buscou que fosen figurativos. Quería, como en Manuscritos do ar, que o lector se decatase do valor plástico dos poemas, alén do contido.

"De poesía visual non se fai moita cousa, non, non só en Galicia. Eu debuxo, e fago poesía obxectual, e cada vez tómoa máis en serio. Sempre me interesou ese lindeiro entre a poesía e a pintura", conta.

E insiste nalgo que se ve con claridade ó ler o libro: "nos poemas os topónimos non están colocados ó chou. Utilicei modelos clásicos, rimas: hai un soneto, un romance, acrósticos, agrupo topónimos polo número de sílabas, ou os que teñen só a vocal e, ou a vocal o...".

Así, xoga coa musicalidade dos topónimos, combinándoos de diferentes maneiras. Subliña o efecto con cores, coa forma dos poemas caligráficos... E, aínda que non concibiu o libro pensando niso, defende os topónimos na súa forma orixinaria, real, primixenia, contra os ataques dos que queren traducilos.

DATOS

"Petróglifo místico" con "acústica"

O libro alterna os poemas visuais e os textuais, e en parte deles establece conexións entre un e outro. Ó final da obra -delicada, montada con plegos de dúas follas, sen grapar-, aparece a lista dos topónimos utilizados.

Boa parte dos poemas caligráficos adoptan unha forma circular. Como di Navaza, nun epílofo feito, como o prólogo de Cáccamo, con esdrúxulas: "Achégasnos co Cántico nun petróglifo místico lepidópteros gráciles de dactílica acústica".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS