Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

CATALUÑA

Enésimo manifesto en contra da norma

O Proxecto Galauda de intercambio de linguas e culturas reclama non relegar o noso idioma

MARÉ   | 22.03.2010 
A- A+

O equipo do Proxecto Galauda (Ensino do galego na Secundaria de Cataluña e ensino do catalán na Secundaria de Galicia) expresou o seu "profundo malestar" ante o Borrador do Proxecto de Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Tras once anos de docencia, os integrantes deste proxecto manifestan en sete puntos as súas reivindicacións fronte a este decreto: 1. Unha parte substancial da identidade galega e da súa cultura baséanse na lingua de seu, o galego. Preservala é irrenunciábel, e a escola é un dos lugares fundamentais para acadar este fin.

2. En Galicia nunca houbo unha imposición da lingua galega, nin a hai agora. Argumentar o contrario é falso e demagóxico.

3. A lingua minorizada actualmente en Galicia, na maioría dos sectores sociais, é a lingua galega, e este decreto vén afondar na discriminación do uso do galego. Os argumentos cos que se nos quere convencer de que o castelán está en perigo son unha falacia destinada a confundir a poboación.

4. O Consello de Europa, nun informe do 2008, confirmou que en Galicia non se cumpren os dereitos mínimos do idioma galego e, segundo os estudos publicados pola Real Academia Galega, nos últimos dez anos reduciuse á metade o número de persoas que falan habitualmente galego.

5. O galego non pode ser relegado a lingua de segunda no ensino. A lingua galega non só é útil para facer literatura, oral ou escrita, senón tamén para o estudo das ciencias e das humanidades en xeral. Calquera materia do ensino universitario e non universitario debería ter o galego como lingua vehicular e da súa didáctica.

6. Lexislar para reducir o emprego da lingua galega no ensino non universitario é empecer o seu futuro como idioma vivo oficial de Galicia, espoliar o patrimonio do pobo galego e un ataque a unha cultura milenaria.

7. A promoción do galego na escola non supón romper a convivencia social dos cidadáns de Galicia. Así mesmo, o estudo do inglés ou doutra lingua estranxeira nunca pode supor unha diminución do idioma galego na escola primaria e secundaria.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS