Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

lingua

Engraxando maquinaria

A Mesa prepárase cara á manifestación do 17 de Maio reclamando o "inmediato cesamento ou dimisión" dos conselleiros de Cultura e Educación

MARÉ . SANTIAGO   | 25.04.2010 
A- A+

Fran Rei, pola esquerda, Carlos Callón, Susana Romero e Iria Taibo onte na Fundación Caixa Galicia de Santiago

A Asemblea Xeral de Socias e Socios da Mesa pola Normalización Lingüística reuniuse onte na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela para "engraxar a maquinaria organizativa" de cara á manifestación do vindeiro 17 de Maio.

Esta mobilización está convocada pola plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa, e será unha nova resposta ás "incívicas políticas contra o galego do goberno de Núñez Feijóo".

Ademais, o conclave da maior asociación cultural de Galiza aprobou por unanimidade unha resolución para reclamar o "inmediato cesamento ou dimisión" dos conselleiros de Cultura e Educación. Segundo indicou o presidente da Mesa, Carlos Callón, "é difícil unir tal nivel de rexeitamento social e demostración de incompetencia para gobernar, mais Jesús Vázquez Abad e Roberto Varela lográrono".

Na xuntanza nacional, os afiliados e afiliadas da Mesa debateron e aprobaron por unanimidade o informe de contas, o orzamento para o próximo exercicio, o informe de xestión e a proposta de actividades para os vindeiros meses. Tamén se abordou de forma positiva o incremento de membros do colectivo, con 433 novas altas entre 2009 e os primeiros meses de 2010. Para manter a liña de crecemento do colectivo, acordouse iniciar unha nova campaña de afiliación, "para que calquera persoa que teña sensibilidade pola nosa lingua saiba que pode ser unha pata máis desta mesa, un soporte máis desta casa común".

Por outra banda, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino secundario do Salnés celebrará o vindeiro martes, día 27, ás oito da tarde no Auditorio de Vilagarcía, o acto "O Salnés bota a lingua" en defensa do galego no ensino.

Entre as actividades que se elevarán a cabo, un grupo de alumnos dos institutos de Vilagarcía e Vilanova interpretarán dúas pezas musicais, proxectarase un audiovisual coa historia e as actividades da CENDL do Salnés ou varios alumnos e pais lerán textos falando sobre o idioma no ensino.

Ademais, intervirá Valentina Formoso, en nome da Coordinadora galega de ENDL, que valorará o Proxecto de Decreto presentado pola Xunta. O obxectivo da actividade é o de facer pública "a valoración crítica por parte dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Proxecto de Plurilingüismo feito público pola Administración Educativa".

Pretenden ademais "darlles voz aos representantes de todos os ámbitos da comunidade educativa (alumnado, familias e traballadoras e traballadores do ensino) que consideran un paso atrás na normalización e difusión da lingua galega o actual proxecto de decreto".

ASEMBLEA

Catro claves da asociación

Na asemblea da Mesa celebrada onte en Santiago participaron o presidente da Mesa, Carlos Callón, o vicepresidente, Fran Rei, a vogal Susana Romero e a secretaria xeral da asociación, Iria Taibo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS