Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

DODRO

Envolvencia poética no acto do "Lorenzo Baleirón"

Luís Valle recolleu onte o galardón

ALBA TALADRID   | 20.12.2010 
A- A+

Alimentan as palabras e cando son coidadas deixan ademais o mellor gusto no padal. Os veciños de Dodro constatárono onte nunha nova festa da palabra con motivo da entrega do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que na súa vixésimo terceira edición recaeu sobre o xove escritor local Luis Valle.

A presidenta da Fundación Rosalía e coordinadora deste premio literario durante os últimos anos, Helena Villar, foi a encargada de abrir o acto, no colexio que leva tamén o nome do referente dodrense das letras. Villar Janeiro gabou "como a súa veciñanza mantivo viva a memoria de Eusebio Lorenzo Baleirón", de quen dixo, "no seu ceo sentirase orgulloso de ver unida a súa paixón literaria e a vocación educativa", na entrega do premio onte. Ao propio galardón referiuse como exemplo da "conmemoración da dignidade da lingua propia".

Tras a intervención de Villar Janeiro a atmosfera do vestíbulo do centro escolar embriagouse de lirismo cun acto poético musical no que Eva Veiga puxo voz a poemas de Rosalía, Novoneyra e o propio Baleirón.

A tenente de alcalde Victoria Rei foi a encargada de ler a acta do ditame no que se recoñece "a profundidade temática, musicalidade, o coidado debuxo das figuras e unha lingua impecable" na obra Palabras e palabras e palabras, que lle valeu a Luis Valle o galardón.

Emotiva resultou a entrega formal do galardón que entregou a Valle o irmán do falecido poeta dodrense, Manuel Lorenzo Baleirón. O gañador mostrouse conmovido por obter un premio que "lembra a un dos nomes propios das nosas letras no século XX" e "que xa obtiveron moitos amigos polo que é aínda máis emotivo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS